09 06 21 Porto Ventana - Pico Ferreirúa - Páramo (Teverga) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Teverga (Asturias)               

 

PUNTO DE PARTIDA: Porto de Ventana (1.588 m)

ACCESO: En Trubia collemos a estrada AS – 228 que sobe ao porto de Ventana.

HORARIO: 5/6 h.                              DESNIVEL: 388 m de subida / 1.176 m de baixada 

DISTANCIA:                                      DIFICULTADE: Media             TIPO DE ROTA: Travesía       

MAPAS: I.G.N. - 77 – I – III - IV  

SINOPSE: Teverga limita ao sur coa Babia leonesa e Somiedo; ao oeste  con Proaza e Quirós; ao norte con Belmonte de Miranda, Grado, Tameza e Proaza; e ao oeste tamén con Somiedo.

           Teverga é un dos concellos asturianos con maior proxección montañeira escondendo nos seus innumerables montes ao oso pardo e a pita do monte, ambos en perigo de extinción.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: A camiñada sae do porto de Ventana (1.588 m) en dirección oeste seguindo a liña divisoria de provincias e augas vertentes. Pasamos facilmente a Peña del Cuervo (1.756 m) para baixar ao cimbro do mesmo nome (1.705 m), dende o cal en cómodo camiñar alcanzamos a lomba de Las Combas (1.845 m).

            Seguidamente camiñamos polas escabrosas cristas de Las Coronas (1.883 m), seguindo por outro tramo máis suave, antes de atacar o costo e áspero rochedo que sobe ao cumio do Ferreirúa . (1.976 m).

            Esta afiada agulla, está asentada sobre as costeiras boscosas do concello de Teverga e as súas aldeas de montaña. Podemos ver polo leste os cumes dos Fontanes; polo sur temos a comarca da Babia e o Morronegro, e polo oeste aparece a escabrosa aresta da cordilleira e montañas de Somiedo.

            A baixada facémola cara ao cimbro de Refuexu despois de deixar os primeiros tramos na parte alta chea de pedreiros que baixan case ata a base do pico. Unha vez no cimbro de Refuexu (1.725 m) internámonos por monte de piornos, avanzando diagonalmente ata o alto do porto de Las Navariegas (1.753 m), situado por riba do val de La Verde e as pendentes abas que caen a terras de Páramo. Temos boas vistas coa serra de Sobia e a aldea de Villasub.

            O carreiro baixa polo norte caendo na fermosa braña de Las Navariegas (1.590 m), conxunto de cabanas espalladas polo rechán de campeiras, enmarcadas entre os cumes que a rodean, destacando o pico Requexu e as súas caídas cara ao rego de La Verde.

            Abandonamos a braña pola parte baixa, collendo un camiño que se interna pola marxe esquerda do rego no faial de Braniella, de grandes dimensións, que tapa ambas marxes do rego de La Verde. Este, máis abaixo, forma a fervenza de El Xilvo que despena as augas contra as pulidas rochas de laxe que forman o leito do río. Pouco despois está a encrucillada de La Ferbienza, onde antano esperaban o oso para cazalo.

            O camiño, agora, é de bo andar e variada traza; ao comezo, baixa en suave pendente, en diagonal, atravesando unha zoa rochosa que da vista a parte superior da fervenza; despois o camiño fai agudas revoltas entrando nun tremendo faial, para saír máis tarde nas primeiras praderías, a partir das cales, o camiño é máis ancho e case horizontal ata chegar a aldea de La Focella (1.100 m), onde collemos unha estreita pista asfaltada que baixa ao lugar de Páramo (800 m)