08 05 18 Pendones – Tiatordos – Mestas (Caso e Ponga) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Concellos de Caso e Ponga (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Pendones (Caso)                        PUNTO DE CHEGADA: Mestas (Ponga) 

ACCESO: A Pendones chégase dende La Ponticiella, lugar situado na beira da estrada AS – 17 Avilés Puerto de Tarna.

HORARIO: A) 6/7 h.  B) 8/9 h.            DISTANCIAS: A) 15 km.      B) 18 km. 

DESNIVÉS: A) subida – 710 m. / baixada – 1.130 m.B) subida – 1.171 m. / baixada – 1.571 m.        

DIFICULTADES: A) Media B) Alta     TIPO DE ROTAS: Travesías  

MAPAS: I.G.N. – 54 – IV – 79 – II

SINOPSE: O pico Tiatordos érguese no medio dun territorio que posúe un amplo valor medioambiental. Unha mesturanza no que figuran frondosos bosques e altivas montañas, pasos angostos e regatos cristaliños. Abundan fermosas campeiras coas súas cabanas e fontes, variedade de flora e fauna e tamén, se queremos, silencio e soidade. Todo isto fai que o Tiatordos sexa unha grandiosa montaña, eu diría que perfecta, verdadeiro reflexo  desta parte Asturias

 

DESCRICIÓN DA ROTA: En Pendones (780 m.) seguimos a pista que atravesa a aldea levando o río Pendones a nosa dereita. Atopamos unha bifurcación na que seguimos de fronte cruzando o regato Rinavea chegando de novo a outra bifurcación. Continúamos pola dereita ata o regato de Ría de Faya, o cal cruzamos pola ponte Pontigo. Nada máis cruzar temos unha encrucillada de camiños. Debemos seguir o da esquerda, que vai gañando altura, deixando a cabana de La Estaferia nosa esquerda. Nunha nova bifurcación, seguimos subindo polo camiño da dereita. Axiña vemos nunha finca a esquerda, as cabanas de Les Cuestes, e un pouco máis arriba, a dereita e fora do camiño, a fonte de auga e bebedeiro de La Teyona.

            Alcanzamos un tramo de camiño chan, deixando as cadras de Sen de la Vara a esquerda, seguimos de fronte; xa podemos ver o pico Tiatordos.

            O camiño descorre entre cerdeiras silvestres ata as cabanas de La Palombar, (1.100 m.) situadas a dereita. Nada máis pasalas, abandonamos o camiño e colleremos a esquerda un sendeiro que sobe entre rochas pola Foz de la Palombar. No remate do pedreiro, a foz ábrese dando paso agora a unha zoa de prados, entre grandes faias. A esquerda do camiño temos a fonte de La Rica. Continuamos gañando altura seguindo a canle do regato ata a braña de El Pláganu (1.300 m.), continuamos subindo e atopamos a fonte de Les Fuentes e a partir de aquí, monte arriba chegamos a braña de Tiatordos (1.540 m.), tamén coñecida como Los Fitos del Tiatordos, situada mesmo na base da cara sur do pico.

            Camiñamos cara a esquerda en dirección ao Collado de la Campona buscando o mellor lugar que nos permita superar os 421 m. que nos separan do cume do Tiatordos (1.951 m.). Unha vez enriba do cume máis emblemático do Cordal de Ponga, a panorámica que nos aparece é inmensa. Primeiro a impresionante cortada que este pico presenta sobre o val de Beleño, que permite contemplar as súas aldeas aos nosos pés. Logo ao norte, os picos Canalón, La Llambria e a Peña Taranes; ao sur, os picos Maciédome, La Cerra, Montovio, o Abedular así como unha ampla extensión da Cordilleira Cantábrica; ao leste, o macizo do Cornión de Picos de Europa e polo oeste os picos de La Senda, La Carrasca e Campigüeños

            O cume ten un fito xeodésico e un singular buzón de cumes do G.M. “Pena Tallada” colocado por membros deste club o 27 de decembro de 2003.

            Despois dun merecido descanso, volvemos polo mesmo camiño ata o Collado de la Campona onde seguimos cara ao cimbro Los Fitos (1.540 m.) onde seguimos un sendeiro en dirección noroeste que nos leva a braña abandonada de Entregüe (1.430 m.), xiramos ao leste cara ao cimbro Sonsierra onde o camiño está cerrado por unha cancela, situándonos así na entrada do monte de La Bufona, chamado así polo ruído producido polo vento neste paraxe. O sendeiro baixa polo medio do faiedo facendo varios zigzags ata que chegamos ao río da Escalada (1.050 m.), que temos que atravesar para acceder ao val de Pagüe. Seguimos o sendeiro sempre en baixada entrando así na fermosa e impresionante Foz de la Escalada,que da paso a aldea de Taranes.

            Polo antigo camiño empedrado que unía Ponga con Caso, baixamos ata que chegamos a pista asfaltada de Taranes (590 m.) onde collemos a esquerda para cruzar toda a aldea e buscar o antigo camiño que baixa a estrada. Unha vez nela camiñamos por asfalto quilómetro e medio ata chegar ao balneario de Mestas (380 m.) xunto a estrada que vai a Beleño. Collemos en dirección a Sellaño e a poucos metros temos o autobús.

            Remata aquí unha das travesías máis variadas e fermosas de cantas se poden realizar en Asturias.