09 05 17 Foces do Río Pino - Peña Redonda - Río Aller (Aller) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER TRAZADO DA RUTA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Aller (Asturias)    

PUNTO DE PARTIDA: El Pino (640 m)

ACCESO: El Pino está situado na estrada AS – 253 que dende Ujo sobe ao porto de San Isidro.

HORARIO: 5/6 horas                   DESNIVEL: 890 m              DISTANCIA: 14 km

DIFICULTADE: Media         TIPO DE ROTA: Travesía         MAPAS: I.G.N. - 78 – IV – 79  - I – III

SINOPSE: Debaixo das enormes paredes de Peña Redonda e a Panda sitúanse pintorescos vales por cuxos camiños se poden facer fermosos paseos. Aquí hai cabida para estratéxicas brañas situadas dende os recunchos máis agrestes ata Caniecha, sempre entre o rápido descorrer das augas dos regatos, bosques ao amparo das montañas e campeiras encaixadas e  socalcadas polos agrestes paraxes deste territorio.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Comezamos o percorrido na localidade de El Pino (640 m), dirixíndonos cara a canle do río Braña, que cruzamos ata chegar a encrucillada de camiños de Molín de Peón. Seguimos as indicacións do sendeiro PR - AS – 31, que nos levará ata a fonte Gavalanceras, achegándonos xa a entrada do desfiladeiro. Entramos nas Foces do Pino (850 m.), onde a pista é substituída por un camiño empedrado. Este angosto desfiladeiro de espectacular fermosura, ofrécenos fervenzas e rápidos de auga que descorren entre as paredes calcarias que se desprenden dos cumes.

            Atopámonos cunha ponte de pedra que nos sitúa na beira dereita do río para continuar subindo ata o lugar de Posaoriu (980 m), onde nos desviamos a esquerda en dirección a braña de Les Campes. Agora deixamos a variante P.R. AS – 31 – 1 a nosa esquerda para seguir subindo polo camiño de orixe romano do val de Caniecha. A subida aínda que custosa, deposítanos na braña de Caniecha (1.500 m), con varias cabanas e unha fonte, debaixo dos derrubes da Cabritera e Peña Redonda, ambas separadas polas campeiras de Caniecha.

Dende eta plataforma herbosa, o camiño conecta a través dun pequeno cimbro (1.537 m) coa pista que sobe ao porto de Vegarada. Collemos a pista que rapidamente baixa a Carbayalín pola Texera e Acebal. En Carbayalín conectamos coa pista de Vegarada que en suave descenso cruza por Talabarda e as Casas del Monte, pasando seguidamente a beira oposta do río Carbayalín.

            A pista segue cara a Río Aller  (850 m) e, tras cruzar esta aldea cara abaixo, seguimos por pista asfaltada que en seguida nos introduce no desfiladeiro de Río Aller, fantástico canón de apertadas paredes. Esta pista cruza o río por unha ponte e despois de medio quilómetro remata a foz. Cruzamos novamente o río para seguir polo camiño tradicional que baixa da Paraya (650 m) onde damos por rematado este percorrido.

 

Peña Redonda (1.826 m)

 

      Para subir a Peña Redonda, no Collado de Palmián temos que coller un sendeiro a dereita que a través da lomba de Palmián nos leva a cara sur de Peña Redonda. Unha vez na súa base trepamos cara ao noroeste as esculpidas chemineas ás que coroa Peña Redonda.

      Este cume amósanos unha fermosa paisaxe do concello de Aller así como dos abismos da cara norte. Logo de baixar, camiñamos en dirección sureste ata o Collado de Caniecha, onde enlazamos co camiño que baixa a Río Aller