02 06 29 BOSQUE DE VALGRANDE (Lena) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Pajares (Lena) Asturias
ACCESO: Dende Oviedo ata Campomanes pola autoestrada. Logo collemos a que sobe o Porto de Pajares.
HORARIO: Entre 5 e 6 horas DESNIVEL: 300 m DIFICULTADE: Baixa.
MAPAS: I.G.N. – 78 – III – 103 – I
DESCRICIÓN DA ROTA: O punto de partida atópase na estrada que sobe o Porto de Pajares despois dunha curva pechada cara á esquerda aparece de repente unha pista forestal bastante ancha que sae pola dereita da estrada un quilómetro máis enriba da vila de Pajares. Aquí déixanos o autocar na mesma entrada da pista e comezamos a camiñada pasando unha portiña, que deixaremos pechada para que o gando no saia, para cruzar seguidamente unha zona de praderías moitas delas en estado de abandono.
O primeiro tramo desta rota ten constantes subidas e baixadas dando paso a varias bagoadas con os seus correspondentes regatos que van a parar o río máis importante desta zona chamado Río de Valgrande.
Logo de pouco tempo, a pista baixa suavemente ata a canle do regato de La Mortera, cruzando a súa canle e acometendo unha pequena subida pola ladeira de enfronte. Preto do remate desta subida sae un sendeiro á man dereita pero nós seguiremos sempre pola pista de mellor trazado.
Pouco despois esta pista ten outra baixada suave chegando a beira do regato Mayaín é cruzando este, ascende pola ladeira oposta. O noso camiño bordea o penedo que temos enfronte, dentro de unha paisaxe de carballos, e intérnase pola bagoada do regato Mestas que baixa do pico Cueto Negro. A pista descende agora á canle deste regato atopándose con un sendeiro que sobe dende o fondo do val aos cumes veciños que debemos rexeitar pois o noso camiño segue sempre pola pista principal.
Tras este tramo de baixada cruzaremos varios regatos, primeiro o de Puerta, logo o de Brañilín e máis tarde o de Mestas. Neste tramo, o arboredo comeza a ser de faias e nas alturas empezamos a divisar o parador de Pajares.
Agora comezamos a segunda parte do camiño subindo pola cabeceira do val do Río Valgrande. A pista continua momentaneamente xunto con o regato de Mestas á nosa dereita pero xirando á esquerda paseniñamente bordeando os escarpes rochosos do pico que temos de fronte chamado Peña del Castillo.
Despois de acadar as ladeiras setentrionais deste pico a pista intérnase pola cabeceira do río Valgrande e dende este momento o camiño vaise achegando pouco a pouco as augas do río e meténdose no corazón do bosque de frondosos faiales. Un pouco despois chegamos a unha campa cuberta de piornos e escobas onde a pista volve a ser atravesada por un sendeiro que se mete polo faial arriba en dirección a un cimbro sobre a divisoria dos cumes.
Nosoutros seguimos pola pista principal en dirección ao nacemento do río Valgrande sen atopar outro camiño alternativo. Xa falta pouco para chegar a beira do río e a partir dese momento a pista pasa xunto a corrente para atravesar as augas pouco despois. No derradeiro tramo mergullámonos nun espeso bosque onde podemos gozar de bidueiros e faias, o camiño sobe por un val cada vez máis encaixado durante tres quilómetros o cabo dos cales podemos ollar xa a autoestrada do Huerna. Aquí damos por rematado o traxecto e volvemos as andadas para no camiño de volta en vez de ir o punto de saída, subir ao parador de Pajares.