03 04 18 PICO PIENZU (Colunga) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
ACCESO: O punto de partida atópase no Alto de la Cruz de Llames (El Fito, 597 m.), lugar situado a 11 quilómetros de Arriondas e a 11 quilómetros de Colunga, unidos pola estrada AS-260.
HORARIO: 6 - 7 horas DESNIVEL: 563 m.
DIFICULDADE: Media. DISTANCIA: 15 Kms.
DESCRICIÓN DA ROTA: Antes de comezar esta eco rota é obrigada a visita ao Miradoiro do Fito, feito no ano 1928 e considerado como unha grande balconada que nos ofrece unha variada paisaxe de mar e montaña.
Acometemos a marcha polo lado contrario do miradoiro subindo por un tramo entre piñeiros. Preto dunha abandonada edificación desviámonos á nosa dereita con rumbo sur-oeste por un cómodo carreiro que vai faldreando a montaña de Cantu la Teya. Camiñamos en chan dando vista á costa cantábrica. Os sucesivos tobogáns pronúncianse cara as dúas vertentes seguindo a rota balizada que corresponde ao sendeiro de Pequeno Recorrido P.R. - AS - 71 “Sendeiro de Pico Pienzu”.
O amplo camiño chega ate a veiga de Bustaco (650 m.) despois dunha hora de camiño, onde temos unha fermosa pradeira con cabanas en ruínas asentadas na faldra meridional de Les Duernes. Tamén temos unha boa fonte situada á dereita da pista de terra que turra de súpeto cun duro repeito, que se suaviza máis enriba aos pés dos canos da fonte de Brañafondera de Mergullines (870 m.). Dende aquí podemos gañar o cumio directamente polo Canalón de Cocones¸ pero o mellor e seguir ladeira arriba polas campeiras de espiñeiras e lameiros remontando ate culminar na Majada de Beluenzo (925 m.) a case dúas horas de camiño dende o comezo da rota. Nesta paraxe destaca un bebedeiro dende o cal podemos divisar os Picos de Europa e cordais interiores da rexión.
O sendeiro vaise arrimando á ladeira meridional do Pienzu serpenteando pola pendente mais pronunciada de todo o percorrido pasando cerca da Majada del Cuadru para seguir sen ningunha perda ate a cimeira desta plácida montaña coroada por unha gran cruz metálica e unha caseta (1.160 m.) en dúas horas e media aproximadamente.
A situación desta montaña fai unha atalaia espectacular sobre dunha paisaxe asturiana que contempla dunha mirada o punto mais elevado da Cordilleira Cantábrica (Torrecerredo), e o punto mais baixo (A rasa costeira de Colunga).
A volta podemos facela polo mesmo camiño.