14 08 17 Río Donsal

 

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS P.D.F. CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Becerreá (Lugo 

PUNTO DE PARTIDA: O Couso (840 m 

ACCESO: O comezo da ruta sitúase na estrada que vai dende Lousas polo alto da Cruz do Restelo cara a Neira de Rei, no cruce de entrada á aldea de O Couso. 

HORARIO: 5/6 horas          DESNIVEL: 450 m de subidas / 950 m de baixadas                          

DISTANCIA: 18 km             DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía             

MAPA: I.G.N. – 99 – I 

SINOPSE: Trátase dunha das rutas máis fermosas do concello de Becerreá, preto do espazo natural de Os Ancares. No seu comezo ten vistas espectaculares da zona que imos percorrer e dos Ancares. Existen fermosos bosques autóctonos e poderemos observar elementos etnográficos como muíños, pequenas centrais eléctricas, ouriceiras e construcións típicas, algunha fervenza e minas antigas. A maior  parte da ruta transcorre por zonas de bosque con moita sombra.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos da estrada pola pista que nos leva a O Couso (840 m). As vistas son excepcionais vendo toda a parte alta da Serra de Ancares e numerosas poboacións nun suave marco de montañas. Dende O Couso saímos por cómodo sendeiro que baixa cara ao val bordeando o monte de O Aguillón para chegar á aldea de Santa Eulalia de Quintá (600 m), onde existen bos exemplos de arquitectura tradicional incluíndo os restos de algunha palloza.

            Seguimos camiñando por sendeiro que se bifurca no Teso das Tablas, tramo de ida e volta dende o que temos unha fermosa panorámica do río Donsal, a fraga de Valiñas onde existen varias ouriceiras e unha mini central hidroeléctrica que subministraba corrente á aldea de Quintá.

            Dende o souto de O Carballal volvemos á bifurcación de O Teso das Tablas onde xiramos á dereita para seguir a ruta internándonos por frondosos bosques de variada vexetación onde destacan os impresionantes castiñeiros na zona coñecida como Son a Móa.

            Saímos á estrada é, logo de recorrer uns cen metros, no quilómetro 15, desviámonos á dereita a través dun souto e os prados de As Veigas, pertencentes á aldea de Quintá. Enlazamos co antigo camiño de Quintá a Sevane e cruzamos o río Donsal por unha ponte de madeira, continuando polo camiño ata chegar a Sevane (560 m), aldea situada nunha lomba con un castro e típicas construcións.

            O camiño baixa de novo ata o río Donsal, podendo visitar a antiga mina de Sevane, que nos queda á esquerda e logo dun xiro á esquerda, atopámonos coa minicentral de Sevane e a súa fermosa fervenza onde non deixaremos de visitar a parte superior da mesma accedendo pola dereita do salto inferior.

            Continuamos polo medio do bosque, sempre preto do río, podendo contemplar algúns muíños nos prados de A Cortella e unha ouriceira cadrada, subindo logo, ata a aldea de Buisán (540 m) onde se atopa a capela de San Xoán Degolado, situada nun alto á saída da aldea.

            En Buisán temos dúas opcións: Baixar polo pendente camiño do piñeiral ata o río, cruzando pola ponte e acadar Cabana ou ben outra opción, recomendada pola Asociación Castaño y Nogal, que consiste en desviarnos cara á aldea de Arroxiña, pola encosta de A Cogoma, con fermosas vistas da aldea de Penamil, Mazaira, montes de Tucende, Bullán, así como o entorno da Cabana, chegando ao río e cruzando este para chegar a Cabana onde remata o percorrido.