07 07 29 - 30 Vivac en Ponga e Sajambre

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

(Collada Llomena, Recuenco, Collau Zorro, Pileñes, Peña Ten, Arcenorio, Pío, Oseja)

SITUACIÓN: Concellos de Ponga (Asturias) e Sajambre (León 

PUNTO DE PARTIDA: Alto da Collada Llomena

ACCESO: Seguindo a estrada que comunica Cangas de Onís con o porto do Pontón. Coller a AS – 261 que vai a San Juan de Beleño. Collada Llomena está a 4 km. de Beleño.

DIFICULTADE: Media/alta      TIPO DE ROTA: Travesía        MAPAS: I.G.N. – 55 – III – 80 – I   

SINOPSE: A xente destas montañas viviu en perfecta simbiose con elas, pero tamén nun ambiente agreste e difícil, onde a súa actividade realizábase a base de enorme esforzo, moito tempo e sobre todo moita paciencia. Debido a distancia e desniveis a salvar, esta rota está pensada para facerse en dúas xornadas, bivacando en calquera dos moitos sitios que temos para facelo.

            Con esta actividade propomos un percorrido polos recunchos mais descoñecidos deste lugar, pasando por riba do bosque de Peloño, o mais grande i emblemático de Asturias, así como a ascensión aos cumes máis altos de Ponga. Logo de pernoitar ao aire libre, rematar a camiñada baixando polos extensos e fermosos faiales das terras de Sajambre.

      A rota aquí descrita é unha opción totalmente subxectiva, podendo variar o itinerario en calquera momento en función das necesidades que poidan xurdir durante o desenrolo do percorrido.

                                                                 

DESCRICIÓN DA ROTA: A camiñada parte do alto da Collada Llomena (900 m.) avanzando cara ao sur por un camiño que separa as cuncas dos ríos Sella e Ponga, ofrecéndonos fermosas panorámicas do Cornión e da Cordilleira Cantábrica.

      Así chegamos a campeira de Les Bedules (1.093 m.) onde se xunta o camiño con outro que ven do Cabañón. Uns metros máis adiante temos unha fonte na que nos aprovisionamos de auga e xunto a cal o camiño toma rumbo sur. Superamos un promontorio que dobra o Boscón de Rosaria por debaixo dun repetidor de T.V. para continuar dende Biforco pola ladeira do Tozu cuberta dunha densa mancha forestal. A pista vadea varios regatos que invaden os prados. Case sen darnos conta, cruzamos pola Mofosa e a súa vella cadra apegada a unha ruidosa fervenza, para de seguida remontar cara a Les Llampes as costas da ladeira oeste do Tozu, por unha zoa de asolagamentos.

      Estamos nas campeiras de Les Llampes (1.300 m.) onde existe un bebedeiro inutilizado e cabanas en ruínas. A rota prosegue polo cimbro de Les Caldes e pola chaeira da veiga, onde no final, comeza a subida por marcado sendeiro que chega ata o cimbro (1.397 m.), pasando por unha zoa de illados exemplares de faias e pola fonte de Escalín. Por alí achegámonos a base da cara este do Recuencu, a máis vulnerable de todas as súas vertentes e tamén a de menor desnivel.

      A empinada ladeira asómase sobre a veiga de Enol rematando a rota normal na crista cimeira do pico (1.648 m.) onde se achega a un pavoroso abismo sobre o val do Ponga.

      Volvemos os nosos pasos ata o cimbro de Les Caldes (1.397 m.) dende o cal nos diriximos en dirección sur por camiño moi perceptible que se interna no bosque. Superamos diagonalmente ata o Collado Pumarín (1.512 m.), fermosa campeira e balcón dominante baixo os derrubes de Picu Lluengu (1.787 m.) que nos ofrece unha das panorámicas máis fermosas da espesa umbra do bosque de Peloño. O sendeiro agora, liberado de árbores, déixanos observar as dúas alternativas da subida ao cume de Collau Zorru (1.844 m.).

