O GRUPO
NORMAS E RECOMENDACIÓNS e ESTATUTOS
HISTORIA
O Grupo de Montaña “Pena Tallada” xermolou das inquedanzas dun conxunto de amigos e amigas que saiamos de vez en cando a facer rotas de montaña, sen calendario prefixado, nin máis apoio que o propio afervoamento.
Vimos conveniente organizarnos, decatándonos de que habería mais xente interesada en participar, e dese xeito acadar vantaxes na procura de descubrir os segredos que a natureza esconde. O resultado foi o nacemento do club nas derradeiras datas do ano 2.000.
Oitenta socios e socias recibiron ese primeiro calendario de “Actividades 2001” que comezaba en xaneiro coa rota: Percorrido arqueolóxico por Castro en Grandas de Salime.
Amosouse atinada a iniciativa xa que tanto o número de participantes en cada saída coma as altas de socios/as foron axiña en aumento, ata chegar a superar os 300 afiliados e mover máis de 40 persoas/rota.
A maioría das veces as camiñadas percorren vales, abéiranse en montes, acompañan e atravesan ríos e regatos, pero tamén permiten, cun pouco máis de esforzo, enxergar a paisaxe dende cumes abraiantes.
O Grupo, como é lóxico, foi evolucionando, planificando novos retos que ían mais alá do que poderiamos chamar sendeirismo, achegándose algunha xente a montañas desafiantes que so se deixan conquistar trepando, ou mesmo escalando.
Unha montaña cuberta de neve é un reclamo case irresistible para moitos/as, e tamén dentro de “Pena Tallada” xurdiron os primeiros coqueteos co alpinismo invernal.
Sen pretender grandes cousas o club deu cobertura a estas iniciativas organizando cursos, coa colaboración de profesores cualificados, de orientación, escalada, alpinismo invernal, primeiros auxilios, etc.
Pasaron doce anos e aquí seguimos, se cadra sen a paixón dos primeiros tempos, pero cun grupo consolidado de xente que pode gozar cun sinxelo “paseo” de baixa montaña, suar con gusto na ascensión a calquera dos fermosos cumes que propomos, ou atreverse a conquistar ese abraiante e caótico mundo de rocha (tamén neve e xeo) que ofrece a alta montaña.
Desexamos que a cousa non decaia e que, co respecto pola natureza como principio básico, novas xentes nos vaian seguindo.
A Xunta Directiva
“Por agochados vales, entre piornos e breixos, por frondosos montes de faias e carballos que cobizan o oso e o peto real, por ríos e regatos de augas bravas, polos cumes máis altos, onde risca o rebezo e suca os ceos a aguia real, imos andar.”
SENDEIRISMO
Non sendo moi rigorosos co termo, que de xeito “oficial” se refire a percorrer sendeiros balizados, podemos dicir que esta é a modalidade principal das actividades de “Pena Tallada”.
Encadramos no apartado de sendeirismo todas aquelas rotas para as que non se precisa nin unha gran forma física, nin coñecementos técnicos, nin equipamentos especiais.
Con este criterio inclúense actividades, sobre todo ascensións con desniveis importantes, que superan probablemente o grado de esforzo desexado polo excursionista medio. Para evitar este problema temos sempre previstos, cando menos, dous niveis de dificultade, de xeito que cada persoa elixa o que mellor se axuste ás súas condicións.
As federacións distinguen entre sendeiros de pequeno percorrido, P.R., que se marcan cunha franxa amarela e outra branca, e de gran percorrido G.R., onde as franxas son de cor vermella e branca.
Pero non é criterio do club escoller rotas marcadas senón aquelas que pensamos de interese, teñan ou non a etiqueta oficial. A maioría das rotas deséñanse partindo de informacións propias ou recollidas en libros, internet, etc, que axeitamos aos nosos intereses e posibilidades. Procuramos ver “in situ” cada rota antes de levar o grupo, tentando así, evitar sorpresas desagradables e dando información precisa a quen vaia exercer de guía.
MONTAÑISMO
Sería por definición a actividade deportiva que consiste en ascender ás montañas, e o conxunto de técnicas e coñecementos orientados a conseguir ese obxectivo.
Esta denominación xenérica abrangue especialidades como o chamado alpinismo, referido ao montañismo de altura, os distintos tipos de escalada (clásica, deportiva, en xeo ...), barranquismo, carreiras de montaña, esquí de travesia, etc.
