16 06 18 Laguna de Las Verdes - Pico Montihuero (Cabrillanes) León
SITUACIÓN: Comarca de Babia. Cabrillanes (León)
PUNTO DE PARTIDA: Torrestío (1.370 m)
ACCESO: Desde Trubia pola estrada AS – 228 ata o porto de Ventana. Desde aquí pasa a ser a LE – 481 pola que seguimos ata o indicador de Torrestío que segue pola LE – CV 771.
HORARIO: 5/6 horas
DESNIVÉIS: 1.195 m de subidas / 1.277 m de baixadas
DISTANCIA: 18 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 77 – III – 102 – I
COTA MÍNIMA: Torre de Babia (1.290 m)
COTA MÁXIMA: Pico Montihuero (2.187 m)
SINOPSE: Neste itinerario descubrimos tres dos vales máis fermosos da Babia Alta: Valverde, Congosto e de Torre. Estes portos foron moi frecuentados no esplendor da transhumancia pois é terra de paso habitual de gando dun lado a outro da cordilleira.
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñar cara a poñente deixando de fronte a pista que sobe ao alto de La Farrapona. Collemos o desvío pola nosa esquerda que no seu comezo é de formigón subindo unha primeira rampla de acusada pendente saíndo en seguida da casaría. Seguimos subindo pola pista principal, agora con menos pendente, polo Valle de Valverde. Temos a escura e inconfundible silueta do pico Morronegro, que aparece pola nosa esquerda, un pouco máis adiante son as Peñas Solarco, Vallera e Cualmarce as que nos cerran o val por poñente.
No camiño pasamos unha cadra con cercado para as ovellas chegando ao alto de Queixeiro (1.751m) dando vista ao val de Congosto. Desde este cimbro sae unha pista en dirección suroeste que de seguida nos leva ata unha bifurcación. Temos que prestar atención neste lugar porque a pista que baixa de fronte en dirección sur este vai polo val Congosto ata o poboado de La Majúa. Nosoutros collemos á dereita uns metros pasando unha pronunciada curva en dirección á Collada de Veigarredonda (1.777 m). Aquí sae unha pista pola esquerda que vai a Robledo polo que rexeitamos este camiño seguindo de fronte na mesma dirección que traíamos. Nunha curva á esquerda sae outra pista pola man dereita que tamén rexeitamos. Seguimos a pista ata unha curva moi cerrada que vira á esquerda. Nesta curva, seguimos de fronte ata alcanzar a braña de Chabuezo onde xiramos en dirección oeste para pasar xunto a unha lagoa. Pouco despois aparece no fondo a Laguna de Las Verdes á que chegamos de seguida.
Xunto a lagoa temos dúas opcións para seguir camiño de Torre de Babia. A fácil consiste en seguir o sendeiro marcado que pasa pola braña de Las Verdes e sen ningunha perda nos leva ata o poboado. Outra opción, para subir ao Montihuero é, desde a Laguna de Las Verdes subir por El Canalón, bastante pendente que se abre paso entre os picos Las Coloradas e Montihuero ata acadar a Collada de Los Ortigales na que collemos á esquerda para subir ao cume do Montihuero (2.187 m).
Seguimos a cimeira para pasar por Las Eras de Montihuero (2.118) baixando logo pola Cuesta los Cerros ata o Collado Corralines (1.755 m). Desde aquí seguimos pola Veiga Viecha ata entroncar coa pista moi preto de Torre de Babia.