05 01 16 CABO ORTEGAL – SAN ANDRÉS DE TEIXIDO (Cariño e Cedeira) A Coruña
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF EN CASTELAN |
SITUACIÓN: Cariño e Cedeira (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: Cabo Ortegal
ACCESO: Dende a C – 642, a altura de Ponte Mera, hai que coller a estrada que vai á Cariño. Dende aquí seguimos a sinalización ata o Cabo Ortegal.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 600 m.
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE ROTA: Travesía MAPAS: I.G.N – 1 – III - IV
DESCRICIÓN DA ROTA: Dende a Punta dos Aguillóns no Cabo Ortegal, retrocedemos 750 m. pola estrada ata unha pista de terra, pola que subimos. Hai un paso para evitar a saída do gando. A pista vai subindo e a aldea de Vacariza vai quedando aos nosos pés para despois de dous quilómetros e medio chegar a unha pista asfaltada.
Camiñamos escasamente un quilómetro pola pista de asfalto onde hai dous miradoiros, un sobre a vila de Cariño e outro orientado cara ao interior da ría, con Espasante, Ladrido e Ortigueira no leste e a Serra da Capelada ao oeste.
Collemos a primeira pista que aparece á dereita e na segunda curva vamos cara á esquerda por un corta lumes, primeiro cara ao norte e logo cara ao oeste.
Despois de sete quilómetros de recorrido, chegamos á estrada que vai a San Andrés, pero nunha curva que se aproxima aos cantís, onde hai unha caseta do gando, ao pasala collemos unha pista á dereita que vai pola beira dos cantís, e tan preto del como se queira podemos camiñar durante dous quilómetros para, salvando os arames, chegar á Garita de Herbeira (s XVIII). Arredor dela hai un miradoiro sobre o cantíl que nese punto, con 614 m. de altura, é o máis alto de Europa.
Seguindo cara ao oeste vaise baixando entre os cabalos que pacen libremente e o mar, xunto ao peche dos arames que nos leva ao camiño, marcado como rota, que pasa por riba dos prados da aldea de Teixedelo e sae á estrada xunto a un cruceiro que xa puidemos observar dende a garita. Dende aquí podemos ver o lugar de San Andrés de Teixido, e do outro lado, fronte a nós, o cruceiro dos Carrís. Volvendo á estrada, sen chegar a ela, á dereita baixa un camiño, as veces carreiro e outras canle, pouco usado polos peregrinos, que chega a un dos aparcadoiros que existen no lugar.
En San Andrés pódese visitar a capela e a fonte bebendo dos tres canos sen apoiarse. Temos tres centos metros por un carreiro que nos leva ata os cantís da beira do mar.