05 02 20 RÍO COLOR (Piloña) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Piloña (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: La Vega

ACCESO: Na estrada nacional 634, a altura de Villar de Huergo, temos que coller a comarcal que vai a Sellaño e a cinco quilómetros e medio está La Vega.                       

HORARIO: (A) 4/5 h (B) 6/7 h                  DESNIVEL: (A) 250 m (B) 500 m                     

DISTANCIA: (A) 12 km (B) 17 km             DIFICULTADE: (A) Baixa (B) Media                        

TIPO DE ROTAS: (A) Ida e volta (B) Ida e volta / circular            MAPA: I.G.N. - 54 - II         

SINOPSE: O río Color seméllase a un camaleón que adopta a cor das tonalidades das estacións: frescas na primavera, sufocantes no verán, resecas no outono e húmidas no inverno. A paisaxe de montañas e veigas que o rodean sofre unha metamorfose de colorido que fan honra ao nome do río. 

    Nesta época o río Color rezouma humidade ao ter o caudal sobrecargado polo que reborda nas praderías e cae polas fervenzas dos desfiladeiros. 

 

DESCRICIÓN DA ROTA: (Común para as dúas opcións) Esta rota comeza na estrada comarcal que une Villar de Huergo con Sellaño. Á altura de La Vega temos que baixar ata o río Tendi para atravesalo por unha ponte e seguir o camiño de GR. – 105 que sobe ata a Matosa. Unha vez nesta aldea temos que coller unha pista que baixa cara ao río Color que nos vai levar por bo firme todo pola beira do río. A pista atravesa un frondoso paraxe por entre árbores de ribeira a través de El Foyu para seguir pola beira do río e cruzalo por unha ponte. Nada máis cruzar temos unha cabana no lugar coñecido como Les Tables, seguimos sen desniveis apreciables pola marxe esquerda do río que nos amosa a frondosidade que depara este lugar na primavera. A pista remata no lugar coñecido como Les Cuerries e aquí mesmo debemos seguir un carreiro que sae pola dereita.

    Este carreiro sobe polo monte uns cantos metros ata que chegamos a un prado cercado onde hai unha cancela. Aquí é onde temos que escoller a opción que mais nos apeteza.

    A rota mais sinxela atravesa pola cancela e cruza polo fondo do prado para saír no lado contrario por outra cancela. Cruza un regato e o carreiro sobe para chegar a dúas cabanas illadas. Este lugar coñécese como Ordiales e da entrada a o regato de Foceyu. A partir de aquí, o carreiro sen perda lévanos pola beira do rego debaixo dunha fermosa e frondosa arborada. Podemos seguir ata onde nos apeteza e logo damos a volta para volver polo mesmo camiño ata o autocar.

      Quen elixa a outra opción, non cruzará a portela primeira, seguirá o sendeiro cara arriba que a través dun pequeno bosque, pola beira da Riega de los Calderones, leva a unha braña medio abandonada chamada Ovenes.       

      Pasada esta braña, o carreiro en suave ascenso vainos levando por riba do Valle Niaño que atravesamos en toda a súa anchura e ao remate temos unha curta pero forte pendente que nos deixa no Collado Niaño.

      Neste punto temos que cambiar bruscamente de dirección para dirixirnos a un cimbro situado á nosa esquerda e baixar en dirección leste por un sendeiro, primeiro entre rochas e logo xa mellor marcado que nos vai levar costa abaixo a seguinte braña.

      Esta braña coñécese como Barovena e está situada debaixo da pena do mesmo nome. Dende aquí collemos un camiño que baixa ao río Foceyu e unha vez xunto a el seguimos o seu curso que nos vai levar, primeiro á braña de Ordiales e logo a Les Cuerries onde a través dunha cancela pasamos un prado que ten unha cabana na parte alta e saímos por outra portela para coller o sendeiro polo que subimos antes e baixamos á pista. Agora facemos o camiño de volta ata onde nos agarda o autocar.