10 04 02 Circular da Pedriza Anterior (Manzanares El Real) Madrid
VER PUNTO DE SAÍDA | VER TRAZADO DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Manzanares el Real (Madrid)
PUNTO DE PARTIDA: Casa Julián - El Tranco (Manzanares el Real)
ACCESO: Entrando na vila de Manzanares el Real a carón do castelo, atravesamos o centro urbano e no extremo oposto, xusto antes de cruzar o río Manzanares, collemos unha rúa que sobe xunto a el. Seguimos sempre a rúa xunto ao río ata rematar nun aparcadoiro con bares (preto do final hai un cartel á esquerda que indica cara ao restaurante El Tranco, que debemos ignorar). A saída está xunto ao restaurante Casa Julián (889 m).
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL ACUMULADO: 654 m DISTANCIA: 11 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular MAPAS: I.G.N. – 508 - II – IV
SINOPSE: A Pedriza é un lugar privilexiado para a observación e estudo do modelado das rochas graníticas. Aínda que a litoloxía e a estrutura xeolóxica son os principais factores condicionantes do relevo, tamén a influenza do clima foi importante como axente modelador.
AVISAMENTO: Debemos por especial atención si o camiño está mollado porque a rocha tórnase moi esvaradía, sobre todo nos tramos máis avesíos.
DESCRICIÓN DA RUTA: Na fachada dereita do restaurante hai unhas escaleiras por onde comeza a ruta (889 m). Cando rematan as vallas das fincas colleremos a Senda de las Carboneras, que sae á esquerda. Vamos cara ao oeste durante un tempo e logo o sendeiro xira cara ao norte (1.129 m). Neste punto deixamos momentaneamente o sendeiro, camiñando cara ao leste, por entre rochas baixamos ao Mirador del Tranco (1.179 m), con fermosas vistas da vila de Manzanares e do encoro de Santillana. Se temos sorte poderemos ver o voo dalgún voitre, abundante nesta zona. A parede as nosas costas é a Piedra del Reloj.
Volvemos sobre os nosos pasos para retomar a Senda de las Carboneras, chegando asía a Gran Cañada de la Pedriza (1.227 m). Neste punto existe un importante cruce de camiños. Ao oeste, o camiño que baixa a Canto Cochino. Ao leste, a propia Gran Cañada que nos levaría a Senda Maeso e cara ao norte, continúa a Senda de las Carboneras que é a que debemos seguir.
De seguida atoparemos unha fonte e detrás dela, o sendeiro volve a empinarse. No Collado de la Encina o camiño suavízase e xa podemos ver a impresionante mole do Yelmo, pasando ao seu lado polas praderías (1.519 m).
Aínda que pouco visible pola estepeira, estamos nun cruce de camiños. A esquerda subiríamos ao Collado de la Vistilla. A dereita, o barranco levaríanos a Senda Maeso. Seguimos de fronte para subir aínda un pouco máis ata alcanzar a cota máxima desta ruta. Comezamos a baixar suavemente sen abandonar o sendeiro ata chegar a un cruce sinalizado con fitos onde comeza ou remata a Senda Maeso (1.521 m).
A Senda Maeso baixa directamente ata a vila de Manzanares el Real. Nosoutros seguimos en dirección NE durante 500 metros por sendeiro horizontal ou con lixeira subida. O camiño xira bruscamente cara ao NW e baixa, nalgúns tramos abruptamente entre rochas. Este tramo, en seco, non presenta ningunha dificultade pero, en mollado existe o risco serio de esvarar. Cando o camiño se suaviza atopámonos preto do Collado de la Dehesilla (1.381 m).
Neste cimbro temos que tomar o GR – 10 en dirección oeste. O camiño baixa pola estepeira suavemente pasando xunto a pedra de El Tolmo (1.225 m) e o refuxio Giner de los Ríos (1.138 m).
Dende o refuxio baixamos por unhas escaleiras e xiramos á esquerda, deixando o GR – 10. Temos que localizar un sendeiro que baixa pola marxe esquerda do regato Majadilla. O chan é bastante irregular durante algo máis dun quilómetro e logo camiñaremos pola pradeira preto do regato.
Cruzamos o camiño que sobe de Canto Cochino cara a Gran Cañada. Un pouco máis adiante o regato xúntase co río Manzanares. Seguimos por esta marxe ata chegar ao chiringuito da entrada a Garganta de la Camorza.
A dereita do noso camiño, unha pasarela de obra, permite cruzar o Manzanares. O río xira bruscamente para entrar na Garganta Camorza pero nosoutros seguimos o camiño sempre pola marxe esquerda. Pasamos o chiringuito seguindo o sendeiro ben marcado que nos leva ata El Tranco.