15 08 25 La Restanca - Estany Llong
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Parc Nacional d´Aigüestortes i Estany de Sant Maurici (Lleida)
PUNTO DE PARTIDA: Ref. de La Restanca (2.010 m)
ACCESO: Ao refuxio de La Restanca acédese desde Arties pola pista de Rius, en coche ata o aparcadoiro de Pont de Resec. Dende aquí por pista e sendeiro nunha hora ata o refuxio.
HORARIO: De 6 a 9 horas DISTANCIA: 16 km
DIFICULTADE: Alta TIPO DE RUTA: Travesía
DESNIVÉIS: de subida: 1.095 m / de baixada: 1.100 m
COTAS MÁXIMAS: Coret d´Oelhacrestada 2.475 m e Collet de Contraix 2.748 m.
MAPA: Carros de Foc (Ed. Alpina) 1:25.000
DESCRICIÓN DA RUTA:
1ª parte:
De Restanca (2.010 m) a Ventosa (2.215 m) 2h a 3h30m (6 km)
Saímos do refuxio de La Restanca (2.010 m) e aos poucos metros deixamos o camiño de Estany de Mar. Remontamos pola esquerda do regato que ven de Lac deth Capa deth Port.
Unha vez no lago, bordeámolo e seguimos o camiño que na parte final está cheo de grandes bloques de pedra. Seguimos os fitos situados ao largo de ditos bloques e chegamos a Coret d´Oelhacrestada ou Port de Rius (2.475 m), xa entre prados. Despois de camiñar por terreo chan uns metros, imos perdendo altura sempre seguindo o camiño, pasando por riba de Estany des Monges, o máis grande da zona.
Deixamos o Estany des Mangades á nosa esquerda pasando pola dereita do Travesany, na desembocadura deste, cruzamos ao outro lado para subir unha pequena costa que nos levará ao refuxio de Ventosa i Calvell (2.215 m).
Este traxecto é bastante frecuentado polos excursionistas que fan o cume do Montardo (2.837 m), un dos picos con mellores vistas do Pirineo o cal teremos ocasión de subir na derradeira etapa desta travesía. A baixada dende o Coret d´Oelhacrestada ata Ventosa é moi cómodo, o refuxio está situado sobre un esporón rochoso, uns cen metros por riba do Estany Negre, orientado cara ao sur.
Variante por Col de Tumeneia
Esta variante ofrécenos a posibilidade de non repetir camiño á volta dende o Coret d´Oelhacrestada ou Port de Rius (2.475 m) ata o refuxio de La Restanca. Para iso temos que saír de La Restanca seguindo o camiño de Estany de Mar que arrodea o lago. Máis adiante, en Plan de Mar, deixamos este camiño para desviarnos á esquerda polo sendeiro que sobe ao Coll de Tumeneia (2.604 m).
A baixada faise pasando xunto ao Estany Gelats del Port ou Tumeneia, logo o sendeiro conflúe no refuxio de Ventosa con o que ven de Coret d´Oelhacrestada.
Salientar que esta opción varía o desnivel de subida e baixada da ruta nuns 130 m máis que pola primeira opción, sendo a distancia similar.
2ª parte:
De Ventosa (2.215 m) a Estany LLong (1.987 m) 4h a 6h (10 km)
Posiblemente o tramo máis duro de todos. Collemos o camiño en lixeiro descenso entre grandes bloques de pedra ata que chegamos a un prado grande, habendo deixado o Estany Gran de Culieto detrás. Alí seguimos en dirección recta ao cimbro (pola esquerda iríamos a Port de Colomers). Temos que ter vista porque aquí pérdese bastante xente indo directamente ao refuxio equivocado de Colomers.
Aos poucos metros deixamos o camiño de Punta Alta de Comalesbienes (3.019 m), cume onde algún compoñente do grupo xa estivo, á nosa dereita e seguimos os fitos, pola dereita do barranco. Aproximadamente aos 2.600 m de altura, atoparemos grandes bloques de pedra que xa non nos abandonarán ata practicamente o Collet de Contraix (2.749 m).
A baixada é a máis longa do percorrido, duns 900 m, de desnivel. Seguiremos o camiño por un tramo pedregoso ata chegar ao Estany de Contraix.
Debido a esixencia física desta ruta, non se contempla a subida a ningún cume.