14 01 19 Fervenza de Oneta - Pico del Can - Alto la Bobia
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | P.D.F. CASTELÁN |
SITUACIÓN: Villayón e Valdés (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Oneta (320 m)
ACCESO: Dende Navia pola estrada AS – 25 que vai a Villayón, en Castañera collemos a estrada AS – 36 que vai a Luarca polo alto de El Segredal.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVÉIS: 715 m de subidas / 600 m de baixadas
DISTANCIA: 10,5 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 11 – IV – 26 – II
SINOPSE: As fervenzas de Oneta foron declaradas Monumento Natural sendo destino de moitos visitantes. A primeira, La Firbia, será a que visitemos nesta ocasión cunha caída duns 15 metros onde existe un vello muíño rodeado de carballos, freixos e bidueiros. Existen outras dúas fervenzas máis abaixo sendo a última de difícil aceso.
A segunda parte da ruta amósanos vistas de mil aldeas e lugares cara a todos os puntos cardinais, sendo as máis importantes que podemos ver dende este percorrido, Villayón e Puerto de Vega.
DESCRICIÓN DA RUTA: No centro de Oneta (320 m) parte un camiño en dirección cara ao suroeste que atravesa as veigas nun recorrido sen desniveis ata preto da fervenza. Alí o camiño baixa en busca do río de Oneta onde aparece a fermosa fervenza de La Firbia (240 m) onde daremos a volta logo das fotos correspondentes.
De novo en Oneta, seguimos a estrada en dirección nordeste ata a primeira curva á esquerda onde seguimos de fronte polo camiño a carón do regato de Oneta, onde de seguida, o camiño vira á dereita (340 m) internándose polo monte xunto ao rego de Segredal. O camiño sobe facendo zigzags, subida que non rematará ata pasar o pico Picón que ten dúas antenas no seu cume.
O camiño atravesa o rego Cavau (580 m) xirando en dirección norte ata que atopamos a estrada asfaltada AS – 36 que vai a Luarca. Unha vez na estrada temos que xirar á dereita, dirección suroeste, e camiñar por ela un tramo ata que nos aparece pola nosa esquerda unha pista de terra.
O camiño xira de novo en dirección norte chegando así a outra (720 m) estrada de nova construción onde esta prohibido circular por ser de título particular. Atravesamos esta estrada oblicuamente para seguir a pista que xa non vai amosando boas vistas cara atrás onde destaca aló no fondo Oneta e máis lonxe o lugar de Villayón.
Seguiremos esta pista ata o seu remate no cume do Pico del Can (ou Panondres. Pasamos o Picón (848 m) deixándoo á nosa esquerda para chegar a un pequeno cimbro (812 m) dende o cal xa vemos o Pico del Can, tamén con varias antenas, e o seu vertixe xeodésico (845 m).
Xusto na derradeira antena, onde remata a pista, temos que cruzar uns arames de espiño para baixar pola ladeira oposta a que subimos, en dirección noroeste en busca dun pequeno paso entre as rochas (760 m). Seguimos o carreiro con tendencia á dereita que nos leva a outro cimbro moi amplo (730 m). Baixamos en dirección norte pola parte superior da liña de piñeiros que existen neste lugar, para máis abaixo, noutra campa (615 m), xirar á dereita para atopar un carreiro medio tapado que vai deixando a pena Los Campetinos (674 m), á esquerda pero, xusto onde remata esta pena, temos que deixar o camiño para subir monte arriba uns metros e empoleirarnos sobre un pequeno chan entre penedos (558 m).
O camiño sobe uns metros por un cortalumes pero cando se empina temos que coller un ramal pola dereita que nos levará a media altura pola ladeira do Rebordiabueis ata atopar de novo outro cortalumes (550 m).
Seguimos por forte pero curta pendente e logo de superala todo costa abaixo ata o Alto la Bobia (400m).