25 01 18 MONTE SEGADE - RÍO MERA - O VERAL

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Lugo

PUNTO DE PARTIDA: Aparcadoiro de Monte Segade (380 m)

ACCESO: Desde Lugo pola estrada N-640, coller a primeira saída despois da ponte. Indicador Monte Segade.

HORARIO: 5/6 h                  DESNIVEL: 380 m                DISTANCIA: 16,5 km

DIFICULTADE: Media          TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Punto de saída (380 m)             COTA MÁXIMA: Preto do petróglifo (580 m)

MAPAS: I.G.N.-72 – IV – 97 – II 

SINOPSE: Esta ruta, na súa primeira parte segue o curso do río Mera onde existen varios muíños, a maioría en estado de abandono. A outra alternativa atravesa un fermoso bosque pero vai afastada do río no primeiro tramo. Logo o resto do camiño atravesa varios montes e pequenas aldeas.

            Esta ruta solo está sinalizada no sendeiro do río Mera, unha vez que rematan as sinais, temos moitos cruces e bifurcacións que ao mellor non están descritos na folla de ruta polo que é imposible de seguir sen un G.P.S., así que a xente deberá ir agrupada salvo que á alguén lle apeteza perderse.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos camiñando por estrada asfaltada cara a Orbazai ata a primeira bifurcación. Aquí, pola esquerda aparece un carreiro algo tapado no comezo que sobe polo monte. Logo de percorrer uns 250 m temos dúas opcións: seguir de fronte ou coller un carreiro con forte baixada ata a beira do río.

            Por calquera das dúas opcións, chegaremos a unha ponte onde de novo podemos cruzar o río ou seguir pola súa marxe dereita onde logo de 3 km xúntanse de novo os camiños para seguir a mesma traza.

            A partir de agora, o río queda á nosa esquerda, seguimos avanzando polo carreiro que desemboca nunha pista. Seguimos cara á esquerda un pequeno tramo para abandonar esta pista collendo pola dereita un camiño que aparece antes de cruzar o río. Seguimos por este camiño, pola marxe esquerda do río, ata as casas de Mera onde aparece unha bifurcación na que seguimos de fronte deixando a área recreativa á nosa dereita. Camiñamos por pista asfaltada seguindo cara á aldea de O Veral onde podemos visitar a igrexa de San Vicente.

            Seguimos pola pista ata a seguinte casa onde xiramos á dereita pasando diante dela subindo, agora por camiño de terra, cara ao Monte do Rego. o primeiro tramo deste camiño cruza un  monte de eucaliptos en diagonal, saíndo axiña ao bosque autóctono polo que seguimos por un carreiro que desemboca nunha pista de terra.

            Collemos a pista cara á dereita pola que imos ata que entroncamos con outra que ven de Penarrubia, aquí collemos á esquerda tendo que pasar unhas pozas de auga que ocupan todo o ancho do camiño pero que pasamos sen dificultade.

            Logo de camiñar uns metros por esta pista, de fronte temos unha sinal de prohibido o paso por zona privada polo que xiramos á dereita por outra pista pero que deixamos no primeiro camiño que aparece pola esquerda.

            Este camiño vai por un piñeiral bordeando a finca e as casas de Lamaboa,  aparece unha pista que atravesamos de fronte para seguir por piñeiral ata que atopamos outra pista. Aquí collemos á dereita cara a un cruce de camiños. Xusto no cruce podemos ver unha frecha con dúas puntas e un círculo no medio gravado nunha rocha.

            Neste cruce de pistas, hai que fixarse para ver un carreiro que se interna á esquerda nunha finca de eucaliptos. Collemos ese carreiro, moi usado por ciclistas de montaña, que baixa por esta finca abaixo ata unha pista. Cruzamos esa pista internándonos agora nun monte outóctono seguindo o trazo feito polos ciclista que nos vai achegando ao rego de Portaforoso desembocando nunha pista asfaltada.

            Collemos á dereita camiñando pola pista uns metros pero axiña aparece un carreiro á dereita que sobe pegado a un muro. Superada a primeira pendente, o camiño segue en chan con a aldea de Ferreiros á nosa esquerda. O camiño cruza en chan ata preto da pista asfaltada onde, uns metros antes, temos que xirar á dereita para subir por un tramo de forte pendente entre un prado á esquerda e o monte á dereita. Axiña coroamos noutra pista na que collemos á esquerda, costa abaixo, ata a seguinte bifurcación na que seguimos pola dereita camiñando en chan uns metros. Na seguinte bifurcación seguimos á esquerda un tramo por pista asfaltada ata que na primeira curva enfronte dunha casa aparece unha pista pola dereita pola que seguimos cruzando o rego de Lamaboa e entrando nunha carballeira que nos acompañará ata a beira do río Miño.

            Temos que prestar atención pois, despois de cruzar o rego de Lamaboa a uns douscentos metros, temos que coller un carreiro que se interna na carballeira pola que baixamos ata unha pista asfaltada, collemos á dereita uns metros para abandonala en seguida pola marxe esquerda seguindo outro carreiro que baixa á una pista asfaltada.

            Seguimos esta pista cara á dereita ata unha curva pechada onde seguimos de fronte collendo agora un camiño de terra que forma parte da eco vía do Miño. Seguimos este novo trazo atravesando o río Mera por unha ponte de madeira e na seguinte bifurcación, deixamos a eco vía para seguir de fronte por un camiño que sobe á estrada de Orbazai, moi preto de onde comezamos a ruta.

            Espero que vos guste esta ruta pero repito, non se pode facer sen o GPS.