26 09 17 IBONES DE ANAYET
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Valle de Tena - Sallent de Gállego (Huesca)
PUNTO DE PARTIDA: Aparcadoiro El Portalet (1.750 m)
ACCESO: Pola estrada que sobe desde Sabiñánigo ao Portalet
HORARIO: 4/5 h DESNIVEL: 600 m DISTANCIA: 11 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Corral de Las Mulas (1.620 m)
COTA MÁXIMA: Ibón de Anayet (2.245 m)
MAPA: Valle de Tena 1:25.000 de Editorial Alpina
SINOPSE: O Pirineo garda recunchos de conto. Un deles está ao remate do Val de Tena onde podemos atopar os Ibones de Anayet. Este nome ven da palabra aragonesa “anayóns” que significa arandeiras, arbusto abundante nas ladeiras destas montañas.
A ruta ata os lagos é sinxela polo que podemos gozar do entorno e unhas vistas espectaculares e inmellorables do Midi d´Ossau.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do aparcadoiro para pasar entre as bases dos remontes de Batallero e Espelunciecha, comezando a subir en dirección sur – suroeste por un cómodo carreiro atravesando o que no inverno sería a pista azul de Batallero. Atravesamos por unha ponte para cruzar ao outro lado do rego acadando de seguida o Collado de Batallero.
Neste punto collemos unha pequena rampla á nosa dereita e seguimos polo carreiro camiñando agora por debaixo das abas do Pico Oriental Espelunciecha. Durante este tramo o camiño vai case sen desnivel, bordeamos pola parte esquerda un pequeno lago e poucos metros máis adiante pasamos por diante do refuxio de La Glera. A partir de aquí, comezamos novamente a gañar altura suavemente, deixando atrás o desvío que sobe ao Collado de Espelunciecha.
Desde aquí xe é ben visible a espectacular mole do pico Anayet, e en pouco tempo chegamos aos prados que rodean o Ibón de Anayet (2.233 m), un lago glaciar de modestas dimensións pero cunha ubicación extraordinaria de postal, debaixo do pico Anayet e a panorámica sobre o Midí d´Ossau.
Despois de bordear o lago en toda a súa extensión volvemos a coller o mesmo camiño de volta un pequeno tramo, xa que agora seguiremos o trazo do GR – 11.
Este camiño vai pola Garganta, seguindo o barranco de Culibillas deixando no primeiro tramo a Punta da Garganta á esquerda. Non teremos problema en seguir as sinais do GR – 11 que nos levarán ao aparcadoiro de Anayet e desde aquí, por estrada asfaltada ao remate da ruta no aparcadoiro Corral de Las Mulas.