02 05 17 PICO MOSTALLAR (Cervantes) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

ACCESO: Na A-6 dende Becerreá ata Liber, e dende aquí óptase por desviarse á dereita por Doiras ou por San Roman de Cervantes ate Degrada e Piornedo.

SITUACIÓN: Concello de Cervantes, parroquia de Donís, aldea de Piornedo.

HORARIO: 5 - 6 horas ida e volta.    TIPO DE ROTA: De ida e volta

DIFICULDADE: Media                     DESNIVEL: 800 m.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Saímos da aldea de Piornedo e tras sobardar a capela por detrás, collemos unha pista en dirección SE. Ascendemos de forma continua por un camiño pedregoso ata unha campa que foi desbrozada. O sendeiro descorre pola esquerda da campa, achegándose de seguida a outra máis pequena, onde o camiño sitúase na parte baixa. Aquí deixamos a ancha pista e collemos un carreiro que horizontalmente nos vai achegando a un bosque.

            Metémonos de cheo no medio de carballos e acivros, por un fermoso camiño de pedreiros, e auga que corre por el, de seguida tórnase un pouco mais costo para  levarnos a unha extensa campa.

            En suave descenso divisamos Campa Redonda, moi grande, con moita vexetación e canles de auga. É importante facerse unha composición do lugar por onde vai o sendeiro, porque unha vez abaixo a vexetación, composta maiormente de xestas, é alta sendo fácil perderse. A corredoira  decorre a dereita da campa tras sortear o río Piornedo e deixalo á esquerda por unha ponte de madeira.

            Séguese subindo, divisando algunha fervenza por un camiño pedregoso chegando ás ruínas dunha cabana gandeira. Xa divisamos a esquerda, impresionante, o Pico Mostallar.

    Atravesamos esta campa e ao remate da mesma collemos un sendeiro que vira cara a esquerda en dirección a unha liña de arames. O camiño tórnase máis costo, ata que chegamos ao que se chama a  Golada do Porto, mesmo xunto a cerca metálica. Aquí non teremos máis remedio que facer unha parada por dous motivos ben diferentes:

    Primeiro,  a vista que nos aparece de repente, con os límites da provincia de Lugo e León que o fai a propia liña de arames  e a fermosura da vertente leonesa con a aldea de Burbia en primeiro lugar. Máis lonxe aparecen as minas romanas de As Médulas  e a cidade e central térmica de Ponferrada.

    Segundo, coller un resollo pois a pendente que temos de fronte faranos dubidar da nosa forma física. Nada máis lonxe da realidade porque, este último tramo, temos que collelo con tranquilidade. Haberá alguén que lle leve subilo quince minutos e a outros e outras máis de media hora, pero de ningún modo, se o día está despexado poderemos pasar sen ollar o cume do Mostallar.

    Unha vez enriba saberedes porque mereceu a pena este último esforzo.

    A volta; farémola polo mesmo camiño, só que moito máis fácil por ser todo en baixada; pero para os que teñan gañas de liorta temos outra variante se o día acompaña.

    Esta variante consiste  en seguir dende o Pico Mostallar en dirección sur-oeste para facer varios cumes que nos quedan de camiño e baixar ao Albergue de Ancares en Campa da Braña.

    Para isto deberemos pasar a ladeira norte do Mostallar sen perder moita altura cara ao Pico Lanza, á dereita deixamos a Serra de Agulleiro, pero nós seguimos en dirección sur-oeste cara ao Corno Maldito. Neste tramo á nosa esquerda podemos ver unhas fermosas lagoas onde nace o río Villouso, e a dereita o Val do Ortigal.

    Proseguimos a andaina pasando de seguida polo cume do Pico dos Charcos, máis baixo co anterior para ir achegándonos a outro cume que se chama Os Penedos de Donís.

    Aquí espéranos o máis entretido da rota, onde temos que facer unha pequena baixada, con moito coidado, agarrándonos fortemente as rochas pois un descoido poderíanos traer consecuencias cando menos desagradables.

    Unha vez pasado este tramo, que é o máis complicado da rota, agárdanos a derradeira subida para pasar polo mesmo cume do Pico Tres Bispos. Dende este cume divisamos na comarca leonesa a aldea de Campo da Auga en dirección sur, é cara ao oeste vemos o pico Pena Rubia e a Serra de Pando con un importante bosque de acivros.

    Agora só nos resta unha baixada ata o Albergue de Ancares por unha cómoda pista que nos ocupará pouco máis de unha hora.

   Todos e todas que fagan esta travesía cimeira, terán moito máis que contar a partir desta xornada.

    Este percorrido pódese facer igualmente comezando no Albergue de Ancares ata Piornedo variando cento oitenta graos as reseñas desta guía.

            A duración da travesía completa estimámola en 8 ou 9 horas dende Piornedo ata o Refuxio de Ancares.