13 09 15 El Cuetón

 

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Cabrales (Asturias)

 

PUNTO DE PARTIDA: Iguanzo (350 m)

 

ACCESO: Dende a estrada AS – 114, Cangas de OnísPanes, no quilómetro 26, 5 existe un desvío que vai a Berodia e Iguanzo.

 

HORARIO: 7/8 horas            DESNIVEL: 1.360 m                     DISTANCIA: 19 km

 

DIFICULTADE: Media            TIPO DE RUTA: Travesía    MAPAS: I.G.N. – 55 – II – 56 – I

 

SINOPSE: O Cuetón, pola súa situación constitúe un extraordinario miradoiro do Macizo Central de Picos de Europa. Propomos a subida a este cume pola pouca frecuentada Foz del Home Muertu e baixada pola Portilla del Burdio con saída de Iguanzo e chegada á Arenas de Cabrales.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos de Iguanzo (350 m) pola pista alta da aldea onde obviamos todos os desvíos tanto á esquerda como á dereita ata que chegamos á braña de La Cantera (500 m) na que parece que remata o camiño. Subiremos campo a través intuíndo o sendeiro que se agocha entre a vexetación. Este é o tramo máis complicado da ruta porque o camiño escondido entre fentos e herba  é moi  difícil de seguir. A intuición levaranos cara a foz que se abre por riba de nosoutros buscando o mellor trazo para achegarse a media ladeira á parte esquerda da foz.

            O sendeiro , preto da foz, faise máis evidente subindo pola beira do barranco, un pouco exposto en algún paso, ofrecendo vertixinosas vistas cara ao fondo da foz. Así avanzamos encaixados entre paredes verticais polo antigo camiño de pastores polo que levaban o gando as praderías de altura.

            Saímos da foz pasando xunto á fonte del Home Muertu (800 m), onde nace o río Burdio, para chegar as Campeiras, sempre en dirección sur ata que acadamos un cimbro (915 m) onde cambiamos o rumbo cara ao suroeste a través dun chan onde se asentan as ruínas da braña das Ternas.

            Pasada esta braña, o camiño torce á esquerda  para coller unha canle (1.000 m) que seguiremos ata o seu remate. Pasamos xunto a unha bocamina buscando sempre o mellor camiño que se arrima aos derrubes da nosa esquerda.

            No alto da canle seguimos deixando o pico de Las Quemadas á nosa esquerda é, a partír de aquí non temos máis que seguir os fitos que nos levan ata o cume de El Cuetón (1.651 m).

            Nin que dicir ten que este cume é un destacado balcón natural cara ao Macizo Central de Picos de Europa así como tamén do val de Cabrales, o Cabezu Llerosu , o Macizo Oriental e a serra do Cuera incluíndo a costa de Llanes.

            Para baixar volvemos ata o cimbro da saída da canle onde collemos á dereita por camiño sinalado. Imos baixando deixando á nosa dereita unha pequena lagoa e logo de moitos zigzags pola campeira abaixo atopamos co que queda da braña de Ostandi. Temos que por atención nalgúns puntos para seguir o camiño correcto que nos leva a seguinte braña de Dubriellos. Atravesamos monte baixo ata acadar unha portiña de madeira que da paso á baixada do cordal. O camiño agora é nítido e seguímolo ata entroncar nunha pista.

            A pista segue tendo que superar varios desvíos seguindo sempre cara ao leste pasando pola Vega Pandiella e pouco despois a Vano, onde chegamos a unha pista asfaltada. Seguimos por asfalto ata o primeiro cruce onde deixamos o asfalto para coller un ramal que sae pola nosa dereita. Pouco despois a nova pista bifúrcase para dar acceso a unhas cadras pola esquerda. Seguimos de fronte converténdose a pista nun camiño que a través do bosque de Aceu nos leva sen perda á ponte do río Cares.

            Enfronte, ao outro lado da ponte temos a Cueva del Queso, mentres que nós deberemos seguir a estrada que en poucos metros nos leva ao aparcadoiro de Arenas de Cabrales