15 10 17 Braña la Puerca - El Xiblu - Parque de la Prehistoria
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | MAPA PARA IMPRIMIR | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Teverga (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: A tres quilómetros de El Páramo (1.127 m)
ACCESO: Desde Trubia seguindo a AS – 228 que pasa por San Martín de Teverga.
HORARIO: 4/5 horas DISTANCIA: 13,5 km DIFICULTADE: Baixa
TIPO DE RUTA: Travesía DESNIVÉIS: 320 m de subidas / 915 m de baixadas
COTA MÍNIMA: Parque da Prehistoria (540 m)
COTA MÁXIMA: Fervenza de El Xiblu (1.238 m)
MAPAS: I.G.N. – 77 – I – III
SINOPSE: O bosque de Monte Grande está situado en plena Cordilleira Cantábrica, polo sur do concello de Teverga, ocupando a ladeira norte que se estende desde o pico Ferreirúa ata o porto de Ventana. Está composto na gran maioría por faias entre as que se cobizan algunhas especies protexidas como o oso e a pita de monte.
A auga é outra das protagonistas xa que o bosque está sucado de riba a abaixo polo rego de La Verde que orixina unha sucesión de fervenzas coñecidas como El Xiblu.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta ruta parte dunha explanada xunto á braña de La Puerca (1.127). Collemos unha pista que se interna polo fermoso faial de Monte Grande que sen desniveis apreciables vainos ensinando logo de cada curva as fermosuras que agocha este lugar onde imos atopando diferentes paneis informativos. O percorrido entre faias, fai auténticos túneles de vexetación batuxada de faias, carballos, acivros, aciñeiras e espiños.
Atopámonos na fonte de Las Valiñas situada á dereita da pista e axiña acadaremos o leito do río onde remata a pista e comeza a subida polo val de Carbacedo dende o que xa podemos contemplar a fervenza de El Xiblu, non obstante, temos que cruzar o regato tras o que xurde un cruce de camiños. Temos que elixir o que xira á esquerda converténdose un pouco máis arriba en sendeiro ascendendo paralelo á marxe do rego para chegar a base dun conxunto de fervenzas que se suceden ao longo de cen metros sobre unha base de cuarcita onde se cae a auga formando colas de cabalo.
De volta no cruce anterior, collemos o Camino Real de La Focella, baixando ao comezo para logo coller altura ao paso da braña de La Ferviencia. Unha vez cruzada esta enlazamos con a ruta de Las Navariegas que ven de La Fociella. Imos cara á dereita pasando unha rústica ponte de madeira atopando unha fonte é un desvío á dereita que baixa a Páramo. Seguimos de fronte para chegar á aldea de La Focella (1.060 m) onde, na súa parte alta, existe unha boa fonte por onde collemos o camiño que coincide co trazo orixinal dun camiño medieval que sobe cara á Collada del Pandu (1.150 m).
Desde este cimbro temos a opción de subir con pouco esforzo á Peña Vigueras (1.376 m) que nos depara unha fermosa panorámica do bosque de Pandu e todo o val de Teverga.
Desde a Collada del Pandu, abandonamos a pista para coller un carreiro que baixa cara ao poboado medieval de Presorias (837 m), hoxe composto de praderías e cabanas.
Os poboados de Presorias e San Vicente aparecen citados en documentos do século XII como aldea e pequeno mosteiro. Desde este punto, o camiño mellora chegando a unha bifurcación que vai pola dereita a Cueva Huerta e á esquerda a La Plaza.
Collemos o da esquerda que pasa por San Salvador e logo ao Parque de La Prehistoria, onde rematamos esta fermosa camiñada.