26 08 22 DA XESTA A MONDOÑEDO
| PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Abadín e Mondoñedo (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Área de servizo do Rei das Tartas (530 m)
ACCESO: Desde a autoestrada A-8 collendo a saída 552
HORARIO: 5/6 h DESNIVEL: 500 m de subidas / 1.000 m de baixadas
DISTANCIA: 17 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Rúa San Roque - Mondoñedo (125 m)
COTA MÁXIMA: Alto do Fiouco (698 m)
MAPAS: I.G.N. – 24 – I - III
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a andaina na área de servizo collendo o Camiño de Santiago en dirección contraria. Este camiño baixa lixeiramente facendo dous zigzags ata a canteira de mármore de Lousada, lugar onde deixamos o Camiño de Santiago para xirar á dereita e comezar a subir por monte autóctono. Xunto á fervenza de Augas Santas cruzamos o rego de Muras e seguimos por carreiro ata as ruínas de San Cosme Vello, que rodeamos pegados as paredes e deixándoo á nosa dereita.
Un pouco máis arriba, o camiño xira á esquerda dando vista á fervenza de Muras para chegar á estrada asfaltada de Samordas que cruzamos recto cara ao muíño eléctrico de temos enfronte. Agora seguimos a pista do parque eólico que se achega a autoestrada desviándonos un pouco máis adiante para pasar xunto á Pena Furada. Camiñamos agora monte a través desde onde temos unhas espectaculares vistas do val de Mondoñedo.
O camiño agora achégase á autoestrada pasando por debaixo do viaduto pero sen cruzar a estrada xa que o próximo que imos visitar é o Alto do Fiouco, punto máis alto deste percorrido. A partir de aquí, xiramos á esquerda para comezar a baixar pola zona central desta lomba ata que máis abaixo aparece un carreiro que collemos cara á esquerda.
Máis abaixo, xunto ao monte as Peneliñas, temos un camiño que collemos á dereita ata as plantacións de eucaliptos onde collemos á esquerda cruzando uns arames para baixar cara á Valiña. Máis abaixo cruzamos de novo os arames e seguimos de fronte un anaco xa que máis abaixo temos que xirar á dereita para coller o camiño da Valiña. Cruzamos polo medio do barrio ata o final do mesmo onde deixamos a pista de acceso a este núcleo e collemos á dereita seguindo a pista que baixa á casa da Pradela que deixamos á nosa esquerda.
Na seguinte curva a pista xira á esquerda pero nós collemos un ramal que sae pola dereita. Temos unha indicación da ruta da auga que seguimos para cruzar o rego de Valiñadares pola ponte da Puxiga para entrar pouco despois no barrio de Pacios. Aquí a ruta segue entre un cabazo e unha casa onde podemos ver unha sinal amarela e branca na cepa da escaleira do cabazo.
O camiño agora sobe e segue ata a casa da Ribeira onde cruzamos unha cancela para pasar pouco despois o barrio de O Vilar, que deixaremos á nosa esquerda. Agora baixamos polo monte pasando xunto a unha corripa para chegar de novo ao río de Valiñadares, onde existen as ruínas dun muíño, cruzamos a ponte de Supena e seguimos cara a este núcleo ata un cruce de camiños onde hai uns indicadores.
Seguimos de novo a Ruta da Auga un anaco xa que axiña o abandonamos collendo nunha bifurcación o ramal da dereita chamado o Camiño das Sete Voltas. Máis adiante saímos a pista da Ruta da Auga, onde hai un cartel informativo, collemos á esquerda e por un carreiro ata un cruce onde collemos á dereita nun tramo de ida e volta ata a fervenza de O Coro.
De volta, seguimos o camiño que vai xirando á esquerda cara á Louseira onde cruzamos de novo o rego de Valiñadares e seguimos a pista que baixa á Casería desviándonos xunto as casas á esquerda que cruza en diagonal a pista seguindo por riba do barrio de Os Muíños bordeando O Palomar para entrar pouco despois en Mondoñedo na rúa de San Roque.
