08 09 08 Vegas de Sotres - Sotres (Cabrales) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Cabrales (Asturias) Cillorigo de Liébana (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: Vegas del Toro ou de Sotres

ACCESO: Dende a estrada PoncebosSotres, 1 km. antes deste último, nunha curva moi cerrada a esquerda, parte unha pista apta para vehículos todo terreo que vai a Áliva. As veigas de Sotres están a 4 km. dende a curva.

HORARIO: 5/6 horas                        DESNIVÉIS: 1.073 m.de subida – 1.095 m. de baixada                                  

DISTANCIA: 15 km.        DIFICULTADE: Media/alta        TIPO DE ROTA: Travesía           

MAPA: I.G.N. – 56 – III

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Subimos dende Sotres pola pista que vai a Áliva. Un pouco antes das Vegas de Sotres (1.020 m.), collemos a esquerda un sendeiro entre uces e matueiros, cruzando máis arriba o regato de Onzón, que suca a parte baixa da Canal del Jidiellu, pola que subiremos con dirección SE ata o Collado Valdominguero.

            A nosa esquerda temos os contrafortes do pico Valdominguero, mentres que a nosa dereita podemos ver as paredes setentrionais da Pica del Jierru e das Malatas.

            Subimos pola esquerda da canle, buscando os sendeiros trazados polos animais entre a herba e uces. Axiña divisamos a nosa dereita, ao outro lado da canle, a braña de Jidiellu (1.300 m.), rodeada de vexetación. Seguimos pola esquerda da canle, cruzando algúns pedreiros que se desprenden do pico Valdominguero, ata que a canle se fai máis angosta e a mesma pendente nos leva polo fondo do leito rochoso e seco da Canal del Jidiellu. Continuamos por este terreo rochoso, tendo que usar as mans en algunha ocasión para gardar o equilibrio, ata que chegamos a un terreo herboso de considerable pendente (1.950 m.). Despois de pasar con coidado por este lugar exposto, chegamos un pouco máis arriba (2.050 m.) a un canal estreito onde tamén temos que facer uso das mans para poder progresar. Este canal remata axiña conducíndonos a unha ladeira herbosa, ampla e de menor pendente que desemboca no Collado Valdominguero (2.142 m.).

            Logo de coller o resollo no cimbro e contemplar o Macizo Central  e o Oriental, baixamos cara ao leste dirixíndonos a un gran fito de referencia preto do cimbro. A continuación imos ao SE pola parte alta do Jou Lleroso, por un camiño marcado con fitos que nos leva ata as travesas do Grajal de Arriba, que atravesa a pedregosa ladeira norte do Pico del Grajal de Arriba pasando a través de Los Vallejucos as travesas do Grajal de Abajo que sucan a ladeira norte do pico Grajal de Abajo.      

            Este camiño, trazado principalmente sobre un inclinado pedreiro, rodea completamente a vertente sur do Jou Lleroso. Unha vez rodeado este jou, collemos dirección NE, que xa non abandonamos ata chegar ao Casetón de Ándara. Unha vez superados os extensos pedreiros do Jou Lleroso, chegamos a parte alta do Pozo de Ándara (1.995 m.), onde o camiño transcorre por zoa herbosa. A partir de aquí, o camiño é máis amplo e cómodo, pasamos polas minas de Mazarrasa (1.860 m.) vendo a nosa esquerda o Pozo de Ándara, que é o residuo que queda despois de que as explotacións mineiras acabaran co fermoso lago de Ándara. Un pouco máis adiante pasamos polo Collado de Aldea (1.807 m.) e chegamos a o refuxio Casetón de Ándara (1.725 m.).  

            Saímos cara ao NO pola ampla pista empedrada que transcorre entre vexetación baixa, na que abundan as uces, os cardos e lauráceas e fentos.

            Un pouco antes de chegar a braña de La Jazuca, despois de pasar unha curva a dereita, collemos un sendeiro a esquerda que sobe pola ladeira ata traspasar o límite de Cantabira e Asturias deixando a dereita a Pica de Fuente Soles para baixar a media ladeira ata o Collado de Cima (1.369 m.). Baixamos polo val no que unicamente atopamos sendeiros do gando para chegar ao Collado del Medio (1.230 m.). Aquí collemos unha pista deixando as cabanas a nosa dereita ata unha bifurcación onde collemos a esquerda, na seguinte seguimos de fronte ata o Collado de la Varera (1.152 m.), logo do cal temos unha pronunciada curva a dereita para chegar a outra bifurcación. Collemos a esquerda cara a unhas fermosas praderías pasando ao lado dun grupo de agullas que se empregan na actualidade como escola de escalada. De seguida chegamos a Sotres onde remata esta travesía.