09 07 19 Río Sor (O Vicedo) Lugo (Mañón) A Coruña
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: O Vicedo (Lugo) Mañón (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: Ponte do Porto (120 m)
ACCESO: Na saída de Covas (Viveiro), na glorieta, temos que coller a saída pola LU – 6603 xirando á dereita no lugar de Chao así chegamos a Riobarba. Dende aquí collemos unha pista que en sinuosa baixada nos leva á Ponte do Porto
HORARIO: 4/5 h DESNIVEL: 150 m DISTANCIA: 10 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía MAPA: I.G.N. – 8 –
SINOPSE: Esta rota, agás un tramo na súa parte media, transcorre pola beira do río, por sendeiros feitos polos pescadores principalmente. A sombra está asegurada na maior parte do percorrido, salvo o tramo antes dito que nos aparta do río para salvar así unha zona inaccesible.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta sinxela camiñada comeza no lugar de Ponte do Porto (120 m). Collemos un carreiro de pescadores seguindo a marxe dereita do río que nos vai levando xunto ao leito entre a espesa vexetación, co murmurio da auga no seu lento camiñar.
Así chegamos a un monte de eucaliptos, recentemente cortado, que representa a dificultade máis notoria desta camiñada. Temos que subir uns 50 m de desnivel, polas pistas abertas para a saca da madeira, ata o cimbro deste cordal, pois neste tramo, non é posible o recorrido xunto ao río. Unha vez no cimbro temos que baixar por uns chanzos feitos nas escarpadas abas deste monte e dende os cales xa divisamos a fervenza de Augas Caídas.
Logo de pasar enfronte da fervenza, chegamos a refuxio de Cubelas, un antigo muíño, reconstruído a modo de refuxio e con unhas mesas no exterior. Dende este lugar parte un sendeiro que a través dunha ponte cruza o río chegando as inmediacións da fervenza que logo ascende por unha forte pendente ata a parte superior da fervenza onde hai unha área recreativa.
Seguimos pola mesma marxe do río, sempre pola beira do río, acompañándonos sempre a frondosidade da ribeira. Pouco máis adiante atopámonos coa fonte de Cubelas, lugar ata o cal chega unha pista, pero nós debemos coller sempre o carreiro que vai pegado ao río que seguimos ata que atopamos unha ponte que temos que cruzar para deixarnos na fermosa área e refuxio de Salustio. Neste lugar ben merece facer unha parada para contemplar a rehabilitación do muíño convertido en refuxio, a foresta de ameneiros e carballos e a paz que hai neste lugar.
Partimos da área de Salustio, agora pola marxe esquerda do río, onde o camiño mellora notablemente, quedándonos moi pouco para chegar a área recreativa de Ponte Segade (200 m), onde temos a oportunidade de darnos un baño no río e tomar unha cervexa, no bar, antes de coller o autobús.