16 09 17 Pico Turbina - Haba e Liño (Peñamellera Alta) Asturias
TRAZADO DA RUTA |
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Sierra del Cuera (Peñamellera Alta) Asturias
PUNTO DE PARTIDA: Collado Cruz – Arangas (400 m)
ACCESO: Estrada AS – 345 que une Arenas de Cabrales con Niserias por Alles
HORARIO: 6/7 horas DESNIVEL: 915 m DISTANCIA: 20 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía MAPA: I.G.N. 32 – III
COTA MÍNIMA: Collado Cruz (400 m)
COTA MÁXIMA: Pico Turbina (1.317 m)
SINOPSE: A serra de El Cuera é un impresionante murallón calizo con vertentes moi verticais e separada do mar entre cinco e nove quilómetros, sendo o máis longo dos cordais costeiros de Asturias. Ten a súa máxima cota no sector central onde o pico Turbina (1.345 m) pertencente ao concello de Peñamellera Alta, é a máxima altitude.
Outros cumes relevantes son Cabeza Ledesma (1.234 m); Cabeza Bubena (1.199 m); Liño (1.177 m); Peña Blanca (1.176 m), pico Haba (1.162 m) o pico Corona, o Paisano e o Jana, xa por debaixo dos mil metros de altitude.
DESCRICIÓN DA RUTA: No Collado Cruz (400 m), divisoria dos concellos de Cabrales e Peñamellera Alta collemos unha pista de terra que sobe polas abas da serra de El Cuera amosándonos fermosas vistas sobre o val de Alles situado entre as serras do Cuera e Juan Robre. Máis arriba acadamos Trebes, unha pradería cercada con muro de pedra (650 m) abandonado aquí a pista que vai cara ao nordeste onde existía unha antiga mina.
A ruta desvíase en sentido oposto por un sendeiro debuxado entre breixos e pedras soltas, achegándonos ao cimbro Sellón, encrucillada de camiños con outro que ven de Arangas. O sendeiro suca pola encosta con sucesivas revoltas polo chamado Canal del Gobiu que remata na terraza da Concha Gobiu (1.070 m). O camiño prosegue, logo de pasar unha cancela de ferro, con un desnivel máis suave entre breixos faldreando a base do pico Llacia, pola beira oriental do mesmo.
Vemos á nosa dereita unha lagoa artificial e máis aló a braña Piedra del Oso, con unha ruta alternativa ao Turbina. O sendeiro vai ladeira arriba esquivando as pedreiras do Turbina (1.345 m) empoleirándonos no dobre cume onde se levanta unha caseta e un fito.
A medio camiño dos dous cumes partimos en dirección leste por zona herbosa esquivando todos os buratos que imos atopando cara ao pico Ledesma que deixamos á nosa dereita, para seguir cara ao pico Haba (1.162 m). Camiñar por esta zona é un auténtico calvario, buratos e cristas todo seguido, temos que mirar continuamente onde poñemos os pés para evitar algún percance, é un sobe e baixa continuo. Atopamos outra braña totalmente destruída e o sendeiro segue a ser de incómodo andar.
O camiño cara ao Liño (1.177 m) é un pesadelo, pasamos pequenos vales e buratos, todo iso por sendeiro cuberto de mato e pedras. Subimos polo lado oeste desta zona caótica e baixamos polo lado contrario. De fronte temos o pico Ubricario pero baixamos cara ao sur pola braña do Liño en dirección á braña de Abanielles. Desde aquí vamos en dirección leste para evitar uns resaltes rochosos, logo viramos cara ao oeste para chegar as cabanas de Doña Toba. A partir de aquí o camiño colle unha clara dirección oeste pasando pola seguinte braña de Llabándames onde conectamos cunha pista que todo en baixada nos deixa en Alles (263 m).