09 03 15 Brañas de Saliencia - Foz de los Arroxos (Somiedo) Asturias
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Parque Natural de Somiedo (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Arbeyales (1.050 m.)
ACCESO: Dende a estrada que sobe ao porto de Somiedo, collemos o desvío que vai a Saliencia.
HORARIO: 4 h. / 6 h. DESNIVEL: 350 m./ 600 m. DISTANCIA: 8 / 15 km.
DIFICULTADE: Baixa / Media TIPO DE ROTAS: Travesías MAPAS: I.G.N.- 77 – I – III
SINOPSE: Este Parque Natural de gran fermosura paisaxística é tamén Reserva da Biosfera. Atoparemos brañas de corros e teitos, que aumentan se cabe o atractivo desta travesía. Si a isto engadimos que vamos camiñar polo territorio do oso e percorrer unha curta pero fermosa foz, gozaremos durante o percorrido de cantidade de valores naturais que se nos irán presentando durante a camiñada.
DESCRICIÓN DA ROTA: Esta andaina comeza en Arbeyales, núcleo rural asentado nas abas do pico El Michu. Seguimos a pista que atravesa a aldea ata chegar a ponte do Regueiru de Murias. Aquí collemos agora un pendente carreiro que sobe, deixando o regato a nosa esquerda, cruzando a estreita foz de La Güérgola. O camiño, empedrado polos veciños da aldea, forma en tramos verdadeiros chanzos, indo acompañado do rego que baixa facendo pequenas e innumerables fervenzas ata o remate da foz. Logo de cruzar outra ponte, o camiño bifúrcase xunto a unha fonte onde seguimos pola dereita, abandonando así a marxe do río para subir pola ladeira en dirección a braña de Arbeyales. Facemos unha parada para gozar da paisaxe que temos ao outro lado do val, o Monte Grande e a condución de auga que o atravesa dende os lagos de Saliencia ata a central de La Malva.
Na mesma braña, onde destacan varias cabanas de teito, collemos a pista que a media ladeira, entre piornos, nos leva a braña de Cullao, despois de cruzar o regueiro do Castro e pasar xunto a uns bebedeiros do gando. Dende Cullao proseguimos pola mesma pista ata chegar a braña de Ordiales, usada polos veciños da aldea de Endriga. Temos fermosas vistas do Valle de Saliencia vendo, augas abaixo, o estreitamento do val representativo do moldeado fluvial en V.
Seguindo a pista, atravesamos o regueiro de Borbolla, alcanzando así a Mortera de Saliencia, última braña deste itinerario. Seguimos de fronte collendo o camiño que todo en baixada nos leva a Saliencia.
Outra opción, á que temos que engadir 7 km. de longo e 250 m. de desnivel, sae dende a Mortera de Saliencia, collendo a esquerda para subir por unha pista ao Camiño da Mesa que vai por riba, paralelo ao camiño das Brañas de Saliencia.
Este camiño lévanos ao lugar de La Magdalena (1.546 m.), xa no camiño da Mesa, que recorreremos algo máis de dous quilómetros ata a braña de La Mesa. Aquí debemos coller un sendeiro a dereita que vira cara atrás para, a través da Foz de Los Arroxos, encaixada entre a pena Ferrera e o alto dos Cumales, baixar por terreo de uso restrinxido, aínda que o percorrido aquí, está permitido.
O camiño descende entre piornos e breixos para de seguida cruzar a estreitura da foz, que nos ofrece a fervenza do Pontón. Despois metémonos no bosque Rebollal poboado de faias e carballos, onde o camiño zigzaguea cara a pista de Saliencia. Cando chegamos ao chan, amplíase o carreiro en cuxo remate atopamos a pista asfaltada que sobe ao alto da Farrapona.
Unha vez en dita pista, temos que xirar a dereita e seguila, durante un quilómetro, ata Saliencia.