04 05 01 CAMPA DA BRAÑA – CAMPA DE BREGO – PENA RUBIA (Cervantes) Lugo
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: (Os Ancares) Cervantes – Lugo
PUNTO DE SAÍDA: Campa de Braña
ACCESO: O camiño máis fácil e coller a estrada Becerreá – Navia de Suarna, desviarse por San Roman a Degrada e Campa da Braña.
HORARIO: Ruta curta: 5 horas. Subindo a Pena Rubia: 7,30 h
DESNIVÉIS: Ruta curta: 420 m. Subindo a Pena Rubia: 822 m
DIFICULTADE: Rota curta: Fácil. Pena Rubia: Alta TIPO DE ROTAS: Travesías
MAPA: I.G.N. – 125 – II
DESCRICIÓN DAS ROTAS: Esta camiñada comeza xunto ao albergue de Ancares, (1.300 m) situado a un quilómetro de Campa da Braña. Saímos en dirección sur leste pola pista que sobe a Tres Bispos pero ao pouco atopamos outra pista a dereita, a cal temos que coller.
Unhas columnas que dan paso ao montes de Cervantes e unha fonte de laxe, indícannos que vamos na dirección correcta. Aquí comeza unha baixada, que paseniño nos vai metendo no bosque, pasamos xunto a unha vella edificación no lugar de Cabana Vella (1.100 m) que foi aserradoiro en tempos pasados. Á esquerda do camiño atópase un curioso exemplar de castiñeiro con un burato que ben cabería unha persoa dentro. O sedeiro segue ata atoparse co Río da Vara que baixa ruidoso polo medio do bosque. Comeza a subida, paralela ao río, bastante esixente pero non moi longa, que pasando xunto a un fermoso bosque de acivros nos vai situar no que se chama a Golada da Vara (1.400 m) (nos Ancares, os pasos dos cimbros chámanse goladas). Dende este sitio vemos o refuxio de Brego situado nun fermoso recuncho no medio dun prado. E un bo sitio para dar conta da xanta e descansar se o día o permite.
Quen decida subir a Pena Rubia, dende o refuxio debe seguir en dirección sur cara a un descampado que se ve ao outro lado do río de Brego ata a Golada Cotrón de Valongo (1.500 m). Dende esta posición, hai que seguir o cordal pasando polo Alto das Becerreiras (1.683 m) e camiñar de fronte á montaña que temos por obxectivo, Pena Rubia que vemos case en todo momento.
Pena Rubia (1.826 m) ten un impresionante baleiro na cara leonesa, como case todos os cumes do cordal de Ancares, esta modesta cordilleira serve de divisoria das terras de Lugo e León. Este airoso cume, amósanos fermosas e extensas vistas das terras do Bierzo, Cervantes e As Nogais.
Despois dun merecido descanso, volvemos polo mesmo camiño ata o refuxio de Brego para, unha vez alí, comezar un longo descenso a media ladeira pola Serra das Maseiras cara a aldea de Deva. Seguimos uns metros por pista asfaltada ata desviarnos novamente por camiño cara a veciña aldea de Pando.
Dende Pando, baixamos ao Río da Vara, o cal cruzamos por unha ponte e acometemos a derradeira subida da xornada, nada difícil, que nos vai deixar en Cela (960 m).