05 12 18 Fragas de Trabada (Trabada) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Concello de Trabada

PUNTO DE PARTIDA: Vilapena

ACCESO: Á Vilapena chégase por unha pista local que une Trabada coa N – 634

HORARIO: 4/5 horas                    DESNIVEL: 475 m                DISTANCIA:15 km

DIFICULTADE: Baixa                      TIPO DE ROTA: Travesía

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Xúntanse neste percorrido catro das cinco rotas, que se poden facer no concello de Trabada por sendeiros sinalizados. Caracterizados pola súa gran diversidade de árbores: carballos, acivros, abeleiras, érbedos, bidueiros, ...

            Comezamos na ruta da Fraga da Vilapena, no núcleo rural de Vilapena, baixando cara a igrexa onde comeza o sendeiro que en dirección á Pena Gorda nos interna na fraga. Dous quilómetros máis adiante, nun cruce con indicadores, subimos a dereita, cara á fonte e atravesamos a fraga pasando por un bosque autóctono onde reina o carballo, en dirección oeste para saír aos 2 km a unha pista forestal que forma parte da Ruta do Vento. Este tramo ten unha alternativa máis suave, subindo dende o comezo pola beira do rego, tamén por sendeiro marcado.

            Na pista da Ruta do Vento, collemos primeiro a dereita, uns 150 m e logo a esquerda en dirección ao Chao do Couso, onde hai unha área recreativa xunto a estrada. Dende aquí, a través dun bosque perennifolio de piñeiro silvestre vaise pola ruta da Subida ao Picato, un camiño algo custoso que sobe ao pico deste monte (748 m). Dende o cume, frecuentado por animais que viven en liberdade, pódese gozar de estupendas vistas panorámicas sobre a fraga da Becerreira, e os vales que conforman o concello de Trabada. Se o día está claro vese gran parte da costa da Mariña Lucense e incluso, cara ao sur, a serra dos Ancares.

            Baixase do Picato en dirección noroeste os primeiros metros para virar despois dirección leste, uns 800 m. Pásase por diante doutro refuxio, e ao chegar a unha pista ancha vírase a esquerda seguindo as indicacións da ruta do Picato. Sáese do bosque de piñeiros para entrar noutra fraga e noutra ruta.

            Chégase a parte superior da Fraga da Becerreira, onde a vexetación se diferencia en tres niveis de diferentes alturas, a capa superior é de carballos, a intermedia de acivros e o mato que alfombra o chan é de arandeiras. Iremos en dirección oeste, achegándonos ao nacemento do rego con o que baixará por un bosque de ribeira con abundancia e variedade de fentos, nalgúns tramos hai pasamáns de cordas e mesmo escaleiras, para axudar neste tramo de marcada pendente.

            Augas abaixo, despois dunha ponte, un novo refuxio para a choiva, indica o lugar onde se deixa o río para subir, entre pinus radiata, ao punto onde está o panel informativo, e o comezo da ruta da Fraga da Becerreira, un tramo da antiga estrada TrabadaRiotorto, actualmente en desuso, debido ao novo trazado.