02 03 29 FOCES DO ESVA (Valdés) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: San Pedro de Paredes - Valdés - Asturias
ACCESO: Para chegar a Paredes na N-634 a altura de Brieves temos un desvío que nos leva o comezo da rota.
HORARIO: 6 horas. DESNIVEL: 450 m. DIFICULTADE: Media.
SINOPSE: O percorrido ofrece indubidable interese para os afeizoados a natureza, pois as Foces doEsva constitúen un dos paraxes máis ricos en canto á fauna e flora do Principado.
Temos un fermoso espectáculo de vexetación con vetustos exemplares de carballos, olmos de montaña, freixos, pedrairos, bidueiros, faias, acivros, cereixos e árbores de ribeira.
A fauna contempla exemplares como son os xabarís, lontras, lobos, teixugos, xinetas e pomba torcaz.
Debemos poñer especial atención nos tramos de subida e baixada, sobre todo si o camiño está mollado e esbaradizo. Tamén temos tramos de notable dificultade debido as fortes pendentes tanto de subida como de baixada.
DESCRICIÓN DA ROTA: O comezo desta rota atópase en San Pedro de Paredes. Nada máis deixar detrás as derradeiras casas atravesamos o río Esva por unha pequena ponte de pedra e así chegar o cemiterio desta aldea.
Na outra beira temos uns camiños dos cales colleremos o da dereita aínda que todos eles van o mesmo punto. Este camiño gana pendente por unha ladeira cortada a pico sobre unha revolta do río, de acusada pendente, era usado polos vaqueiros de alzada que levaban o seu gando as praderías de Tineo, Cangas del Narcea e Somiedo.
Por esta ladeira da Serra de Adrado subiremos entre uces, castiñeiros e bidueiros ate as brañas máis altas situadas no límite do concello. Ao longo do camiño van aparecendo cortíns (construcións circulares para protexer os trobos). O Esva vai bordeando esta serra e na ladeira a nosa esquerda podemos ver o dolmen de Restiello mentres os eucaliptos modifican radicalmente a paisaxe polas repoboacións feitas brutalmente desta especie.
Segundo nos vamos achegando a Adrado vamos atopándonos con prados cercados con muros de laxe e as vivendas salpuxan a paisaxe. Adrado e Pena son brañas de alzada onde vivían os vaqueiros no inverno mentres esperaban para saír cara aos pastos de Bustellán e Somiedo. Agora temos unha paisaxe de matueiras con repoboación de piñeiros e eucaliptos aínda que tamén se conservan nas ladeiras do norte de Adrado boas carballeiras mesturadas con castiñeiros e faias.
De Adrado seguiremos o camiño paralelo ao límite do concello entre casas prados e bosques camiñaremos ate saír ao descampado. Colleremos un sendeiro que con dirección a Bustiello chega ate o lugar chamado Cabanón. A partir de aquí un camiño á esquerda levaranos por un sendeiro escavado na rocha que vamos seguir ate acadar o encoro que regulaba o caudal da auga e que vai baixando cara ao río. En menos de media hora chegaremos ao Esva. As paredes das rochas están tapizadas de mofo, ouricela e fentos, polo fondo do val os amieiros acompañan o río serpexante ademais de freixos, abeleiras e carballos. Nalgúns tramos o sendeiro é un estreito paso de un metro entre o río e a parede que aparece totalmente cuberta de fentos e musgos. Camiñaremos debaixo de amieiros que fan un ambiente sombrío e húmido para por último pasar unhas escaleiras de formigón feitas enriba da pena. Logo de pasar esta escaleiras teremos que aferrarnos as rochas para acadar o encoro.
Faremos o regreso ate o almacén e logo, pouco despois temos unha intersección a dereita que nos leva a central hidroeléctrica, hoxe en desuso e abandonada a cal podemos visitar. Logo volvemos ao camiño principal que con suaves pendentes levaranos cara a veiga de Bustiello dende a que chegaremos a San Pedro pola estrada.