13 06 30 Peñas Pintas

  

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Crémenes (León)

PUNTO DE PARTIDA: Las Salas (1.020 m)

ACCESO: Las Salas está situada na estrada N – 621 que vai de Riaño a Crémenes. A 14 km dende Riaño.

HORARIO: 5/6 horas            DESNIVEL: 965 m                          DISTANCIA: 15 km                       

DIFICULTADE: Media            TIPO DE RUTA: Circular                      MAPA: I.G.N. – 105 – I

SINOPSE: A privilexiada situación destes cumes permitiranos gozar dunhas vistas sen parangón. Por outra banda temos a oportunidade de aprender unha lección de xeoloxía onde as rochas que compoñen este macizo son de natureza calcaria e os movementos tectónicos fixeron que se pregaran nun sen fin de caprichosas formas.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Pouco antes de entrar en Salas, indo de Riaño temos un camiño a man dereita que vai entre os montes de La Corona e El Corón, poboados de carballos, acivros e sorbas. Segundo imos gañando altura van asomando as brancas abas de Peñas Pintas (1.985 m) mentres que, si volvemos a vista atrás vemos todo o val e máis lonxe o lugar de Cármenes, situado nunha ampla veiga.

            Seguimos o camiño para pasar por un cimbro preto de Las Lombas, dende o que vemos a aldea de Horcadas e o encoro de Riaño. A partir deste punto seguimos en dirección noroeste camiño do val de Las Traviesas, unha ampla bagoada onde hai unha caseta. Dende aquí podemos ver o pico Jano co seu faial da cara norte.

            Logo da caseta vemos, cara ao oeste, unha pena pequena cun cimbro á súa dereita. Dirixímonos cara a este cimbro para acadar a aresta oeste do noso obxectivo de hoxe. Esta é a parte máis dura e complicada da ruta onde deberemos ir buscando os pasos máis fáciles na subida, ata chegar a crista que da vista ao lado setentrional das Peñas Pintas. Cara ao norte e noroeste esténdese un mar de pregamentos rochosos, mentres que no fondo do val temos o Collado Anciles co seu inseparable Pico Llerenes que forma un dobre cume. Tamén vemos os lugares de Salamón e Valbuena del Roblo.

            As caídas cara a este lado son vertixinosas polo que deberemos extremar as precaucións. Continuamos pola cara sur da crista, tendo que perder altura en algunhas ocasións, progresando cara ao cume máis occidental. Unha vez neste tomaremos un respiro para contemplar as montañas que a nosa vista alcanza.            

            O Espigüete, Peña Prieta, Picos de Europa, o macizo de Mampodre, solo por dicir algúns aparecen á nosa vista.

            Extasiados de tanta beleza, proseguimos o camiño en dirección norte para coller o mellor sendeiro que nos leve ao cimbro de Anciles (1.640 m). Dende este cimbro, si a forza nos acompaña, podemos subir ao pico Llerenes (1.880 m) ou baixar en dirección oeste ata a fonte de Los Pastores.

            Dende a fonte seguimos por camiño, uns tres quilómetros, en dirección suroeste ata a Salamón (1.080 m). Antes de entrar no lugar temos un camiño á man esquerda que, en catro quilómetros, sobe ao Collado Pando (1.300 m) e logo todo en baixada nos leva a Las Salas