13 11 17 Cabeza l´Arcu
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Caso (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Caleao (660 m)
ACCESO: Pola estrada AS - 17 de Ujo ao porto de Tarna e preto do remate do encoro de Tanes collemos un desvío, cruzando o encoro por unha ponte, que nos leva a Caleao.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 680 m DISTANCIA: 11 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 79 – I
SINOPSE: O Parque Natural de Redes comprende a cunca alta do río Nalón, dende o seu nacemento ata o encoro de Rioseco, con todos os afluentes que verten as súas augas tanto pola dereita como pola esquerda. Nesta ocasión visitamos un dos lugares máis fermosos do Parque, Caleao. Situado a 720 m de altura posúe a arquitectura de montaña máis representativa do Parque, con casas sucalcadas e un gran número de hórreos que se estenden polas estreitas e pendentes rúas.
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a ruta na praza de Caleao (660 m) collendo un camiño que cruzando o río e en suave ascenso adéntrase no regato de La Pasera. Camiñamos entre prados e pequenos bosques faldreando con o río sempre á esquerda ata chegar á ponte de madeira de La Campa (800 m) onde no verán pódese cruzar o río polas pedras.
Agora o camiño colle máis pendente alonxándose do río ata La Porquera (940 m), braña fácil de recoñecer pola cabana existente ao abeiro das rochas. Dende aquí o camiño segue entre faias pola val de Xulió. Segundo imos subindo acompáñanos o regato que forma diferentes pozas que cruzamos en varias ocasións. Cruzamos por unha portiña de ferro que, situada entre dúas penas, cerra o val.
Logo dunha sinxela subida pola encosta occidental acadamos as primeiras cabanas da braña de Xulió (1.080 m), onde non é raro atopar rebezos e corzos pacendo nestas pradarías.
O camiño abandona a braña cara a cabeceira do val, deixando sempre un muro de pedra á esquerda e salvando novamente, logo de pasar a derradeira cabana a canle do regato. De fronte podemos ver tres pequenas depresións e os restos dunha cabana, seguindo o camiño pola depresión central, a máis fonda, quedando á esquerda o regato. Logo o val vai abríndose xirando o sendeiro á esquerda para subir a pendente por un frondoso faial que remata na Collada l´Arcu (1.345 m), lugar que da vistas ao Mayáu de Pandellina (1.200 m), polo que pasamos cara ao comezo do desfiladeiro de Los Arrudos.
Dende este lugar temos a opción de subir á Cabeza l´Arcu (1.602 m) que nos levará unha hora ida e volta dende a Collada l´Arcu.
Baixamos pola ladeira contraria ao cimbro, cara ao fondo do val de Pandellina. O camiño estréitase ao paso dunha pequena foz e o río deixa de verse. A partir deste punto o sendeiro colle unha baixada en zigzag ata o Mayáu del Felgueru (860 m) logo do cal, collemos a ancha pista que en baixada acompaña ao río Los Arrudos regresando por ela a Caleao.