22 08 11 DE ISABA A ZURIZA POR EZKAURRE (GR - 11.4

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: Isaba (Navarra) Zuriza (Huesca)

PUNTO DE PARTIDA: Isaba (800 m)

ACCESO: Pola estrada NA – 137 

HORARIO: 6/7 horas                      DESNIVEL: 1.405 m de subida/ 950 de baixada                               

DISTANCIA: 18 km            DIFICULTADE: Alta           TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Isaba (800 m)     COTA MÁXIMA: Peña Ezkaurre (2.045 m)     

MAPA: Valles de Belagua y Roncal de Alpina – 1:25.000

 

SINOPSE: O desnivel a superar e o terreo da parte alta da montaña fan que posiblemente esta sexa unha das etapas máis esixentes do GR – 11 que nos leva desde Navarra a terras de Aragón.

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos de Isaba, desde unha praza no centro do pobo, e collemos a rúa que sae en dirección leste, polo vello camiño que pasa xunto á ermida de Belén, avanzando pola marxe dereita do río Belabarze e desembocando nunha pista, ata un marcado cruce, Ateas de Belabarze, (860 m) onde o camiño se bifurca.

            Collemos a pista da dereita que logo de cruzar unha ponte entra no val de Berroeta. De seguida cruzamos o barranco de Berroeta, logo do cal, abandonamos a pista por un camiño que sae á nosa esquerda. Este tramo de bosque afronta un desnivel importante, aínda que, o maior desnivel terémolo que superar nas derradeiras ramplas antes de saír a terreo despexado, nas empinadas abas de Mendikosanz.

            Chegamos a unha especie de cimbro a partir do cal o despéxase o terreo. De fronte vemos a crista herbosa con varias elevacións cara á que temos que ir a media ladeira. Pasamos sobre un faial enlazando con dita crista, con moi boas vistas cara a ambas vertentes. Camiñamos sen maior problema dirixíndonos cara ao preto lago de Ezkaurre, situado nun fermoso emprazamento ao pé da parede de Ezkaurre, aínda que pode estar seco dependendo da época do ano.

            Logo de pasar uns arames, rodeamos o lago pola esquerda para coller unha canle de forte pendente que sobe pola ladeira sur de Peña Ezkaurre. No primeiro tramo temos varias trepadas con moi bos agarres que fai entretida a subida pero, pouco antes de chegar á metade da canle, o terreo empeora tendo que afrontar tramos de pedreira.

            Así chegamos á meseta cimeira para seguir en dirección leste e chegar ao cume sinalado cun pequeno buzón e vertixe xeodésico. Desde o cume, seguimos un cómodo camiño que logo de varias revoltas e por terreo mellor, lévanos a un pequeno cimbro logo do cal, comezamos a parte máis dura da baixada.

            Un estreito rego rochoso enfila  directamente pola  cara norte cara ao Cuello Abizondo, que vemos bastantes metros máis abaixo, na linde do bosque. Dura baixada duns douscentos metros, que non da tregua e onde temos que ter coidado de non esvarar debido a forte pendente.

            Chegado ao Cuello Abizondo (1.638 m) entramos no bosque cuxo primeiro tramo é bastante cómodo pero, de seguida, a pendente aumenta considerablemente e temos que volver a ter coidado de non esvarar. Esta pendente dura practicamente ata que chegamos á estrada.

            Unha vez nesta, remontamos por ela ata o Collado Argibiela (1.297 m) e collemos o camiño que en cómoda baixada nos leva ata Zuriza.