13 12 15 Pena Guímara

 

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: A Fonsagrada (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA: Escola de Vilardíaz  (620 m)

ACCESO: Na estrada LU – 740  (A PontenovaFonsagrada)

HORARIO: 3 horas              DESNIVEL: 230 m                          DISTANCIA:10 km              

DIFICULTADE: Baixa            TIPO DE RUTA: Circular                      MAPA: I.G.N. – 49 – III 

SINOPSE: A Fonsagrada posúe un gran valor etnográfico. Muíños, corripas, carboeiras, teixos, caleiros, cortíns, hórreos e principalmente castiñeiros que fan os soutos posiblemente máis grandes de Europa.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada dende a escola seguindo a estrada cara a Vilardíaz collendo o primeiro camiño que aparece pola esquerda. Axiña chegamos ao núcleo de Vilardíaz onde destaca “Villa Severina” con o seu hórreo de teito. Deixamos á esquerda esta casa para cruzar de fronte a estrada para encarar unha pequena subida ata outro núcleo de casas. Aquí collemos unha pista á dereita que seguimos un treito ata que aparece pola dereita un estreito carreiro que nos introduce nun souto. Pasamos xunto a un teixo centenario e un par de carboeiras baixando ata unhas escaleiras de pedra chegando así a estrada asfaltada onde collemos á dereita seguindo por ela uns 350 metros ata que atopamos un sendeiro pola esquerda que de novo nos introduce no bosque.

            Este sendeiro baixa ata o río Veiga de Logares que imos remontando logo de pasar dúas corripas e as ruínas de dous antigos muíños onde atopamos unha parede de pedra que temos que bordear pola marxe dereita. Temos pasos estreitos entre rochas que superamos para achegarnos de novo ao río.

            Agora camiñamos paralelo ao mesmo, sobre a parte lateral dunha antiga presa que servía para regar as veigas, quedando o río á esquerda. Seguimos camiñando pola beira do río ata que atopamos de fronte o camiño que nos leva pola esquerda á aldea de Romeán e o seu castro onde podemos observar exemplos de arquitectura tradicional aínda ben conservada.

            Volvemos polo mesmo camiño ata entroncar co que vai á aldea de San Martín de Robledo onde podemos ver algunhas casas que se adaptan ás rochas sobre as que están construídas destacando tamén a igrexa co seu rústico patio cuberto.

            Atravesamos un pequeno souto que posúe varias covas feitas pola erosión da auga na rocha calcárea, situadas na marxe dereita do camiño. Logo chegamos á estrada que cruzamos para chegar de novo a escola de Vilardíaz.

            A xente máis andadora pode seguir dende a escola de Vilardíaz ata O Ventorrillo en pouco máis dunha hora.