04 04 09 VAL DO LÓUZARA (Folgoso do Caurel) Lugo
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Folgoso do Courel (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Valdomir
ACCESO: No alto de Pedrafita collemos a estrada que pasa por O Cebreiro para, unha vez superado o alto do Poio, xirar á esquerda camiño de Seoane e de Folgoso. Dende aquí o autobús baixará uns 3 km para deixarnos na ponte de Valdomir.
HORARIO: 4/5 h DISTANCIA: 12 km TIPO DE ROTA: Circular
DESNIVEL: 250 m DIFICULTADE: Baixa MAPA:I.G.N. – 156 – IV
OBSERVACIÓNS: Temos que lamentar que O Courel non sexa precisamente exemplo de xestión no que atinxe á defensa da riqueza natural e da vida no rural fronte ao progreso mal entendido. Para os interesados no sendeirismo é difícil atopar rotas nas que non predominen o alcatrán ou, en todo caso, as modernas pistas forestais. Os vellos sendeiros están case abandonados. Aínda así, pensamos que é un sitio que vale a pena visitar.
DESCRICIÓN DA ROTA: Comezamos a rota en Valdomir, na ponte sobre o río Lor. Hai un bar restaurante no lugar por si a alguén lle interesa. Seguimos a estrada para salvar o único tramo con desnivel apreciable de toda a xornada. Valdomir está a uns 450 m de altitude, e a aldea de Eiriz, que é a nosa seguinte referencia, a 700 m. Chegaremos en aproximadamente unha hora de camiñada a este punto, que é o mais alto da rota.
Na entrada de Eiriz acábase o alcatrán e a cousa mellora un pouco: os próximos quilómetros son por unha pista de terra sempre en cómodo descenso, na que chama a atención a gran cantidade de ferro que ten a rocha do valado esquerdo. Á nosa dereita, aínda que moitos metros mais baixo, discorre o río Lóuzara formando un profundo val antes de xuntarse con o Lor en Touzón. As alvarizas destacan na ladeira de enfronte por onde logo imos pasar. Son construccións de pedra feitas para protexer as colmeas, e normalmente están en ladeiras soleadas porque os enxames rexeitan o frío.
Chegados a Lousadela (1h 45’ aprox.) tomamos por fin contacto con o río Lóuzara. Imos camiñar agora seguindo a corrente do río en rumbo contrario ao que traíamos. Cruzando por entre as casas atopamos unha cancela de madeira que da paso a unha horta (deixar a cancela como estaba e non pisar no labrado) para de seguido chegar a un dos recunchos mais fermosos da rota: baixo unha ponte de madeira, o río forma un gran pozo de augas cristalinas azul-verdosas que logo caen nunha pequena fervenza.
Entramos agora nun sendeiro que serpexa sen desniveis importantes entre un manto de matueiro que case o pechan nalgúns puntos. Alguén dixo que os toxos non pican se non se mira para eles. Teremos que ter coidado cos esvaróns sobre todo se o chan está mollado (esto afecta en especial a unha pontiña de paos sobre un rego).
Pasada 1h 30m dende Lousadela, e despois de camiñar uns metros pola pista que baixa de Folgoso, cruzamos de novo o Lóuzara xa preto do seu encontro con o Lor. Estamos de seguida en Touzón. Dende aquí, e xa acompañando a este fermoso río, pasaremos por A Pendella para rematar a rota de novo en Valdomir (25minutos dende a última ponte). Contando cos tempos de parada, o percorrido poderíanos levar unhas catro horas e media.
NOTA: Se queremos completar a xornada poderíamos subir dende Lousadela a Seceda (5 km ida e volta por estrada). Esta aldea, con clásica estructura medieval empoleirada, presume dunha fantástica restauración.