04 01 25 RUTA DE A COBA (Santalla de Oscos) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Santalla d´Oscos (Asturias)     

PUNTO DE PARTIDA: Nonide

ACCESO: Dende A Veiga pola estrada que sobe o porto da Garganta e logo aquí collemos á dereita en dirección á Fonsagrada.

HORARIO: De 5 a 6 horas                                       DESNIVEL: 350 m.

DIFICULDADE: Media                                             TIPO DE ROTA: Circular

SINOPSE: O concello de Santalla de Oscos e un paraíso perdido entre bosques milenarios, ríos e regatos con unha riqueza natural e cultural enormes. Moi preto da capital do concello, en Ferreirela de Abaixo naceu o Marqués de Sargadelos e como lugares de interese temos a capela e o teixo de Quintá con máis de 600 anos de antigüidade, a capela e teixos de Busqueimado, o mazo hidráulico de Mazonovo e a casa museo do Marqués de Sargadelos.

      En canto ao Patrimonio Histórico temos a igrexa parroquial de Santalla S. XVIII, Casona de la Pruida S. XVII – XVIII, casona los Fernández Lombardero S. XVIII, Ferreirela de Arriba, casa de Aquel Cabo (Barcia) S. XVIII, castro de Cortín Mouro (Brañavella), a aldea de A Valía, conxunto arquitectónico de Ferreira e multitude de capelas e hórreos espallados por todo o concello.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: A saída oficial desta camiñada está na aldea de Ferreira, pero nós, por motivos de transporte, imos comezar a andaina en Nonide.

      A saída sitúase nunha encrucillada de camiños, preto desta aldea, xunto ao cemiterio, para baixar primeiro por unha pista que ao pouco tempo remata e seguir por un camiño carreteiro que en amplos zigzags, nos leva todo en baixada a Ferreira (460 m.), aldea de arquitectura e natureza antiga. Cruzamos polo mesmo medio e ao pasar por debaixo dun hórreo temos que coller un camiño de formigón que baixa cara á dereita, para pasar por unha ponte de pedra á outra marxe do río Agüeira. Seguimos en todo momento paralelos a este río, aínda que bastante por riba pois este tramo do río e practicamente inaccesible. Camiñamos polo canón do Agüeira entre fermosos bosques de castiñeiros e rochas para chegar a un asentamento do pasado, Coba (430 m). Dende esta aldea abandonada temos un pequeno tramo de pista asfaltada que nos leva entre piñeiros á aldea de A Coba (486m.), onde unhas cantas persoas habitan este lugar. Deixamos a pista asfaltada e atravesamos esta aldea en dirección ao río, onde había uns muíños e unha central hidroeléctrica. Este recuncho é do máis fermoso.

    Proseguimos o noso andar despois de cruzar o Agüeira paralelos ao regato Allonca para pasar xunto a unha casa deshabitada. A partir de aquí comezamos a subir, salvando varias revoltas para chegar a un cimbro que da paso ao outro lado do monte. Mesmo no cimbro debemos parar e mirar o amplo horizonte que temos enfronte co río Agüeira moi por debaixo de nós, que nos presenta un sen fin de meandros feitos na rocha co paso do tempo.

    O camiño agora entre bosques e paredes segue subindo ata que chegamos a unha pista asfaltada. Dende aquí xa vemos as primeiras casas de Nonide, cruzamos esta aldea e chegamos a encrucillada onde comezamos a rota.

    Esta rota está perfectamente sinalada, fíxate nas marcas e non terás dúbida ningunha.