15 08 28 Amitges - Colomers

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Parc Nacional d´Aigüestortes i Estany de Sant Maurici

PUNTO DE PARTIDA: Ref. de Amitges (2.366 m)

ACCESO: Ao refuxio de Amitges chégase desde Espot. Acédese en coche ata o aparcadoiro da entrada do Parque (Prats de Pierro). Dende aquí podemos seguir a pé por sendeiro ben marcado que pasa xunto ao lago de Sant Maurici. No circuíto de Carros de Foc chégase dende os refuxios de Ernest Mallafré (xunto ao lago Sant Maurici) ou dende o refuxio de Saboredo.

HORARIO: De 4 a 6 horas       DISTANCIA:  12 km             

DIFICULTADE: Media             TIPO DE RUTA: Travesía        

DESNIVÉIS: De subida 350 m / de baixada 600 m.

    Nin os desniveis nin a distancia contemplan as opcións de subir ó Pic de Ratera (2.862 m) ou ó Tuc de Sendrosa (2.702 m)

COTAS MÁXIMAS: Port de Ratéra: 2.572 m e Cóth de Sendrosa: 2.451 m

MAPA: Carros de Foc (Ed. Alpina) 1:25.000

DESCRICIÓN DA RUTA:

1ª parte:

De Amitges (2.366 m) a Saboredo (2.299 m) 2h a 3h (6 km)

            Saímos do refuxio seguindo a pista forestal uns 300 m, que nos sitúa na cabeceira do Estany Gran d´Amitges. A partir de aquí seguiremos comodamente os postes de madeira que nos acompañarán ata o Port de Ratéra (2.594 m) nas portas do Val d´Arán.

            Este cimbro é moi amplo e, unha vez nel seguimos uns metros por camiño chan ata atopar o desvío á nosa dereita que nos levará baixando sen dificultade  e con continuas marcas de GR ata o refuxio. É importante fixarse para non coller o camiño, tamén GR, que baixa de fronte a Colomers. 

2ª parte:

De Saboredo (2.299 m) a Colomers (2.138 m) 2h a 3h (6 km)

           Neste tramo pasaremos dun dos circos lacustres menos coñecidos do Pirineo ao máis grande e frecuentado de todos eles.

            Saímos á dereita do refuxio en lixeira baixada, por debaixo do Lac de Baish para pouco a pouco ir ganando altura. O camiño pasa por riba dunha gran rocha e por terreo herboso acadaremos o Coth de Sendrosa (2.451 m).

            A baixada, algo máis acentuada, sempre por terreo herboso, seguindo o estreito camiño que labra o paso da xente e unha vez chegado a un chan con restos de obras, iremos en dirección a un túnel que hai á nosa esquerda. Uns 50 m antes de chegar a el, collemos un camiño que sae á nosa dereita en lixeira subida para chegar aos Lacs de Cloto (Baish i Naut).

            Pasamos polo Lac de Colomers e logo dunha pequena subida e baixada, situámonos na presa con o refuxio ao outro lado, situado sobre a mesma parede da presa.

         Podemos escoller un dos dous picos que nos quedan de camiño, incluso os dous para os/as máis atrevidos/as

Pic de Ratéra (2.862 m) (sen dificultades técnicas)

Subida desde Port de Ratera (2.594 m)

Distancia: 900 m       Desnivel de subida: 268 m

Tempo de subida: 1 h

 

Tuc de Sendrosa (2.702 m) (sen dificultades técnicas)

Subida desde Cóth de Sendrosa (2.451 m)

Distancia: 800 m       Desnivel: 251 m

Tempo: De 40 a 50 minutos.