21 07 17 SERRA DO XISTRAL - REGO DOS CORUXOS

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Muras (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA: Estrada LU – P – 0104

ACCESO: Desde o Campo da Feria de Gontán pola estrada LU – P – 0101 durante 8,5 km para coller á esquerda a LU – P – 0104 e seguir por ela ata a primeira pista que sobe pola dereita ao parque eólico.

HORARIO: 4/5 horas                      DESNIVEL: 450 m              DISTANCIA: 17 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Cruce do río Landro (600 m)

COTA MÁXIMA: Debaixo do Xistral(960 m)

MAPA: I.G.N. – 23 – II

SINOPSE: Aínda que é unha pena a cantidade de eólicos que se ven nesta zona, na primeira parte do percorrido temos amplas vistas de toda a Serra do Xistral, camiños polo medio do monte pechado e como remate unha fermosa fraga á beira do Rego dos Courxos.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada partindo da estrada LU-P-0104, por unha pista asfaltada que sae pola nosa dereita. Esta pista en suave ascenso vai seguindo a liña dos eólicos ata unha lomba, seguimos a pista principal obviando todas as derivacións. Comezamos a baixar para dar con outra pista pola que collemos á dereita cara a caseta de transformación.

            Desde o aparcadoiro da caseta, seguimos a andaina deixándoa a nosa esquerda. Seguimos a pista principal que comeza a baixar cara ao val cruzando varios regatos que van ao río Eume, situado á nosa esquerda, no fondo do val.

            Logo, o camiño sobe atravesando unha plantación de piñeiros cara a un novo parque eólico, onde, de novo, seguimos tramos de pistas e de camiños ata o punto máis alto deste percorrido (960 m) nas abas do pico Xistral.

            Deixamos a pista para coller á dereita atravesando un prado, camiñando agora por suave baixada. Seguimos esta pista ata un punto na que temos que abandonala, pola dereita, para baixar directamente polo monte abaixo ata atopar un carreiro no medio do monte.

            Unha vez atopado o carreiro, seguimos camiñando por el entre monte de piñeiros, camiñamos por terreo chan sen apenas desniveis. Aparece un regato que temos que cruzar por unhas pedras e o carreiro segue polo medio do piñeiral.

            Máis adiante atopamos unha cerca de arames que temos que cruzar, o carreiro vai cara a outro pequeno val que atravesamos a certa altura porque polo fondo non se pode, é unha auténtica lameira.

            Logo de camiñar polo medio do monte buscando o mellor carreiro, aparece unha zona de monte baixo que temos que cruzar, sen camiño claro, ata atopar unha pista que forma parte do PR do Rego dos Coruxos (660 m).

            Collemos ese camiño cara á dereita ata atravesar o rego é inmediatamente, logo de cruzar, collemos á esquerda seguindo as sinais do PR.

            O carreiro intérnase polo medio dun fermoso bosque, seguindo a canle do Rego dos Coruxos ata que alcanzamos unha ponte de formigón. Aquí atravesamos o río e agora por acha pista chegaremos á aldea de Penas, que cruzamos e seguimos agora por pista asfaltada.

            Seguimos esta pista, que cruza o río Landro (600 m) e de seguida chegamos a Viveiró, onde damos por rematada esta completa travesía.