As actividades de montañismo que propoñemos dende “Pena Tallada” van dirixidas a persoas que se sintan engaioladas pola alta montaña e que asuman dende a responsabilidade individual, tanto a preparación técnica e física coma os riscos que van asociados a este tipo de deporte.
En xeral, non son aptas para grandes grupos e procuramos que quen se apunta a estas propostas teña claro sempre o tipo de dificultades con que nos imos enfrontar.
Non están sempre postas no calendario, dada a decisiva influencia da meteoroloxía para poder afrontalas. Isto é aínda máis importante cando tentamos progresar por neve/xeo. Neste caso só e posible decidirse con moi poucos días de antelación.
Se estás interesado/a neste tipo de actividades procura non perder contacto co club.
PARTICIPAR
Se che parece que “Pena Tallada” é unha boa opción para achegarse ao mundo da montaña, a seguinte guía pode servirche de axuda:
Calquera persoa pode apuntarse ás actividades, aínda que os socios/as teñen prioridade se faltasen prazas no autobús e, por suposto, prezos máis baixos polo transporte.
Se es socio ou socia recibirás antes de cada tempada un calendario impreso coas actividades a realizar. O público xeral pode consultar esta web para informarse, www.penatallada.es.
Poden, sobre todo se non se ten moita experiencia, xurdir dúbidas de que unha actividade sexa ou non apta para as nosas capacidades. Non deixes de preguntar antes de apuntarte.
Para apuntarse a unha saída abonda con chamar ao teléfono 659 953 361 ou mandar un e-mail usando, se queres, o formulario de contacto que se atopa na propia páxina web. Procura facelo con varios días de antelación, porque nos axudas a organizar o transporte e non te quedas sen praza.
Cadaquén co seu criterio e a súa experiencia saberá o que precisa levar a cada rota, pero de xeito xeral é importante: roupa cómoda e calzado apropiado (botas de montaña ou similar); mochila para levar comida, auga, roupa de abrigo, chuvasqueiro, etc; vara ou bastón para axudarse en tramos complicados; no verán crema de protección solar e sombreiro. Moi aconsellable é deixar no autobús unha bolsa con roupa para cambiarse cando volvemos da rota.
A puntualidade é fundamental, así que procura estar no lugar fixado para a saída con tempo de sobra.
Na maioría dos casos a saída é as 7 h, e facemos unha parada para almorzar.
Recibirás unha folla coa descrición da rota e un mapa, aínda que sempre haberá xente da Directiva que coñeza o percorrido para exercer de guía. Debes colaborar e seguir os seus consellos.
ESTATUTOS (2018)
* ESTATUTOS DO CLUB *
GRUPO DE MONTAÑA “PENA TALLADA”
CAPITULO I:
NORMAS XERAIS:
Artigo 1º.- O Club GRUPO DE MONTAÑA “PENA TALLADA” é unha Asociación privada con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas ou xurídicas, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.
Artigo 2º.- O Club GRUPO DE MONTAÑA “PENA TALLADA” practicará como principal modalidade deportiva a de MONTAÑISMO, e solicitará a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de conformidade coa Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.
O Club GRUPO DE MONTAÑA “PENA TALLADA” practicará así mesmo a modalidade deportiva de SENDERISMO e para tal fin funcionarán as seccións deportivas correspondentes, sen prexuízo de que a Asemblea Xeral poida acordar a creación doutras.
Artigo 3º.- O domicilio social do Club GRUPO DE MONTAÑA “PENA TALLADA”
fíxase no lugar de REME DE ARRIBA, nº 4, C.P. 27714, poboación RIBADEO, Concello de RIBADEO, Provincia de LUGO.
Teléfono 659 953 361, fax --, e-mail Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
O Presidente cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral Extraordinaria.
En ámbolos casos, o traslado de domicilio social non implicará modificación estatutaria, e terá de ser notificado aos socios, e ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
CAPITULO II
CLASES DE SOCIOS, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGACIÓNS
Artigo 4º.- O número de socios será ilimitado. A Asemblea Xeral poderá suspender, non obstante, a admisión de novos socios cando así o esixan razóns de aforo ou capacidade física das instalacións. Os socios poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios, aspirantes e familiares.
Artigo 5º.- Son socios de número todas as persoas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asemblea Xeral.
Os menores de 18 anos, clasificaranse como socios aspirantes, tendo dereito ao uso das instalacións sociais mediante a cota que se fixe e pasarán automaticamente a ser socios de número ao cumpriren a maioría de idade.
Serán socios honorarios aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade.
Son socios familiares todas aquelas persoas que dependan economicamente dun socio de número e convivan con el no mesmo domicilio.
