07 07 15 Sierra de Peña Mayor (Laviana e Nava) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Laviana e Nava (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Lugar de Sierra (Laviana)
ACCESO: A Sierra chégase pola pista LV – 6 procedente de El Condado, situado no km. 36 da estrada AS 17 que sobe ao porto de Tarna.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 790 m. DISTANCIA: 17 km.
DIFICULTADE: Media TIPO DE ROTA: Circular MAPAS: I.G.N. - 54 - I - III
SINOPSE: A serra de Peña Mayor é unha rechamante cadea de montañas que se ergue con identidade propia sobre os concellos de Laviana, Bimenes e Nava. Esta serra esténdese de norte a sur, nun espacio xeográfico de 7,5 km. de lonxitude que vai dende o cimbro Orosu ata o seu remate final, enriba de El Condado, en Laviana.
Ademais da multitude de brañas que a rodean, esta serra ofrécenos manchas forestais con gran variedade de especies autóctonas, sendo o máis relevante o teixo. Posiblemente esta zoa sexa unha das máis importantes reservas desta valiosísima especie en toda a rexión.
DESCRICIÓN DA ROTA: Pasada a aldea de Sierra (500 m.), nunha curva situada un pouco máis adiante deste núcleo rural comezamos a rota subindo, no seu comezo, por unha pista de formigón, que zigzaguea todo arriba polo val de Fresneu. A pista vai perdendo inclinación e o formigón desaparece. Nunha curva moi cerrada a esquerda (760 m.), abandonamos a pista para seguir, a dereita, por un camiño entre paredes e faias que nos leva directamente a braña de El Cordal (800 m.). Proseguimos coa remontada subindo polas verdes campeiras do val de Fresneu, brañas con cabanas de pastores espalladas por un entorno valado cara ao nacente polo espiñazo calío da serra de Peña Mayor.
A pista segue cara arriba facendo amplos zigzags por un terreo combinado de praderías, breixos e algúns penedos. Así pasamos preto de Braña Medio (900 m.), unha nova campeira abicada nun saínte da ladeira. Un pouco máis enriba, afíncase a pintoresca braña de Callacente (1.050 m.) con novas cadras e cabanas. Nunha árbore, preto dunha casa, podemos admirar unha estampa campesiña tallada no seu talo.
Dende Callacente seguimos co itinerario, que agora vai pola pista labrada na pétrea ladeira, feita para o servicio dunha antena de comunicación situada no cume do pico Tremes. Seguimos por ela ata un punto determinado, cando a nosa dereita aparece unha herbosa bagoada que vamos superar ata coroar a cristeira da serra. Estamos en Collada Llagos (1.230 m.) onde unha sinal indica o Pozo Funeres seguindo a esquerda e Breza a cara a dereita.
Neste cimbro preséntansenos dúas opcións: A primeira, un tanto escabrosa, consiste en seguir a lomba da serra en dirección sur ata empoleirarnos no cume do Trigueiro (1.293 m.), o cal coñecemos polo seu vertixe xeodésico.
A segunda alternativa consiste en baixar, seguindo o sendeiro que vai a Breza, ata a molida campeira da fondonada de Llagos, onde conviven teixos, espiños e carrascos para subir o pequeno val cara ao sur ata a lomba que conduce ao Trigueiro.
O Trigueiro érguese por riba dun fermoso paraxe, dominando unha boa parte da serra de Peña Mayor e os territorios do alto Nalón. Ao lado mesmo do seu vertixe xeodésico, contemplamos as panorámicas sobre un amplo horizonte asturiano que abarca dende os Picos de Europa ata a rasa costeira.
Dende este cume, baixamos a bagoada de Llagos, situada na cara norte, ata atopar o sendeiro que une Collada Llagos con Breza. Unha vez atopado o sendeiro, collemos a esquerda ata o cimbro da Collada Llagos, onde xa estivemos anteriormente, para aquí xirar a dereita en dirección ao pico Tremes que distinguimos facilmente pola súa antena. Non temos máis que buscar o mellor paso cara ao norte pasando un sen número de buratos e rochas onde se mesturan faias e teixos ata que chegamos a Peña Texu (1.253 m.).
Saímos deste cume cambiando de dirección, baixando cara ao sur oeste pola ladeira, por calquera dos moitos carreiros feitos polo gando. Así visitamos o Pozu Funeres, situado xunto a un solitario teixo; lugar tristemente lembrado por ser testemuña do asasinato polo réxime franquista, dunha vintena de persoas, na maioría mineiros, supostamente relacionados co maquis asturiano.
Partimos deste lugar para coller un sendeiro ascendente que de novo nos leva a Collada Llagos e a braña de Fresneu (950 m.) dende a cal parte un camiño que baixa paralelo a serra pasando polas brañas de Felguero (850 m.), La Forniella (750 m.), La Nueva (650 m.) e Bizal (560 m.) sempre en baixada, vamos deixando a nosa dereita o val de Fresneu, polo que subimos, batuxado de innumerables cabanas e cadras. A nosa esquerda quedan os últimos derrubes da serra de Peña Mayor.
Case sen darnos conta, chegamos a estrada asfaltada onde nos agarda o autobús.