12 12 16 Alto Ouroso - Teixo - Teixois - Taramundi (Taramundi) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Taramundi (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: A Vaga (986 m)

ACCESO: Dende A Veiga pola estrada que sobe a Garganta. Logo en dirección a Santalla d´Oscos para coller un desvío á dereita en dirección ao Couso

HORARIO: 4/5 horas                             DESNIVEL ACUMULADO DE SUBIDA: 438  m                              

DESNIVEL ACUMULADO DE BAIXADA: 1.158 m                                   DISTANCIA: 15,5 km                      

DIFICULTADE: Baixa/Media                  TIPO DE RUTA: Travesía              MAPA: I.G.N. – 25 – III 

SINOPSE: De amplas panorámicas no seu comezo, onde se pode ver Os Ancares e A Fonsagrada, ata fermosos soutos e lugares nos depara esta camiñada engadindo, ademais os museos etnográficos de Os Teixois, Esquíos e Mazonovo.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: A ruta comeza a uns dous quilómetros e medio da Garganta en dirección ao Couso. Neste lugar sae unha pista pola dereita ao abrigo de pequenas prantacións de pinos que sen perda ningunha en pouco máis de media hora nos achega a aldea de O Teixo.

      Seguimos a estrada asfaltada uns metros en dirección a Santa Marina para abandonala de seguida e coller unha pista que en suave baixada nos aproxima ao regato das Mestas pasando por un estreito sendeiro ao abrigo dun bosque de castiñeiros, ata acadar a fermosa aldea de Santa Marina. Este lugar aínda conserva un recio aspecto de aldea do occidente asturiano, con edificacións que se caracterizan pola súa arquitectura sólida e austera, de edificios de mampostaría e cubertas de laxe.

      Atravesamos o núcleo de Santa Marina para seguir por un sendeiro que pasa preto da capela cara a casaría de Almallos.

      De seguida comeza a longa baixada por un sendeiro que transita polo medio dun frondoso bosque de castiñeiros ata acceder á pista de Taramundi as Veigas. Neste punto collemos o sendeiro que baixa aos Teixois, lugar onde se sitúa un dos conxuntos etnográficos de maior interese do Principado de Asturias.

     Partimos dos Teixois por un camiño que sobe ata atoparse de novo coa estrada, pola que camiñamos uns metros para coller un desvío que sae pola dereita e baixa camiño do río de Turía. Cruzamos por unha ponte de madeira subindo ata os Esquíos, onde existe unha fábrica de navallas.

        Pouco máis adiante temos un desvío á esquerda que sinala a fervenza da Salgueira, que suporá un pouco máis de media hora subir a visitar este lugar. O camiño segue por pista asfaltada  ata que atravesa de novo o río Turía camiño do casarío de A Granda.

      Saímos á estrada asfaltada para coller unha forte baixada que nos deposita no lugar de Mazonovo, onde, tamén, existe outro museo etnográfico de gran interese.

Dende aquí, todo en subida, chegamos axiña a Taramundi.