Artigo 6º.-
1.- Os socios de número terán os seguintes dereitos:
-
Contribuír ao cumprimento dos fins específicos da asociación.
-
Esixir que a Asociación se axuste ao disposto na normativa autonómica deportiva e ao establecido nos presentes Estatutos.
-
Separarse libremente da Asociación .
-
Coñecer as actividades da Asociación e examinar a súa documentación, previa petición razoada ao Presidente.
-
Expor libremente as súas opinións no seo da Asociación.
-
Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno da Asociación, sempre que teña plena capacidade de obrar.
2.- Son obrigacións dos socios de número:
-
Aboar as cotas que esixa a Asemblea Xeral.
-
Contribuír ao sostemento e difusión do deporte ou modalidades Deportivas.
-
Acatar cantas disposicións dite a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva ou Presidencia, para o bo goberno da sociedade.
3.- Os socios aspirantes terán dereito a aproveitarse dos servizos e instalacións sociais da Asociación.
4.- Os familiares dos socios de número terán dereito a aproveitarse daqueles servizos e instalacións que se determinen, previo pago da cota fixada.
Artigo 7º.- Para ser admitido como socio, en calquera das súas modalidades, será necesario:
-
Ter a idade sinalada para cada unha delas.
-
Solicitude por escrito dirixida á Presidencia.
-
Satisfacer a cota de ingreso correspondente.
Artigo 8º.- A condición de socio pérdese:
-
Por vontade propia.
-
Por falta de pago das cotas sociais durante tres meses consecutivos, previo requirimento de pago, e consecuente Resolución da Presidencia.
-
Por acordo da presidencia no seu caso, fundado en faltas de carácter grave, previa audiencia da persoa interesada, que haberá de ser ratificado na primeira asemblea xeral que se celebre.
-
Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.
CAPITULO III
ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO
Artigo 9º.-
Son Órganos de representación e goberno do Club, a Asemblea Xeral e a Presidencia.
Artigo 10º.-
A Presidencia é o órgano executivo do Club, posúe a representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno executando os acordos destes.
O cargo de Presidente é a título gratuíto e carente de interese nos resultados económicos da explotación, por si mesmo ou a través de persoa interposta.
Será elixido mediante sufraxio libre, directo, o igual e secreto por e entre os membros da Asemblea Xeral, cada 4 anos.
Artigo 11º.-
O Presidente cesará por:
-
Transcorrer o prazo polo que foi elixido.
-
Dimisión.
-
Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.
-
Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.
-
Inhabilitación por sentencia xudicial firme ou sanción deportiva.
Artigo 12º.-
1.- Como órgano complementario dos de goberno e representación poderá haber unha xunta directiva que actuará como órgano colexiado de xestión do Club, e exercerá as funcións que este estatuto lle confire.
2.- Os membros da Xunta Directiva serán designados e revocados libremente pola presidencia, debendo dar conta diso na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Da mesma formará parte un secretario e un tesoureiro. Todos os cargos serán gratuítos e carecen de interese nos resultados económicos do club por si mesmos ou persoa interposta.
Artigo 13º.-
1.- A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros, e, en todo caso da Presidencia.
2.- A Xunta Directiva convocarase pola Presidencia, con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración.
A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída, cando estean presentes todos os seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.
3.- En especial corresponde á Xunta Directiva:
-
Dirixir a xestión do Club, velando polo cumprimento do seu obxecto social.
-
Formular o inventario, memoria e presuposto anual, que se someterá a aprobación da Asemblea.
-
Aplicar todas as medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Club.
Artigo 14º.-
O Secretario da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e levará o Libro de rexistro de socios e o Libro de Actas.
Artigo 15º.-
1.- O Tesoureiro da Xunta Directiva será o depositario da Asociación, asinará os recibos, autorizará os pagos e levará os Libros de Contabilidade.
2.- Será obriga do Tesoureiro formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de todos os asociados.
Artigo 16º.-
1.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno do Club e estará integrada por todos os seus socios de número.
2.- As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus asociados. En segunda e última convocatoria, media hora máis tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de membros presentes. Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán de mediar, como mínimo, dez días naturais e non poderán transcorrer máis de vinte.
Artigo 17º.-
A Asemblea Xeral convocarase pola Presidencia a iniciativa propia ou do vinte e cinco por cento, ao menos, dos socios de número.
1.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, previa convocatoria do Presidente, polo menos unha vez ao ano para tratar as seguintes cuestións:
-
Memoria, liquidación do presuposto, balance do exercicio, rendición de contas e aprobación se procede.
