25 11 15 SERRA DE CARANGA
| PUNTO DE SAÍDA | TRAZADO DA RUTA | GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Proaza e Quirós (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Área recreativa de La Buyera (165 m)
ACCESO: Desde Trubia pola estrada pola AS – 228 que vai a Teverga
HORARIO: 5/6 h DESNIVEL: 850 m DISTANCIA: 14 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Área de La Buyera (165 m) COTA MÁXIMA: Pico La Hoya (1.194 m)
MAPAS: I.G.N. – 52 – II – IV
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos esta andaina na área de La Buyera collendo a famosa Senda do Oso cara a Proaza. Cando pasamos a central eléctrica de Proaza collemos a pista asfaltada que sobe a aldea de Villamejín. Pasamos polas rúas desta localidade de norte a sur para saír pola parte alta do lugar.
Desde este punto unha pista de formigón chega a un cruce, xusto a carón do depósito da auga onde existe un indicador. Collemos o ramal da dereita entre a arborada en dirección sur. Superamos algunha rampla pasando xunto ao bebedeiro de Filmotera (444 m), á man esquerda e logo outra fonte con bebedeiro, La Cerezal (540 m) ata chegar a Llendelafaya (574 m), segue a subida pasando xunto as cabanas de Las Güertinas, El Praón e La Cal (639 m) chegando logo á Collá de Aciera (688 m) desde onte temos boas vistas tanto cara atrás como de fronte. Chama a atención a figura do pico Gorrión, ademais de Peña Rueda e os Huertos del Diablo ao fondo e pola dereita o pico La Hoya por riba das nosas cabezas.
Abandonamos este cimbro, en dirección noroeste seguindo un claro carreiro que sobe directamente cara aos derrubes de La Verde. Unha vez gañada a altura do rochedo xiramos á dereita seguindo un carreiro de gando onde se aprecia algún fito e algunha marca de pintura.
Seguimos gañando altura pola val da Forcada ata a Collá La Forcá (1.025 m) onde nos imos á dereita rodeando o primeiro resalte para coroar o pico La Forcá (1.114 m) onde hai un buzón montañeiro e un montón de pedras. Desde este lugar temos boas vistas do val de Trubia, a serra de Tene e por detrás a serra do Aramo. As Ubiñas ao fondo, Peña Rueda, Huertos del Diablo, serra de Gorrión e os picos Caldoveiro e La Loral e numerosas poboacións espalladas polas ladeiras das montañas.
Volvemos ata a Colla La Forcá para seguir pola crista en dirección ao Cuetu Mar. Logo dun tramo pola crista, seguimos o carreiro da dereita pola vertente occidental, ignorando outro carreiro que perde altura. Debemos seguir polo máis alto, pegados practicamente á rocha ata salvar unha brecha, e despois trepar uns metros por unha rampla herbosa desde onde chegamos ao cume do pico Cuetu Mar ou La Hoya (1.194 m). Estamos nunha auténtica atalaia desde onde gozamos dunha inmellorable panorámica, se o tempo o permite.
Seguimos a crista cara ao sur, un tramo curto, ata chegar a unha rocha onde, á esquerda, existe unha canle, de Cerreo, que se vai estreitando cara abaixo, a vez que aparecen fitos e o camiño máis marcado que baixa en zigzag para desembocar na Collada de Aciera.
¡¡¡Temos que por atención para non seguir cara a un embude que remata nun corte vertical !!!. Seguimos o último tramo por unha pedreira para continuar cara á esquerda, seguindo os fitos e o camiño correcto, polo prado en baixada, deixando unha pedreira á dereita, para por rumbo a La Foxaca (648 m).
Agora o camiño transita entre prados pechados con muros de pedra ata que acadamos unha cancela (612 m), situada preto da escola de escalada de El Llano. Axiña entramos nesta aldea pola parte alta. Xiramos á esquerda e, con rumbo sur seguimos a estrada que conduce a Aciera (427 m).
Desde Aciera seguimos pola estrada ata o encoro de Valdemurrio onde remata esta travesía.