18 05 19 Fragas de Lostegal e Ribeira (As Pontes) A Coruña
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: As Pontes (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: Polideportivo do Poboado do Barreiro (340 m)
ACCESO: As Pontes está situado na estrada que vai de Vilalba a Ferrol. Tamén na autoestrada AG – 54 que, indo de Vilalba abandonaremos na saída 36 para cruzar o polígono industrial ata a central eléctrica. Logo, na rotonda collemos a primeira saída para internarnos polas rúas do lugar ata o polideportivo.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 650 m DISTANCIA: 19 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 23 – I
COTA MÍNIMA: Polideportivo (340 m) COTA MÁXIMA: Alto da Fraga (670 m)
SINOPSE: Este percorrido sitúase nun dos mellores espazos naturais da provincia de A Coruña a cabalo entre o LIC da Serra do Xistral e o Parque Natural das Fragas do Eume.
DESCRICIÓN DA RUTA: Decidimos facer esta ruta ó revés do que se fai normalmente por ser a parte menos atractiva da ruta debido a o eucaliptal que logo, máis adiante, irá desaparecendo. Esta camiñada sae do parque que hai xunto ao polideportivo municipal no Poboado de Barreiro. Para iso cruzamos o río Eume para pasar polo lugar de A Cuíña que atravesamos para comezar a subida máis importante desta andaina.
O camiño comeza a subida entre plantacións de eucaliptos, que irán desaparecendo a medida que subimos. Temos un ramal pola nosa esquerda máis nós seguimos de fronte polo camiño principal, sempre en subida. O camiño vai abríndose e podemos ver as nosas costas a vila de As Pontes.
Vamos subindo en dirección nor–leste ata un punto que temos un xiro ao sur-leste que nos levará a entroncar cunha pista asfaltada que da servizo ao parque eólico. Chegamos á pista onde seguimos cara á esquerda, agora con moita menos pendente, desde a que divisamos un campo de aeroxeradores. No alto de A Meda (644 m) sae unha pista de terra en dirección nordeste que vai ata Vilarbó. Camiñamos por esa pista deixando un poste de comunicacións á nosa dereita, e logo duns cincocentos metros, a pista xira á esquerda pero nese punto temos que abandonala para seguir de fronte por un camiño recentemente rozado. Este, en suave baixada vai entre recentes plantacións de piñeiros ata que chega á entrada da fraga de Lostegal. Agora o carreiro intérnase na fraga onde temos carballos de gran porte, tamén castiñeiros e acivros. Segundo imos baixando, o carreiro gaña en pendente polo que estaremos atentos de non esvarar en caso de choiva. A saída da fraga de Lostegal faise á pista que deixamos no comezo da ruta, camiñando por ela chegamos ao campamento de Vilarbó onde facemos unha parada.
Seguimos pola pista un anaco máis ata que de novo se converte nun carreiro que nos vai achegando ao encoro de Ribeira. O camiño sae do bosque achegando ao encoro, temos tres pasos provistos de escaleiras de madeira que nos facilitan as subidas e baixadas. Logo dunha curva á esquerda aparece o Chao do Habanero, un casarío, tamén anegado polo encoro, que tiña ponte, muíño e hórreo.
Pouco despois temos unha forte pero curta pendente para enlazar cunha pista, pola que sacaron madeira recentemente. Esta pista atravesa máis adiante o rego de Malvís, onde existen os restos dun muíño, comezando a subir, temos unha curva moi pechada á dereita e un pouco máis arriba, abandonamos a pista para coller un carreiro á dereita no lugar do Couce da Cabana.
O carreiro, case sempre, preto do encoro vai facendo pequenas subidas e baixadas a través do monte, pasando por fermosos lugares como o Rego dos Porcos e o Rego do Inferno. Así chegamos á presa que non cruzamos porque pola marxe esquerda sae un carreiro marcado como pequeno recorrido de Ribeira que pasa por unha área recreativa con mesas e grellas. Pasada esta área recreativa o camiño baixa ata o fondo da presa ben por unhas escaleiras ou facendo un pequeno rodeo. De calquera maneira chegamos á parte inferior da presa e seguimos o camiño marcado. Xa damos vista as casas de As Pontes, pasamos preto a unha presa, que podemos visitar, e logo chegamos as primeiras casas de A Cuíña. O sendeiro perfectamente marcado atravesa o río por unha ponte de madeira e remata no parque do Poboado de Barreiro.