-
Presuposto para o seguinte exercicio.
-
Proxecto e propostas da Presidencia ou da Xunta Directiva.
-
Proposicións que formulen os socios e que terán de ir asinadas polo menos, polo cinco por cento dos mesmos.
2.- Terá que se celebrar Asemblea Xeral extraordinaria para a modificación de Estatutos, elección da Presidencia, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, alleamento de bens inmobles e fixación de cotas dos socios, e calquera outro acordo previsto nestes estatutos ou que se estime oportuno pola Presidencia ou proceda legalmente.
Artigo 18º.-
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos presentes, requiríndose unha maioría cualificada e un quórum determinado de asistencia para aqueles asuntos que establezan os estatutos. Serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega Deportiva da modalidade ou perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
CAPITULO IV
RÉXIME DOCUMENTAL
Artigo 19º.-
O réxime documental do Club, constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios, de Actas e Contables.
Artigo 20º.-
No libro de Rexistro de Socios, terán de constar os nomes e apelidos dos socios de número, o seu Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan no Club. Tamén hanse especificar as datas de altas e baixas, e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos.
Artigo 21º.-
No libro de Actas, consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As Actas terán que estar asinadas, en todo caso, polo Presidente e o Secretario.
Artigo 22º.-
Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigacións, e ingresos e gastos do Club, debéndose precisar a procedencia daqueles e a inversión ou destino destes.
CAPITULO V
RÉXIME DISCIPLINARIO
Artigo 23º.-
Os órganos e socios do Club estarán sometidos ao regulamento disciplinario do Club e ao disposto no Título VII da Lei 3/2012, do Deporte de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.
Artigo 24º.-
Así mesmo a Presidencia e os membros da Xunta Directiva responderán fronte os socios, o Club ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia do Club e o Ordenamento Xurídico vixente.
CAPITULO VI
RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO E PATRIMONIAL
Artigo 25º.-
-
No momento da creación do Club deportivo, o patrimonio fundacional é: INEXISTENTE, SEN CAPITAL INICIAL, e dispón das seguintes instalacións e locais propios: NINGÚN.
-
No futuro o patrimonio do Club estará integrado por:
-
As achegas económicas dos socios, que aprobe a Asemblea Xeral.
-
As doazóns e subvencións que reciba.
-
Os resultados económicos que pode producir as manifestacións físico-deportivas que organice a entidade.
-
As rendas, froitos e intereses do seu patrimonio.
Queda expresamente excluído como fin do Club o ánimo de lucro. A totalidade dos seus ingresos e beneficios aplicaranse ao cumprimento dos seus fins sociais.
Artigo 26º.-
O Club poderá gravar e allear bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos:
1.- Que se autoricen tais operacións por maioría de dous terzos dos socios presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraordinaria.
2.- Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo poderase esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos socios de número, o oportuno ditame económico- actuarial.
3.-Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles que foran financiados en todo ou parte, con Fondos Públicos da Comunidade Autónoma será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia.
Artigo 27º.-
O Club poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, que serán nominativos.
Os títulos inscribiranse nun libro que levará ao efecto o Club, no que se anotarán as sucesivas transferencias.
En todos os títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o interese e prazo de amortización.
Artigo 28º.-
Os títulos de débeda só se poderan subscribir polos asociados, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial aos socios, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente.
Artigo 29º.-
Os títulos de parte alícuota patrimonial han ser asemade, subscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.
Artigo 30º.-
Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre os que teñan a condición de socios.
CAPITULO VII
REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUB
Artigo 31º.-
Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous terzos dos socios de número asistentes.
A reforma destes estatutos seguirá, con respecto ao Rexistro Entidades Deportivas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.
Artigo 32º.-
O Club extinguirase ou disolverase:
a) Por acordo de os dous terzos dos socios en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto.
b) Por sentencia xudicial.
c) Por outras causas legalmente determinadas.
En todo caso haberá de ser notificado ao Rexistro de Entidades Deportivas.
Artigo 33º.-
Disolvido O Club, o remanente do seu patrimonio social, se houbera, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galicia.
O importe da viaxe págase no propio autobús.
Nota: Isto serve para as rotas clasificadas como sendeirismo. Se queres participar nas clasificadas como montañismo e conveniente que te informes para cada caso concreto. Neste caso é obrigatorio dispoñer de licenza federativa, que o propio club se ocupa de tramitar a todos os socios e socias que o soliciten.