25 11 15 RUTA DOS SEQUEIROS DE MOSTAD E MINA DA TOCA
| PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN | MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: O Caurel (Lugo)
PUNTO DE PARTIDA: Seoane do Caurel (660 m)
ACCESO: Desde a auto estrada A-6 no alto de Pedrafita coller a LU-633 que pasa polo Cebreiro ata a LU-651 que vai ao Caurel.
HORARIO: 5/7 h DESNIVEIS: 400 / 750 m
DISTANCIAS: 11,8 / 17 km DIFICULTADE: Media / Alta TIPO DE RUTAS: Circulares
COTA MÍNIMA: Ponte do Lor en Ferreira Nova (550 m)
COTA MÁXIMA: Camiño de Piñeira (1.020 m)
MAPA: I.G.N. – 157 – I
SINOPSE: Os romanos instaláronse nas serras do norte do Caurel para explotar os abundantes xacementos auríferos que existían nestes montes. Para iso empregaban a forza da auga desde as zonas altas para realizar operacións de arrastre do material. Desta maneira, podemos ver no Caurel varios restos destas antigas explotacións escavadas na montaña a ceo aberto. Exemplos de elo son a Mina da Toca, Mina do Taro Branco, Sequeiros de Mostaz, Cova de Tras, Minas de Torubio, Millares e Túnel da Louseira.
DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada parte do núcleo de Seoane collendo un camiño que baixa a Ferrería Nova, cruzando o río Lor (550 m) e seguindo un tramo pola estrada que vai a Moreda. Aos poucos metros despois de cruzar a ponte collemos un carreiro á esquerda que sobe polo monte camiño de Esperante. Logo dunha forte subida cruzamos o rego de Muiñelo para entrar na aldea de Esperante (680 m).
No centro da aldea, parte un camiño á dereita, xunto a un indicador, que sobe polo souto de Esperante e cruza a estrada asfaltada seguindo as indicacións da ruta dos Sequeiros de Mostad. O camiño sobe pola ladeira do monte de forma suave deixando a aldea de Mostad á dereita pero que non vemos pola espesura do monte.
O camiño vai xirando á esquerda para empalmar con a Ruta do Lor pola que seguimos ata a estrada por riba do cámping. Camiñamos uns metros por dita estrada cruzando de novo o río Lor (580 m) ata que aparece un carreiro que sobe pola dereita.
Quen non queira facer esta subida duns 200 m de desnivel, non ten máis que seguir pola estrada asfaltada, un quilómetro e medio, ata Seoane.
O resto da xente, segue o carreiro que sobe polo monte arriba cruzando a estrada de Seoane á altura de Piñeira.
Neste lugar, a ruta curta colle o camiño vello a Seoane mentres que para ir á mina de A Toca temos que cruzar a aldea de Piñeira (840 m) en dirección oeste pasando xunto á Fonte da Fragua no núcleo de Vales (860 m). O carreiro sobe ata entroncar nunha curva cunha pista (1.020 m) que sobe de Piñeira. Agora por bo camiño seguimos con pequenas baixadas e subidas ata unha bifurcación onde collemos o ramal da dereita que baixa á mina da Toca (1.000 m).
O carreiro vai facendo zigzags e cruza o rego Arroxo da Aiga (900 m) chegando de novo ao núcleo de Piñeira onde temos outra fonte. Entroncamos con o camiño de ida polo que volvemos uns metros para deixalo aos poucos metros e coller o camiño antigo a Seoane. Este camiño vai por riba e paralelo á estrada, cruza a pista (720 m) que vai a Meiraos e chega a Seoane.