05 07 24 Peña Prieta (La Liébana) Cantabria

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: La Liébana (Cantabria)

PUNTO DE PARTIDA: Cardaño de Arriba

ACCESO: Pola Ruta de los Pantanos dende Cervera de Pisuerga ou Velilla del río Carrión.

HORARIO:  6/8 horas            DESNIVEL: 1.120 m.                         DISTANCIA: 15 km.

DIFICULTADE: Alta              TIPO DE ROTA: Circular           MAPAS: I.G.N. - 81 – III – 106 - I                                                                        

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Partimos de Cardaño de Arriba (1.420 m.) e sen cruzar a ponte seguimos unha pista que pasa primeiro ao lado do Club de Montaña Pico Espigüete, e logo ó lado dunha fonte onde podemos coller auga. Nada máis pasar a fonte temos unha ponte, pero nós seguimos de fronte polo chamado Camino de las Lomas. A nosa esquerda quédanos o Alto del Navarro e a dereita baixan numerosos regatos procedentes deste lado do Circo de Cardaño.

            O camiño segue subindo e agora a dereita queda o Chozo de la Campiza, seguimos de fronte e o camiño vaise esvaecendo anque seguimos paralelamente o regato das Lomas. Así chegamos o Manantial de las Lomas e os lagos do Pozo de las Lomas situados a 2.055 m. de altitude.

            Dende este punto, debemos seguir en dirección nordeste cara as Agujas de Cardaño, deixándoas a esquerda e tratando de seguir o mellor camiño que nos deixe no Alto de las Fuentes Carrionas, sitio que domina perfectamente toda a zona alta do val de Pineda. A situación é espléndida, coa lagoa de Fuente Carrionas os nosos pés; o Curavacas, detrás; o Espigüete, ao sur e os Picos de Europa visibles polo noroeste.

            Debemos agora avanzar ata o Mojón Tres Provincias que une ou separa as provincias de Palencia, León e Cantabria. Aquí temos toda unha lección de xeoloxía, tanto polas lagoas e outras formacións glaciares como polos tipos de rocha atopados, que cambian unha e outra vez ata chegar ao cume de Peña Prieta onde temos de novo un dos máis soberbios e completos panoramas de toda a Cordilleira Cantábrica.

            Peña Sagra, o Curavacas, o Espigüete, Peña Corada, Peña Ubiña, os Picos de Europa e un sen fin de cumes menores asómanse polos 360º. E imposible non pasar unha hora, tratando de identificalos co mapa dende este balcón privilexiado.

            A volta podemos facela polo mesmo camiño ou ben seguir polo alto do cordal, así pasamos polo Alto del Tío Celestino e o Alto del Calderón. Este tramo resulta interesante tanto pola variedade dos tipos de rocha como polas vistas que ofrece sobre o Valle de Pineda. Mirando cara o noroeste vemos Peña Sagra e logo mirando ao leste Peña Bistruey seguida de Peña Labra, o pico Tres Mares, e a serra que remata no Valdecebollas.

            O Alto del Ves supón a derradeira cima para hoxe e dende ela baixamos rapidamente ata o Collado del Ves, dende onde un sendeiro de gando nos conduce pola zona superior do regato de Hormaz. Podemos incluír a visita ao cume de Hoya Continua se nos queda enerxía pero si non, deixarémonos caer polo val, inicialmente pola marxe esquerda do río. Cando o val se estreita localizamos un sendeiro entre as carqueixas que nos leva ata o regato, que cruzamos a dereita. Despois de uns metros de “pelexa” co piornal poñémonos nunha lomba con unha vista impresionante do Espigüete, que enche o fondo do val por completo. Agora o sendeiro baixa a dereita, cruza o rego e pasa a unha segunda lomba antes de baixar a unha pradería e logo a ponte que nos permite cruzar o río das Lomas moi cerca do Chozo de la Campiza.

            Seguimos a pista i en poucos minutos chegamos de novo o punto de partida.