04 12 19 Serra de Caranga – Pico La Hoya (Proaza) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

(A)  Serra de Caranga

(B)  Picos La Hoya e La Forcá

                       

PUNTO DE PARTIDA: Proaza   

ACCESO: A vila de Proaza está situada na estrada que une Trubia con Tevergae Quirós.

HORARIO: De 4 a 6 h                                          DESNIVEL: (a) 481 m (b) 1.000 m

DIFICULTADE: (a) Baixa            (b) Media             TIPO DE ROTAS: Travesías

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Comezamos esta andaina en Proaza cruzando a famosa Senda do Oso e collendo a pista que sobe a aldea de Villamejín. A pista de formigón pasa entre as casas altas da aldea e chega até o depósito da auga.

Detrás do depósito a pista bifúrcase e tomamos o ramal da dereita, que nos leva entre carballos, freixos, faias, castiñeiros e abeleiras en dirección sur. Pasamos xunto a unha fonte con bebedeiro a man dereita e logo as cabanas de La Fabariega, onde a pista se converte en camiño.

            Cando cheguemos o Collado de Aciera teremos vistas non só cara atrás, sobre a parte baixa do val de Trubia, senón tamén cara o sur e o concello de Quirós. Chamaranos a atención a fina forma do Pico Mayor na serra de Gorrión, ademais de Peña Rueda e o cordal do Huerto del Diablo ao fondo. Pero seica o que máis nos impresiona neste momento son os cumes de Pico La Hoya e La Forcá, que se levantan 500 m. por riba de nós.

            A rota fácil segue de fronte todo en baixada a través do Val Pedroso para chegar a  Aciera e logo o encoro de Valdemurrio, pero quen elixa subir aos cumes de La Hoya e La Forcá debe abandonar o cimbro en dirección noroeste por un sendeiro de gando que, sen case ganar altura, leva a unha fonte ao lado dunha rocha. Agora debemos xirar cara ao oeste e remontar a ancha e aberta canle de herba que nos separa da crista da serra de Caranga. A medida que vamos subindo faise cada vez máis pendente e chegamos a Collada de la Forcá para sentarnos un anaco e gozar das vistas de Caranga e a zona de Teverga. A dereita temos o fácil cume de La Forcá e a esquerda a afiada crista que sobe ao cume principal.

            Alcanzamos unha brecha onde dous estreitos sendeiros baixan a dereita polo lado de Caranga. Nós non facemos caso e seguimos pola mesma crista, nunha posición moi aérea, até unha segunda brecha onde pasamos definitivamente a parte de Caranga. Un camiño de cabras, e nunca mellor dito, pasa primeiro por debaixo da parede de dous cumes menores, La Verde e Cueto Mar, e logo sobe uns metros por unha rampla na rocha para deixarnos ao lado dunha pequena pilastra solitaria, dende a cal chegamos ao cume de Pico La Hoya (1.194 m).

            A panorámica é do máis gratificante, se temos un pouco de sorte. A baixada podemos facela por onde subimos, pero se queremos unha alternativa, seguimos a crista cara ao sur uns dous ou tres minutos até chegar a unha rocha bastante curiosa, coa forma da cabeza dunha galiña. A esquerda hai unha especie de canle, Canal de Cerreo, que se vai estreitando cara abaixo até chegar a formar un embude que remata nun corte vertical que dende enriba non se ve pero que se intúe.

            Iniciamos a baixada, primeiro polo medio do pedreiro e máis tarde pola esquerda. Un sendeiro intermitente, marcado con algún fito, achéganos ao estrato de rocha cóncava que limita a canle pola esquerda. Volvemos cara ao centro da canle uns momentos e pasamos por debaixo dunha banda de rocha, para baixar logo en diagonal cara a nosa esquerda (NO). O camiño lévanos por unhas repisas entre paredes de rocha e logo entra nunha pequena canle de pedra solta por onde baixamos. Ao remate, desembocamos nun terreo máis aberto e moito menos complicado que nos deixa no Collado de Aciera.

            Proseguimos sen perda baixando cara ao sur, entre Proaza e Quirós, e desta forma pasamos por El Llano, unha pequena aldea cuxa vida xira en torno a escola de escalada nas magníficas paredes que dominan o lugar. Dende El Llano, unha pista lévanos a aldea de La Aciera e dende aquí unha estrada local baixa ata o val xunto o encoro de Valdemurrio, onde nos agarda o autocar.