05 04 17 CANÓN DO SIL (De Penas de Matacás a Penas do Xastre) (Castro Caldelas) Ourense

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Castro Caldelas (Ourense)                                                

PUNTO DE PARTIDA: Paradela            PUNTO DE CHEGADA: Mazaira 

ACCESO: A Castro Caldelas chégase dende Lugo por Monforte de Lemos, despois de cruzar o río Sil.

HORARIO: De 4 a 5 horas                        DESNIVEL: 551 m.               DISTANCIA: 18,4 km.

DIFICULTADE: Baixa/media                     TIPO DE ROTA: Travesía

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Esta andaina comeza, xusto ao pasar Paradela, dirección Susaus. Antes de comezar a rota podemos achegarnos o alto das Penas de Matacás, dende onde poderemos observar unha boa parte do Canón do Sil.

    Logo debemos coller a estrada que vai en dirección a Susaus (esta parte do recorrido e asfalto) que transcorre case toda polo medio dun piñeiro. A 3,4 km. do comezo da rota debemos tomar unha pista á man esquerda que nos conducirá ata o primeiro desvío, As Covas dos Fuxidos. Este desvío e de gran dureza para os sendeiristas, pero merece a pena facelo, xa que nos conducirá ata os escondrixos dos derradeiros fuxidos da post-guerra, e así a parte de mostrarnos unha incrible paisaxe permitiranos coñecer o modo de vida que levaron estes maquis.

    Seguindo coa rota, a 4,9 km. do comezo chegamos á Pena do Xabrego, dende onde podemos disfrurtar das formas caprichosas do Sil, cos seus meandros baixo a Cubela. Seguindo a pista, e sempre costa abaixo e entre piñeiros, chegaremos aos primeiros soutos e viñas das Carballeiras, onde poderemos encher a cantimplora nun pequeno regato.

    Logo, a pouco máis de 1 km. chegamos a un cruce que de coller á man esquerda, conduciranos por un desvío entre un inmenso souto cheo de sequeiros ata a igrexa de Tronceda, considerada unha das de máis difícil acceso de España.

    No anteriormente citado cruce, se collemos á man dereita (comeza a subida) para continuar coa rota, a pouco máis de cincocentos metros atoparemos co pobo abandonado de As Carballeiras, lugar no que poderemos facer un descanso para así coller mellor a subida que nos queda. Seguindo o camiño, non moi lonxe de As Carballeiras, atopamos un desvío á man esquerda que nos conducirá á aldea abandonada de Tronceda, a cal merece a pena achegarse. Para seguir o camiño no desvío anterior tomaremos un carreiro á esquerda que nos fará cruzar todo o piñeiral para conducirnos ata un cortalumes que teremos que ascender ata chegar á estrada (asfaltada) da serra. Nesta estrada tomaremos cara á esquerda, logo de pasar ao carón de varias mámoas (enterramentos megalíticos) e alcanzaremos a Pena do Xastre, o que significa que rematamos o percorrido.

    Castro Caldelas

    A vila de Castro Caldelas, está situada a 47 km. da cidade de Ourense, pola estrada C – 536 dirección A Rúa. Estas terras presentan gran variedade xeográfica xa que participan na conformación da zonas de ribeira e montaña, debido o seu desnivel, que oscila entre os 1.287 m da Serra do Burgo ós 233 da ribeira do Sil. Caldelas é un concello situado estratexicamente na entrada oriental da Ribeira Sacra, paso obrigado á estación de Cabeza de Manzaneda e ao carón da Serra de San Mamede. É por iso que dende alí se poden encomezar innumerables rotas, tanto monumentais como paisaxísticas. A visita a esta zona ofrece un disfrute seguro dunha das comarcas máis interesantes da Galicia interior. 

    De turismo pola Ribeira Sacra

    Collendo a C – 536 e antes de Esgos, en Terreirigo atoparemos un desvío a esquerda sinalizado cara a San Pedro de Rocas (capela escavada na rocha). É o santuario eremítico conservado máis antigo de Galicia.

    Continuamos o percorrido pola mesma estrada local, pasando por Loña do Monte e chegando a Luintra, alí podemos facer unha pequena parada para contemplar a igrexa románica de San Martiño de Nogueira e o monumento adicado ao afiador. Continuamos ata Santo Estevo de Ribas do Sil antigo mosteiro benedictino orixinario do século VI. É o máis grande dos mosteiros da Ribeira Sacra, reformado para parador nacional.