            A menos recomendable, (Camín de les Cabres) remonta a ladeira de Picu Lluengu diagonalmente ata traspasar unha cristeira calcárea, con un paso un tanto inseguro, que remata no cimbro de Les Barboli, (Collau Zorru no mapa). Ata aquí chega tamén a rota normal (Camín de les Ovelles) que dende Pumarín prosegue ao sur pola vertente de Peloño para traspasar a Cuenye do esporón Luengu, tramo labrado na rocha, por onde aparecemos na base do Valle Antiguo. Xiramos ao oeste remontando a herbosa bagoada ata un cerco de pedras e a fonte de Valdeviñelli en dirección a crista cimeira cercada con arame de espiños e un muro de pedras. Dende Les Barboli (1.729 m.) remontamos a empinada ladeira norte coroando este prestixioso cume.

      Seguimos en dirección sur cara aos Puertos de Sus (1.613 m.) e os Collados de Obrango (1.453 m.). Pileñes, esvelta montaña pero menos relevante que Peña Ten, está agardando a nosa visita.

      Bordeamos esta montaña pola ladeira do nacente ata o Collado Cardal ou das Arriondas (1.746 m.). Este cimbro enmarca perfectamente os macizos Occidental e Central dos Picos de Europa, cos exuberantes prados de Arcenorio en primeiro plano aos nosos pés.

            Bordeamos por debaixo do cume de Pileñes, subindo pouco a pouco, coa idea de saír na crista final ao nordeste do cumio. Esta aresta resulta bastante afiada, brindándonos á nosa chegada fermosas vistas do faial de Peloño, ao lonxe, en día despexado, o mar Cantábrico. De novo un grande achádego para tan pouco esforzo. Xiramos ao sudoeste e subimos pola aresta, anque non traballosa si exposta se camiñamos polo mesmo fío, para así chegar ao mesmo cume de Pileñes (2.019 m.).

      Outra formidable panorámica, esta vez, de case todos os cumes da metade oriental da Cordilleira Cantábrica, dende Ubiña ata Palencia. Con unha recompensa así, a calquera lle gusta ser montañeiro ou montañeira.

      De novo temos que volver os pasos ata a Collada Cardal (1.746 m.) dende a cal encaramos a ladeira norte de Peña Ten superando duros repeitos que rematan na aresta cimeira. Polo lombo do cristeirío culminamos a ascensión a este cume de 2.142 m. co seu vértice xeodésico.

      Este cume, non parece moi apetecible pola súa forma redondeada ou de ascensión aburrida, pero nada máis lonxe da realidade, xa que na práctica, esta montaña é moito máis agreste do que parece, con unha larga i estreita crista en sitios, onde temos moitas oportunidades de asomarnos ao abismo.

      Despois de admirar os fermosos  horizontes dende o teito de Ponga, dispómonos a baixar de novo esta vez en dirección nordeste. Bastante estreita nalgúns sitios, a crista resulta entretida asomándonos unha e outra vez aos derrubes da cara norte. Si fai vento, temos que extremar as precaucións nunha zoa tan exposta desta baixada. Logo chegando a baixo, poderemos gozar de cheo do inferno dos despromes, gracias a un espléndido balcón natural a nosa esquerda. Esta é unha das zoas máis espectaculares da rota. Seguimos baixando cara a Hondonada, un gran prado circular e agora xirando en dirección norte, buscaremos o mellor sendeiro que nos deixe en Arcenorio (1.450 m.).

      Varias cabanas compoñen esta veiga con ermida en devoción a La Santina, festa que se celebra o 8 de setembro con unha grande romaría.

      Saímos de Arcenorio, agora con rumbo este ata a Collada Campa (1.634 m.), que é a de menor altura entre Peña Mora e Peña Jarres, e baixamos cara ao Nordeste pisando unha larga campeira, cruzando as hoxe abandonadas brañas de Los Mesegueros, Jurniello e Carbanal. Preto de Los Mesegueros mana o Güeyo Chico. Dende o Collado Yaete (1.402 m.), deixámonos caer cara a aldea de Pío (750 m.) pola antiga pista mineira pasando pola braña de La Cruceta e cruzando o río Zarambral por La Puente (720 m.) xa nas inmediacións de Pío.

      Dende Pío, o itinerario máis fácil para chegar a Oseja de Sajambre é seguir a estrada asfaltada, anque temos a opción de buscar o antigo camiño que comunicaba Pío con Oseja (725m.) pasando por Vierdes (625 m.)