13 09 29 Peña Vieja e Picos de Santa Ana

VER PUNTO DE SAÍDA

VER MAPA DA RUTA

VER GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

 

(Polo Camino del Hachero e Canal del Vidrio)

SITUACIÓN: Camaleño (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: Fuente De (1.078 m)

ACCESO: Dende Unquera, coller a estrada N – 621 que vai a Potes onde nos desviamos para seguir 23 km pola estrada que vai ata Fuente De.

HORARIO: 7/8 h                  DESNIVEL: 1.950 m                      DISTANCIA: 18 km

DIFICULTADE: Alta           TIPO DE RUTA: Circular              

MAPAS: I.G.N. – 56 – III – 81 – I

SINOPSE: Ruta de moita dureza polo desnivel acumulado a salvar, onde temos que prestar atención nalgúns tramos da Canal del Vidrio porque existe certo risco de caída. Polo demais esta é unha ruta a dous cumes de 2.600 m máis fáciles de Picos de Europa. As vistas que nos amosa na parte superior son impagables.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza xunto ao teleférico de Fuente De. Saímos de Fuente Dé ( 1.078 m) internándonos por uns lameiros logo de pasar unha portiña á esquerda do Parador Nacional. De seguido tomamos contacto cunha pista que seguimos e na primeira curva á esquerda, abandonámola   para seguir por unha corredoira que atravesa toda a pendente cara dereita. O camiño revólvese nos primeiros derrubes da rocha pasando unha bifurcación onde o camiño da esquerda vai pola Canal de la Jenduda mentres que de fronte segue polo Camino del Hachero.

            O camiño moi marcado cruza por debaixo do tendido do teleférico para dar un rodeo e volve a cruzar máis enriba de novo para saír á estación superior de El Cable (1.834 m).

            Agora collemos a pista ancha que se dirixe ao norte ata unha bifurcación onde collemos o ramal da dereita que nos leva aos Puertos de Áliva. De seguida avistamos o Chalet Real co seu teito vermello e máis a dereita podemos tamén observar o Hotel – refuxio de Áliva.

            O noso camiño segue por riba do Chalet Real polos pedreiros que caen de Peña Vieja, deixando tamén pola dereita os restos das minas de as Mánforas. O camiño agora sobe empoleirándonos entre as abas de Peña Vieja e La Garmona onde temos que tomar precaucións para evitar esvarar.

            Logo, a pendente do camiño suavízase, ata que nos leva á altura de Coteras Rojas onde temos que ir virando cara á esquerda para dirixirnos ao amplo cimbro que podemos ver dende a nosa posición, o Collado de la Canalona (2.444 m).

            Dende este cimbro, xiramos á esquerda para acometer a subida a Peña Vieja (2.613 m) á que chegamos en pouco tempo. Dende este cume podemos observar moitas montañas tanto do Macizo Central como Oriental, tendo o Picu Urriellu  nítido no horizonte.

            Volvemos de novo ao Collado de la Canalona e seguimos por sendeiro claro ata a base do primeiro pico de Santa Ana (2.596 m) que se sobe facilmente, non sendo así no segundo (2.601 m) que teremos que botar a man a rocha.

            A volta facémola de novo polo Collado de la Canalona para baixar por camiño de bo trazo ata a senda que vai do Cable a Cabaña Verónica. Unha vez nela, collemos á esquerda para enlazar na Vueltona coa ancha pista mineira que nos leva ao Cable, dende o que podemos baixar pola Canal de la Jenduda.