15 06 20 Pico Cirbanal

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN    MAPA

 

SITUACIÓN: Sena de Luna (León)

PUNTO DE PARTIDA: Robledo de Caldas (1.180 m)

ACCESO: Saíndo da A – 66 cara a Villablino, collemos a C – 623, cruzamos o encoro e collemos á esquerda ata Robledo de Caldas.

HORARIO: 6/7 horas          DISTANCIA: 14 km             DIFICULTADE: Media                  

TIPO DE RUTA: Travesía             DESNIVEL: 1000 m

COTA MÁXIMA: Cirbanal (2.077m)       COTA MÍNIMA: Caldas de Luna (1.135 m)

MAPA: I.G.N.- 102 – II       

DESCRICIÓN DA RUTA: Enfronte a igrexa de Robledo sae unha pista que sobe rapidamente para enlazar con outra de máis nova construción. Imos subindo ao norte polas Llanas, curioso nome para sitio tan pendente, ata avistar a cunca superior do rego de La Encubierta.  Camiñamos sempre en dirección noroeste pasando por un cimbro (1.612 m) situado ao leste do pico Las Rozas. Desde este lugar, que aproveitamos para coller resollo, vemos a zona do Cirbanal ao leste e o tramo seguinte da ruta cara ao norte.

            O camiño empedrado rodea agora a Peña de la Ermita polo oeste seguindo por riba do regato de Las Rozas e axiña aparece o macizo de Peña Ubiña cara ao noroeste e os Montes de León polo suroeste. O camiño remata na Majada de Cazurría (1.560 m), lugar onde existe unha cabana xunto á que xiramos en dirección leste para subir polo Valle del Cubil e chegar a un estreito cimbro (1.747 m) dende o que temos unha boa vista do Negrón e a zona do porto de Pajares.   

            Dende este cimbro subimos pola ladeira dereita onde, no comezo, existe un sendeiro que abandonamos pouco despois para chegar a un punto, xusto enriba do cimbro, e a súa vez ao lado dun enorme burato, Hoyas de las Puentes. De fronte temos o Cirbanal e cara ao noroeste unha ampla vista das Ubiñas.

            Bordamos o burato polo leste chegando así a crista que nos leva ao Cirbanal, pasamos a vertente sur onde unha serie de chanzos de rocha guíanos ata onde podemos subir máis comodamente ao cume. As vistas son amplas, sobre os Barrios de Luna polo suroeste, cara aos cumes de Babia e Somiedo, cara ao macizo de Ubiña, a baía de San Lorenzo en Xixón, os Picos de Europa e o pico Torres por riba do porto de San Isidro.

            A baixada en dirección sur este pasa polo Collado de Buéis (1.739 m) dende o que comezamos a baixada seguindo a canle do regato Pincuejo. Chegado a zona de pastos, o regato xira ao sur e nós temos que buscar polas paredes que cerran ao sur unha cova e un enorme ollo.  O camiño pasa pola beira destas formacións meténdose o rego nun impresionante canón, por onde non se pode pasar andando. Nada máis pasar este tramo chegamos ao camiño nun estreito cimbro (1.477 m) que domina toda a zona de Las Caldas. Dende aquí en poucos minutos chegamos a Caldas de Luna onde damos por rematada esta fermosa travesía.