08 09 16 Braña de La Degollada (Palacios de Sil) León
VER PUNTO DE SAÍDA | VER TRAZADO DA RUTA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Palacios del Sil (León)
PUNTO DE PARTIDA: Palacios del Sil (870 m.)
ACCESO: Dende Ponferrada pola estrada C – 631 cara a Villablino. Esta estrada pasa por Palacios del Sil.
HORARIO: 3 – 4 horas DESNIVEL: 400 m. DISTANCIA: 10 km.
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE ROTA: Ida e volta MAPA: I.G.N. – 101 – III
SINOPSE: A braña: No Alto Sil, unha braña é un terreo gañado ao monte para pastos, aproveitados tanto ao dente como de sega. Esto esixía a presencia do pastor, polo menos temporalmente, o que deu lugar a construcción de cabanas que formaron as brañas. Estas cabanas albergaban aos animais e ao brañeiro, nun pequeno espacio no que ademais había un sitio para o lume e unha cama.
As brañas eran ocupadas dende maio ata outubro, ou ata que a neve o permitira, onde a vida dos brañeiros transcorría con moito traballo. Anque moitos pasaban o verán na braña, outros saían cada tarde dende abaixo para muxir o gando, sobre todo vacas. O leite recollíase en cántaros que se gardaban nas utxeras, onde se mantiña fresca e ao amparo dos animais. Tras recoller o gando preparaban a cea, case sempre patacas con touciño ou sopas de leite e, despois de cear reuníanse nas cabanas, para, a luz do lume contarse historias ou cantar acompañados por pandeiretas.
A mañá seguinte, volvíase a muxir e baixábase o leite en cabalerías onde se transformaba en manteiga, asegurando así a súa conservación.
A lenda: Conta a lenda que, na braña de Barzanietxa, unha moza foi obrigada a contraer matrimonio con un vello e libertino cacique. Pero un día, foi sorprendida nos brazos dun xoven brañeiro, co que mantiña unha crecente relación. Arrebatado polos celos, o vello cortoulle a cabeza a rapaza, polo que dende entonces a braña recibe o triste nome de La Degollada.
DESCRICIÓN DA ROTA: A rota comeza en Palacios del Sil (870 m.), unha poboación de montaña na que, ademais dalgúns interesantes exemplos de arquitectura tradicional rural, pódese contemplar unha magnífica ponte medieval sobre o río Sil, que temos que cruzar para comezar o ascenso a braña La Degollada.
No seu comezo o camiño segue a estrada que vai a Salientes pero, nada máis cruzar a vía do tren, temos que coller un ramal a esquerda que sen perda nos vai levar ata a braña.
O camiño vai superando pouco a pouco a pendente que nos separa, por unha boa pista que ao ir gañando altura amósanos fermosas panorámicas do val, encaixado nas pendentes ladeiras poboadas de bosque. Polo fondo, descorre o Sil que baixa con rapidez cara as terras do Bierzo. No seu curso fórmase unha ampla veiga sobre a que se asenta Palacios del Sil que podemos ver cos seu tellados grises de laxe, as súas hortas e terras de labor.
O camiño transcorre polo medio de bosque mixto, por outra parte, abundante en toda a comarca do Alto Sil, moi ben conservado en moitas ocasións. Entre carballos, acivros e bidueiros, destacan os castiñeiros, algúns cachopos centenarios, retorcidos e con tronco foco nos que busca refuxio a variada fauna.
Cando aclarea o bosque aparecen entre a arboreda prados de sega onde temos que deixar a pista, xusto nunha curva moi pechada, seguindo por un camiño a esquerda, algo camuflado polo paso do tempo e xa en desuso. Por él, aos poucos metros, chegamos ao asentamento de Barzanietxa ou Degollada (1.200 m.), chamada así polo triste episodio alí acaecido.
A braña, a día de hoxe, está case abandonada, conservando en pé algunha das súas cabanas. Polas rúas descubrimos como se distribuía o espacio, os distintos elementos que precisaba o brañeiro para o seu traballo cotián, e sobre todo, o sabor dunhas costumes ben distintas as de agora.
Seguindo polo camiño cara ao nordeste, unha ampla zoa de pastos, La Penalba (1.270 m.), conserva os restos de currais onde se gardaban os animais.
A volta facémola polo mesmo camiño.