14 12 21 Liñares de Bidul - Riodeporcos - Sena
SITUACIÓN: Fonsagrada (Lugo) Ibias (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Liñares de Bidul (800 m)
ACCESO: Na estrada G – 630 que une Lugo con Grandas de Salime, a altura do km. 19, cóllese a CP – 19 – 08 que pasa por Liñares de Bidul. Seguindo esta estrada entroncamos coa CP – 19 – 10 que seguiremos en dirección a Ponte de Boadile Ibias ata o cruce que vai a Riodeporcos
HORARIO: 3 – 4 horas DESNIVEL: 570 m de baixada / 330 m de subida
DISTANCIA: 13 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 74 – II – IV
SINOPSE: Fermosa ruta de sendeirismo que logo das panorámicas dos primeiros pasos mergúllanos no val do río Navallo. A fermosa chegada a Riodeporcos é inesquecible así como as seguintes vistas dende o camiño que leva a Sena da ribeira do río Navia e os lugares da Fonsagrada.
DESCRICIÓN DA RUTA: En Liñares de Bidul (800 m), collemos un camiño que sae á esquerda en dirección leste. Os nosos pasos seguen, no comezo, unha pista que atravesa monte baixo. Ao pouco tempo abandonamos a pista cara á esquerda para coller un carreiro con bastante pendente. De seguida atopamos as ruínas dunha casa (600 m) dando entrada a unha paraxe de rochas e bosque autóctono. Seguimos o sendeiro, de laxe e bastante esbaradizo, que atravesa varios soutos e regatos pasando xunto aos restos de antigas corripas. A cada paso o sendeiro faise máis fermoso seguindo o regato do Navallo, encravado no fondo do val. Atopamos outra casa (320 m), esta habitada temporalmente, que posúe unha fonte. Seguimos o noso camiñar ao longo do val ata que desembocamos na estrada (280 m), onde collemos á esquerda ata a entrada da pista de Riodeporcos que xa podemos ver dende a nosa posición.
Damos un xiro a dereita entrando na pista que leva a dita aldea á que acedemos pola ponte colgante (240 m). Riodeporcos (280 m) ben merece unha parada. Este lugar solo conta con dous acesos, un pola ponte e outro por pista para vehículos todo terreo dende o lugar de Sena.
No medio da aldea, fronte a casa rural parte unha pista pola dereita que sobe facendo varios zigzags bordeando a Pena da Vara (604 m) ata desembocar polo oeste deste monte dando vistas, pola dereita, ao encoro de Grandas de Salime e aldeas da Fonsagrada como Arexo e O Vilar da Cuíña.
A partir deste lugar quédannos catro quilómetros sen desniveis apreciables ata chegar a Sena (500 m).