15 01 17 Ardisana - Hibeo - Puente Nuevo

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA      

 

SITUACIÓN: Llanes (Asturias) 

PUNTO DE PARTIDA: Ardisana (180 m)

ACCESO: Dende a autoestrada A – 8 saír a Posada de Llanes, aquí coller a AS – 115 ata Puentenuevo onde nos desviamos pola LLN – 14 que nos leva a Ardisana.

HORARIO: 5/6 horas          DISTANCIA: 13 km                    DIFICULTADE: Media                  

TIPO DE RUTA: Travesía          DESNIVÉIS: De subida: 774 m / de baixada 882 m

COTA MÁXIMA: Pico Hibeo (873 m)           COTA MÍNIMA: Puente Nuevo (60 m)

MAPA: I.GN. – 31 – IV       

 

DESCRICIÓN DA RUTA:  Saímos dun dos barrios de Ardisana onde se atopa un fermoso teixo na entrada dunha casa. Camiñamos en dirección sur por unha pista con cadras á dereita e prados á esquerda, tendo o Cueto La Cueria ou Berracabra que imos deixando á nosa dereita. O camiño remata xunto a uns prados cercados cara aos que imos para cruzalos e saír na parte superior dos mesmos, nos lindeiros de Cueto La Roce que bordaremos pola súa marxe dereita, nunha zona con moito barro.

            Seguimos bordeando o Cueto La Roce deixando a zona de prados para entrar noutra de monte baixo, que na súa parte alta aínda conserva unha zona de castiñeiros. Atravesamos esta zona aproveitando calquera dos sendeiros feitos polos animais con tendencia abaixo para buscar unha pista de terra que sae do mesmo lugar de Ardisana.

            Esa pista vai cara ao val do rego de Orticeda, podendo contemplar á outra marxe a ladeira do pico Amporios por onde subiremos pouco despois, tamén vemos ao fondo a Sierra del Hibeo.

            Un pouco máis arriba, chegamos a unha portiña que cerra o paso que, tras pasala, deixamos a pista e tirámonos á dereita, barranco abaixo, ata acadar o leito do rego Orticeda no lugar coñecido como L´Olla del Riu, onde se atopan algunhas covas.

            A pista segue polo val arriba en dirección á braña de Orticeda onde, pouco antes de chegar á mesma, atópase a Cueva del Tiempu que din as lendas de pastores que metendo a man na cova, se facía frío era sinal de bo tempo.

            Logo de cruzar o rego, comezamos a subida pola ladeira oriental do pico Amporios sen que exista ningún camiño definido ata a metade da ladeira onde collemos un claro e visible sendeiro que vai facendo varios zigzags polo monte arriba.

            No alto da ladeira atópanse as praderías da Vega de Amporios que atravesamos para subir ao cume da Peña Amporios (529) coroada por un montón de pedras e cunhas boas vistas do val de Ardisana.

            Baixamos pola outra vertente cara á Majada de Amporios con as ruínas de varias cabanas e algúns freixos, así como os restos da parede de pedra que cercaba os prados. Saímos desta braña en dirección suroeste faldreando no comezo a ladeira de Cantu la Jocica. Proseguimos polo visible sendeiro gañando pouco a pouco algo de altura ao mesmo tempo que nos imos internando no bosque das abas do Bedugal, xa debaixo dos estribamentos de Cabeza La Jaya.

            O sendeiro pasa por terreos embarrados entre faias cubertas de musgos. Logo de percorrer esta extensa ladeira, chegamos a un cimbro (610 m), dende o que seguimos bordeando a ladeira procurando non perder altura atopando, de vez en cando, algunha traza de sendeiro que discorra preto das penas que vai atravesando paraxes de gran beleza con exemplares de pinos, faias e algún teixo.

            Así saímos a outro cimbro (590 m) onde collemos un esfumiñado sendeiro que nos leva a braña de La Ablanosa (620 m), abicada na ladeira meridional de La Cabeza La Jaya. Desde a mesma braña comezamos a remontar a despexada ladeira que sobe a Cabeza La Jaya (766 m) sen ningún sendeiro pero que se sube sen problemas.

            Desde este lugar temos unhas vistas impresionantes de toda a Sierra del Hibeo onde destaca o propio pico Hibeo de 873 m de altura.

            Baixamos a empinada ladeira para situarnos no cimbro Carcavón que seguimos por riba en liña recta cara aos primeiros estribamentos da Sierra del Hibeo xunto aos cales, atopamos outro sendeiro. Desde este, mirando á ladeira cara arriba, podemos ver unha figura de rocha coñecida como “La Señorina”. Polo sendeiro imos subindo en diagonal pasando xustamente por detrás da escultura de rocha, unha entretida subida que nos vai sacar á parte alta do cristeirío por terreo de herba e rochas.

            Así acadamos o cimbro Pozabal (755 m) dende o que vemos a un e outro lado o cristeirío de serra. Seguimos polo cimbro, escudindo as continuas rochas que imos atopando, bordeando esta pena polo lado dereito, podendo ver máis abaixo unha pequena lagoa artificial. Saímos a un cimbro no mesmo pé do Hibeo que subimos nunha curta e fácil camiñada.

            O pico Hibeo ou Cabeza Juralisa (873 m) posúe un vertixe xeodésico e buzón montañeiro. Ten boas vistas cara aos Picos de Europa, a serra do Sueve e de Escapa así como tamén cara a serra de El Cuera.

            Proseguimos a marcha en dirección leste seguindo a mesma cristeira pasando xunto a un gran túmulo de pedra que marca o comezo da baixada que atravesa varias veigas ata unha ampla campeira cunha solitaria cabana de pedra. Deixamos atrás a campeira arrimándonos á esquerda para atopar un escondido cimbro que asoma a vertente setentrional da serra. Aquí sae un sendeiro en diagonal por debaixo da Peña La Salgar que pasa por zonas embarroadas e outras de chan empedrado. Longo, un tramo de baixada pola serra cara ao Collado Braniella (500 m) situado entre La Peña e Peña La Salgar onde quedan restos de cabanas e un pequeno bebedeiro.

            Seguimos primeiro en dirección leste, deixando La Peña á nosa esquerda, para baixar en busca dunha pista que a través de prados e cabanas deposítanos no lugar de Malatería. Cruzamos esta aldea cara ao oeste primeiro e logo ao norte para internarnos nun camiño polo medio do monte que segue por Comezán para cruzar a estrada asfaltada, seguindo logo a carón do río San Miguel e rematar na Venta el Pobre.