26 03 21 ZOFRERAL DE COBRANA - ALTO DOS NAVALLOS
PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Comarca do Bierzo – Congosto (León)
PUNTO DE PARTIDA: Cobrana (720 m)
ACCESO: Desde a A-6 en dirección Madrid, coller a saída 378 cara a Congosto. Seguir pola LE-5303 ata Congosto poboación que temos que atravesar ata a ermida do Santo Cristo onde collemos á dereita dirección a Cobrana.
HORARIOS: 4/5 h DESNIVEIS: 384 m / 505 m DISTANCIAS: 12 km / 14,5 km
DIFICULTADES: Baixa / Media TIPO DE RUTAS: Travesías
COTA MÍNIMA: Valle de Iruela (676 m)
COTAS MÁXIMAS: Miradoiro de Cobrana (986 m) Alto de Los Navallos (1.118 m)
MAPA: I.G.N. – 159 – I
SINOPSE: Un dos bosques perennes máis espectaculares da provincia de León é o Zofreral de Cobrana. Fai uns anos, a asociación El Zofreral puxo en valor esta ruta. Deseñou os trazos, limpou os carreiros, construíu pontes e sinalizou de tal maneira que quedou unha ruta perfecta.
Esta ruta é totalmente recomendable e apta para todo o mundo, está moi ben sinalizada con sinais azuis e brancas, facendo moi difícil perderse e agora, grazas ao seu esforzo, podemos gozar dela comodamente.
DESCRICIÓN DA RUTA: Xusto onde comeza a ruta temos un cartel explicativo da ruta que está perfectamente sinalizada. Camiñamos en dirección sur para saír de Cobrana rumbo aos diferentes sobreirais que iremos atopando.
Aparece o desvío a La Cabaña, un fermoso sitio con variedade de árbores como aciñeiras, castiñeiros, e algunha sobreira. Seguimos a camiñada seguindo as marcas chegando axiña a o desvío ao Zofreral del Escobal, situado nunha zona das máis rechamantes da ruta, que remontamos en suave subida polo Reguero de la Iruela, deixando detrás un par de pontes de madeira.
Pasado este primeiro sobreiral, chegamos a un cómodo carreiro tendo unha intersección onde seguimos as indicacións da ruta longa. Aparecen máis desvíos onde seguiremos as indicacións da ruta longa sempre. O camiñar entretido lévanos ao Zofreral de los Tesos, o sobreiral situado máis ao leste da ruta.
O camiño está sendo fermoso, pero teremos que seguir prestando atención nos desvíos que vaiamos atopando, rematando así, outro tramo en suave ascenso. Chegamos a unha pista forestal pola que seguimos uns metros ata coller un desvío cara ao norte que nos leva á pequena área de descanso de Los Colmenares (780 m) onde tamén existe unha fonte. Podemos facer unha parada e botar unha ollada cara atrás para ver os Montes Aquilianos.
Seguimos a camiñada ata unha pista, deixando á nosa esquerda o Zofreral del Moucho, onde nos desviamos á dereita seguindo o indicador. A seguinte parte da ruta xa non ten tantos incentivos. Temos que ir gañando metros por unha ancha pista forestal sen complicacións, cruzando un piñeiral desde a que temos moi boas vistas.
En pouco tempo chegamos ao desvío que se dirixe ao Zofreral de Arriba (940 m), o máis alto desta ruta. Agora camiñaremos por un carreiro estreito pero espectacular.
Saímos deste sobreiral para chegar ao miradoiro de Cobrana, onde temos unha área de descanso e un cartel informativo. Unha parada para gozar das vistas con a poboación de Congosto e o encoro de Bárcena ne primeiro termo.
Seguimos a andaina para chegar a unha bifurcación onde seguimos pola dereita, pasamos unha curva pechada á esquerda para chegar a un cruce de camiños. Aquí abandonamos a pista para coller un carreiro á esquerda que baixa paralelo á pista polo medio do piñeiral. Chegado a un punto, xa podemos ver o santuario da Virxe da Pena ao que chegamos despois de atravesar unha explanada que serve de aparcadoiro.
Despois de visitar o santuario e o miradoiro, volvemos á explanada anterior para coller un carreiro que aparece á dereita da estrada. Logo dun curto tramo o carreiro atravesa a estrada asfaltada deixándoa agora á esquerda. Temos unha bifurcación onde seguimos de fronte, agora por pista, que vai entroncar con a estrada asfaltada máis abaixo. Desde aquí seguimos por asfalto ata Congosto onde entramos xunto á ermida do Santo Cristo (700 m), onde rematamos esta travesía.
Alto de Los Navallos
Para ir ao Alto de Los Navallos, uns catrocentos metros despois de pasar o miradoiro de Cobrana ou Peña Redonda, temos que coller o ramal da pista que xira á dereita e sobe en dirección leste no primeiro tramo. Á esquerda queda o miradoiro de Pena Viciosa, ao que podemos achegarnos. Despois a pista chega a un cruce no que seguimos de fronte e no seguinte cruce, xiramos á esquerda para emprender o último tramo que nos leva ao alto dos Navallos (1.118 m).
Desde os Navallos, baixamos en dirección sur ata un cruce de camiños onde seguimos de fronte pero, axiña temos outra bifurcación onde, neste caso, imos pola esquerda para baixar á pista noutro cruce de camiños onde collemos o carreiro entre os pinos baixando tal como se describe na ruta anterior.