12 01 06 Senda verde de la Agüera e As Zarras
VER PUNTO DE SAÍDA | VER TRAZADO DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELÁN |
SITUACIÓN: Vilanova de Oscos (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Vilanova (650 m)
ACCESO: A Vilanova de Oscos chegamos dende A Veiga subindo ao porto de A Garganta pola AS – 11, logo no porto collemos a AS – 14.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEIS: 475/ 680 m DISTANCIAS:12/14,5 km
DIFICULTADE: Baixa/media TIPO DE RUTAS: Circulares
MAPA: I.G.N. – 49 – II
SINOPSE: A ruta proposta nesta ocasión mestura fermosos bosques ben conservados con arquitectura popular nun espazo tan singular como son Os Oscos.
DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza no medio da vila, collendo un camiño nas últimas casas que vai ao cemiterio onde, seguimos por riba cara a casa de El Río. Unha vez aquí collemos a esquerda por pista asfaltada ata Santa Eufemia. Cruzamos o río Agüeira para coller un camiño pendente que sae pola dereita, comezando aquí a subida cara a El Vale e Pena Grande. Este camiño, con bastante pendente, atravesa un bosque autóctono de vidueiros, carballos e acivros.
O camiño segue cara as brañas de Lama, Chao de Bureiros e A Folgueirúa gozando de moi boas vistas dende o alto. Aparecen indicacións dun sendeiro que baixa pola esquerda pero nós seguimos de fronte polo camiño principal. Temos un desvío que nos leva a Peña del Tesoro, unha pedra de gran tamaño no medio do monte. No quilómetro 3 do percorrido remata a subida, arrodeamos uns prados ata un cruceiro de pistas. Collemos o ramal da esquerda que despois de pasar xunto a un banco de madeira comeza a baixar pola ladeira da montaña. Existe unha pequena área con mesas e bancos antes do regato Morán, que cruzamos por una ponte de madeira, no medio dun fermoso bosque onde se mesturan carballos, castiñeiros, acivros e uces. Seguindo o sendeiro avistamos un ben conservado cortín e logo, máis adiante o río Villanueva.
Logo de cruzar o río por unha ponte de pedra, comeza a segunda subida da xornada. Pasamos polo medio da aldea de San Mamed onde nos recibe un fermoso lavadoiro que nos invita a facer un descanso e ollar o bo traballo de arquitectura do lavadoiro. Cruzamos a estrada para seguir subindo pola ladeira de enfronte ata a aldea de Pacios, cuxa arquitectura tamén merece unha parada.
Cruzamos pola parte alta de Pacios, pasando xunto a unha casa de labor, para de seguida internarnos noutro fermoso bosque. Logo de cruzar un rego, as sinais mándannos á esquerda, seguindo o leito do rego. Esta é a opción da ruta do Agüeira. Quen queira camiñar un pouco máis, seguirá neste cruce de sendeiros, de fronte subindo lixeiramente cara a Vilarello, lugar que tamén posúe unha boa arquitectura de pedra. O camiño segue, preto da abandonada aldea polo monte abaixo a carón dalgúns prados cada vez máis invadidos polo monte. Cruzamos por unha ponte de madeira para seguir un sendeiro balizado de laxes que facían de cerrume das fincas.
En seguida avistamos Santa Eufemia, chegamos a estrada e seguimos un anaco por ela para desviarnos por un camiño que sobe pola esquerda cara ao cemiterio. Dende este lugar volvemos polo mesmo camiño de ida ata Vilanova.