    Pola mesma estrada dirixímonos á Parada do Sil, non sen antes parar no Miradoiro de Cabezoas, unha das panorámicas máis impresionantes dos Canóns do Sil. Tamén e posible ao pouco de saír de Santo Estevo, na aldea de Loureiro coller un desvío o embarcadoiro de Santo Estevo onde o catamarán da Ribeira Sacra fai o itinerario polo río Sil.

    Chegado a Parada de Sil, o comezo da aldea hai un desvío a esquerda que leva o mosteiro de Santa Cristina de Ribas do Sil, con igrexa do século XII con un interesante rosetón románico e claustro do século XVI.

    En Parada do Sil, así mesmo podemos ver o monumento o barqueiro, ou coller un camiño que nos leva ao Balcóns de Madrid, os miradoiros sen dubida máis coñecidos.

    Dende Parada do Sil, collemos a estrada que nos leva a Vilariño Frío (aldea que conserva unha ponte romana) e despois de un quilómetro pola C – 536, desviámonos a dereita cara a aldea de Montederramo onde poderemos visitar o mosteiro de Santa María de Montederramo, fundado en 1124 por Dona Teresa de Portugal. No documento fundacional faise a primeira mención a Rivoira Sacrata.

    Dende aquí volvemos a Ourense, nos sen antes visitar a igrexa románica e o mosteiro renacentista barroco da Xunqueira de Espadañedo. Outra opción e continuar a nosa rota ata a vila de Castro Caldelas para coñecer o seu castelo e perdernos polas ribeiras do río e contemplar os impresionantes bancais nas súas ladeiras. 

 

           

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Algo de verdade haberá

 

 

San Pedro de Rocas

 

Chama a atención os diferentes sepulcros antropomórficos situados tanto no interior como no exterior do templo.

Se tes un problema de verrugas, recorre a Fonte de San Benito, situada a poucos metros do cenobio nun bucólico lugar.

Nesta zona atópase o Camiño Real que vai a Esgos, e nel case e posible intuír os axitados latidos do “Lobishome”, tamén chamado “O Home do Unto”. Non é unha lenda, ten o nome de Manuel Blanco Romasanta.

 

Loña do Monte

 

Na capela da Virxe do Monte, situarémonos nunha importante atalaia por riba dos 1100 m. dende onde podemos admirar as fontes do río Loña, así como os arredores da cidade de Ourense.

 

Santo Estevo de Ribas do Sil

 

O mosteiro impresionarate, mais os seus arredores non son para menos, os antigos fornos situados tras o mosteiro levarante a tempos pasados, o tempo dos druídas. Sobe os antigos Penedos do Castro, suposto antigo castelo do rei Leovixildo, e busca o seu nome gravado na rocha “LEOVIXILDUX”.

 

Canóns do Sil

 

Miles de historias e lendas rodean este impresionante lugar, pero de entre todas a máis sorprendente e este relato: O deus Júpiter, viuse prendido da beleza das terras galegas, e para posúelas atravesounas cun río, o Miño. Máis a súa dona, a deusa Juno, non estaba pola labor de compartir o seu amor con unha estraña, polo que pensou que si abría unha ferida na cara daquela fermosa terra, Júpiter acabaría por repudiala. Esa ferida en algúns lugares alcanza os 300 m. de desnivel na vertical e son os marabillosos Canóns do Sil.

 

Santa Cristina

 

Dise que do aside da igrexa saía un túnel ó exterior, se te fixas a uns 50 m. hai unha pequena abertura duns 30 cm. nun dos bancais.

As árbores focas “caracochas” (castiñeiros) se pasas a través deles cúrante do “tangaraño” (raquitismo).

 

Balcóns de Madrid

 

Anque te sorprenda o seu nome, ten un peculiar orixe. Este era o lugar elixido polas esposas para despedir aos seus maridos que se dirixían a diversos lugares de España para vender os seus barquillos, anque para elas todo era irse a Madrid.

 

Vilariño Frío

 

Na súa ponte romana ainda podes oír retumbar os cascos dos cabalos, guiados seus respectivos xinetes polo cónsul Decio Junio Bruto. Séntate e escoita.

 

Montederramo

 

Poderás observar os efectos do terremoto de Lisboa de 1755, onde sobre todo e perceptible a inclinación no coro alto. Ate de chamar a atención.